Charla-coloquio de Fermín Bouza en Vilalba


Redacción.- Vilalba acollerá o vindeiro sábado 9 de marzo a charla-coloquio “A desafección política”, a cargo do escritor e sociólogo Fermín Bouza Álvarez. O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, terá lugar a partir das 19 horas no Centro Cultural e Recreativo da capital chairega.

Fermín Bouza (Compostela, 1946) vive en Madrid desde o ano 1969, onde chegou fuxindo da policía para evitar a deportación. Licenciado en Filosofía e en Psicoloxía e catedrático de Socioloxía, especializado en Opinión Pública, que exerce na Facultade de Ciencias da Información da Universidad Complutense de Madrid.

Membro fundador de ACOP (Asociación de Comunicación Política), tamén escribe textos literarios, particularmente en galego (o seu libro de poemas Labirinto de Inverno foi Premio da Crítica Española). Asemade, Fermín Bouza é un dos colaboradores máis destacados do noso xornal.

Fóra do ámbito universitario, cómpre destacar que mantén un blog en lingua castelá (El voto con botas) no que comenta a situación política tanto galega como española, facendo fincapé nos temas de lingua e mantendo posturas marcadamente progresistas e galeguistas, non en van é fillo do intelectual Fermín Bouza-Brey.


6 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión