Don Alberto o Navegante

Fermín Bouza.-
   
Feijóo ía co capo nesa foto mariña. Se non usase el mesmo, o mesmo PP e os delegados de feito do mesmo PP na prensa estatal e galega, aquela foto de Anxo Quintana (BNG) co empresario na campaña das eleccións autonómicas galegas de 2009, se non fixesen, digo, o que foi a campaña máis dirty (suxa) da democracia (lembren tamén o do coche blindado de Touriño, ferozmente criticado por quen comprara 19 coches máis ou menos similares) quizá este escándalo sería menor.

Feijóo non dimitirá, seguro, pero debería facelo. Hai diversos episodios confusos desta orde e unha actividade electoral  en absoluto aceptable na que se usaron fotos absurdas  e insidias sen sentido para convencer a un pobo moi desinformado de todas esas cousas. Os mesmos que usaron tales cousas revólvense agora ante algo tan significativo como a foto que circula en prensa. Que clase de dobre moral é esta?


Cara ao océano dos paspáns irremediables
   

Non hai grandes motivos para ser optimista neste reino, pero a pesar diso o optimismo é unha obriga vinculada ao instinto de conservación, aínda vivo, a deus grazas. Cremos que cambiarán as cousas porque o goberno nolo di, peros os feitos e a propia tendencia do goberno á mentira desmenten ese optimismo así creado. Cada vez que se anuncia unha cifra supostamente boa, algún organismo desméntenos. Temos a impresión de ir montados nunha montaña rusa interminable de sobes e baixas, berros, xemidos e máis berros, na cal a posibilidade de seguir de fronte e ao baleiro mentres os carromatos continúan virando é cada vez maior.

Eu, persoalmente, e deixando de lado toda política, considero que algúns ministros actuais son uns incompetentes e que esa é unha boa razón para seguir voando cara ao baleiro mentres a montaña rusa segue os seus xiros. En liñas xerais, as políticas económicas europeas estiveron en mans igualmente incompetentes e apoiaron a estratexia da Señora, para desgraza xeral. A percepción de Europa desde fóra (Xapón, USA, Rusia, incluso  China e outros países) é pésima, e o xuízo sobre os seus mentores económicos é absolutamente negativo. Pero aquí, esas xentes sen moito crédito pero con moito mando, están encantadas de coñecerse. Deus nos valla. É necesario forzar os cambios como sexa e a calquera prezo. Ou iso ou a lenta dispersión dos nosos átomos no océano dos paspáns irremediables. É necesario ser optimista.


A falta de lei boas son tortas
   

Ana Colau, unha loitadora incansable en favor dos que agora se atopan en peor situación, na rúa ou ao bordo dela, e portavoz da Plataforma de Afectados o Desafiuzamento (PAH), segue tentando reducir os danos desa flor envelenada que sementaron os bancos cos seus préstamos sen criterio na época das vacas gordas, antes de que a crise, e en particular a inmobiliaria, mostrase o verdadeiro rostro dun capitalismo financeiro sen o menor escrúpulo en nome das ganancias a curto prazo.

Desde entón cando creba a construción, os bancos e unha chea de cousas máis, a xente en peor situación engade a todo iso a súa perda de traballo ou calquera outro desastre. E vén o desafiuzamento. Os mecanismos económicos en curso protexen aos que, en boa parte, xeraron esta situación cunha extraordinaria irresponsabilidade. Pero deixan ante o verdugo aos demais, aos máis desamparados. É a lei do funil que latexa tras o sistema xurídico, o que outros chamaron, non sen razón, "xustiza de clase". Así é, aínda que o paso dos anos e o afondamento na democracia que propiciaron algúns partidos, sindicatos e organizacións diversas, ha ir paliando un pouco todo iso co engadido dun certo incremento da racionalidade crítica nos seres humanos. Tamén na policía, cuxo principal sindicato (SUP) non está entusiasmado coa perspectiva represiva ante a carencia dunha regulación máis correcta que axude a arranxar algo do problema. Que a dereita máis carca se adique a insultar e esta xente sen teito coa escusa de que van á porta dalgúns deputados é obsceno, simplemente. Falen coa xente e traten de resolver as cousas.


Por culpa dun chapeu, vaia por deus


Non vexo ningunha razón especial, en principio, para desconfiar de ningún xuíz, pero a intervención de terceiros (Audiencia Nacional) adxudicando unha denuncia a quen non lle corresponde (o de unificar a causa sen a conformidade do xuíz que decae, forzosamente, no seu dereito, vai contra toda racionalidade democrática ao ir contra a lóxica parcialmente azarosa que, en parte, debe presidir as asignacións, por razóns obvias, e isto é máis que unha norma lateral), esa intervención, digo, faime desconfiar dese xuíz receptor.

Ao tempo, as campás do goberno, por boca dos seus tertulianos máis pintorescos/as, tocaron a rebato contra o señor Bermúdez outrora tratado por estas mesmas xentes de "conservador", apelativo que deixou, ao parecer, de merecer, cando fixo do 11-M unha causa impecable. Voltas que dá a vida por ser malo e parecelo. Co novo chapeu que loce nas tomas da tele, Bermúdez engadiu  máis desconfianza cara a el na mente dos seus inocentes avaliadores, tan inxenuos sempre nos seus actos, como debe ser. Aquí ninguén rompe un prato.

Os nenos chivatos
   

Tiña que ser en Castelló, a cidade do aeroporto pantasma, onde as Novas Xeracións do Partido Popular fixesen campaña para dar o chivatazo dos seus profesores a non se sabe que Santa Inquisición baixo a escusa de que "nos queren adoutrinar". Valente cousa é esa de adoutrinar. Aquí, onde en canto naces póñenche unha etiqueta nun proceso ben estudado polos científicos sociais (labeling) e adminístranche boas doses de doutrina en sangue en todos os lugares aos que chegue esta absurda forma de entender a relixión "a paus", como aquel médico a paus de Molière, aquí, nesta España, evanxelizadora da metade do orbe; España, martelo de herexes, luz de Trento, espada de Roma, berce de San Ignacio?

Precisamente aquí pídese o chivatazo contra os adoctrinadores, suponse que calquera profesor con sentido común e non envelenado por esas barbaridades anticívicas que atentan á liberdade de cátedra, á de expresión e contra toda a Constitución no seu conxunto. Isto xa non é unha volta atrás a secas: en Castelló regresan a outra cousa moito peor que non quere dicir o seu nome. Póñallo vostede.

31/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión