Lembrando a Bóveda


Mario Paz González.-

Case un século e unha década despois do seu nacemento, publicouse a comezos deste ano un libro de homenaxe ao político ourensán Alexandre Bóveda, cruelmente asasinado, como tantos outros, a comezos da infausta contenda civil do 36.

A obra, elaborada con mimo por dous autores feneses (o debuxante Carlos Sardiña e a xornalista María Jesús Arias, “Pitusa”) é algo así como unha novela gráfica, nome co que, pomposamente, coñecemos hoxe á banda deseñada de toda a vida ou a algúns daqueles libros nos que se combinan con certa habilidade, como ocorre neste, os textos e as ilustracións.

A publicación desta obra, da que se fixo cargo a Asociación de Amizade coa Radio Local en Galicia Son Radiofusión, foi posible mediante unha campaña de crowdfunding, ou micromecenazgo realizada a través da plataforma Verkami e na que eu mesmo, xunto con moita outra xente, fixen a miña pequena e humilde achega. Iso si, grazas a esta campaña os autores conseguiron xuntar, en aproximadamente cousa dun mes os algo máis de 4000 euros que precisaban para a edición de mil exemplares prevista. E todo elo grazas ás moitas axudas provintes de lugares tan alonxados os uns dos outros como a illa de Madeira, Brasil, Bélxica ou os EE.UU. Se cadra unha mostra máis, coma tantas, do espallados que os galegos andamos polo mundo.

Nas corenta e seis páxinas que abrangue o libro, impreso en tapa dura, faise un sucinto, mais preciso, percorrido pola vida e o pensamento de Alexandre Bóveda tomando como pretexto as preguntas que un neno vai facendo á súa nai por mor dun traballo escolar. O resultado final é, non só un proxecto cargado de didactismo (ao amosarnos a vida e a obra de Bóveda, así como as liñas xerais do seu pensamento), senón que, ademais, atopamos nel, como os seus propios autores declararon á prensa cando se fixo a presentación, unha alegación contra a inxustiza e unha ampla defensa da paz, o cal non é estraño se temos en conta as circunstancias en que se produciu o asasinato de Bóveda tras a farsa que supuxo un xuízo sumarísimo totalmente inxusto.

Tamén segundo os seus autores, a actualidade de Bóveda está fóra de toda dúbida, pois “defendía unha fiscalidade progresiva, onde pagase máis o que máis ten”, amais de ser un dos impulsores dunhas caixas de aforro comprometidas co seu entorno, pois foi un dos que fundou e dirixiu nos primeiros tempos a Caixa de Aforros de Pontevedra, que logo pasaría a formar parte, xunto con outras, da Caixa Galicia. De feito, como vemos tamén nesta obra, a achega de Bóveda ao Estatuto de Galicia en tempos da República foi básicamente económica, pois nela pedía a creación dun Banco de Galicia que ordease o creto mariñeiro, agrícola e industrial.

Cómpre dicir que a historia desta figura senlleira do galeguismo (xunto ás de Castelao, Suárez Picallo, Vilar Ponte, Otero Pedrayo ou Cabanillas) está contada con gran capacidade de síntese, centrándose nos momentos esenciais da súa vida tentando sacar á luz unha figura case descoñecida para moitos dos lectores máis novos. Se cadra por iso, ao lela, un non pode deixar de preguntarse que pensaría Bóveda se vivise nestes tempos de hoxe. Que pensarían os que, coma el, estaban xuntos naquela mesma loita. Que pensarían se visen como se traizoou o espírito primixenio das caixas de aforros, como a corrupción de políticos e banqueiros tennos levado onde agora andamos ou como as sucesivas fiscalidades, as sucesivas leis ou os sucesivos políticos, economistas e xuristas que as crean seguen a dar sempre as preferenzas aos que menos as precisan e, contra toda lóxica, chegan a esquecer aos máis desfavorecidos.


28/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión