James Welling no CGAC


Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a primeira individual institucional de James Welling en España. The Mind on Fire é o título desta exposición do artista estadounidense, que poderá visitarse no CGAC ata o próximo 16 de xuño.

A mostra, que foi presentada o pasado día 22polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do CGAC, Miguel von Hafe; e mais polo comisario, Anthony Spira; conta con máis de cento cincuenta obras que recrean algunhas das principais exposicións neoiorquinas deste artista nos anos oitenta. A través desta exposición, o artista reflicte a evolución da súa linguaxe abstracta e a súa experimentación con efectos fotográficos.

Xunto con figuras como Barbara Kruger e Cindy Sherman, Welling foi membro da Pictures Generation; un grupo de artistas radicado en Nova York moi influente na década dos setenta e oitenta que logrou que a fotografía fose integrada pouco a pouco como a disciplina máis popular da arte contemporánea.

A exposición inclúe colaxes, cadros, notas e outros obxectos de vocación experimental nos que o autor cuestiona os parámetros da fotografía poñendo o acento en cómo vemos por enriba do que vemos. Welling traballa con motivos simples e repetitivos cos que pretende aproximarse á esencia da percepción.

30/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión