O FIV de Vilalba

Xulio Xiz.-

Eu tiña oído falar do Fiv, como un festival de música moza que se celebra en Vilalba, pero nada máis, sen entender por que tiña acadado tanta importancia como para xuntar na capital da Terra Chá máis de cinco mil persoas, e facer xa tempo que se agotaron os abonos e estar á venda as entradas dous meses antes da súa celebración.

Informáronme que se trata de música “indie”, que nada ten que ver con música hindú senón música independente, da que habitualmente non circula polos circuitos musicais de festivais da canción e que o primeiro “Fib” existente en España escríbese con B, xa que se trata do Festival de Benicasim, por eso a orixinalidade do de Vilalba, que lóxicamente é con V pero mantén o atractivo do nome rexistrado en Levante.

A organización recibiu este ano máis de medio cento de ofrecementos de grupos para actuar nesta celebración, que xa hai tempo que ten pechado o cartel, e polo que se ve desperta cada vez maior atención, e seguen chegando propostas que deberán quedar para o ano próximo, se é que daquela teñen posibilidades.

Decididamente, a música sempre foi rompente en canto a tendencias e tradicións, e marcou costumes entre os rapaces desde o comezo dos tempos, entendendo que este comezo foi a finais dos cincuenta e comezos dos sesenta cando desapareceron bandas e grandes orquestas e apareceron solistas e conxuntos que fixeron nacer a querencia pola musica e a canción que a inmensa maioría de nós conserva desde entón ou foi adquirindo segundo se incorporou ao mercado social onde se comercia e se disfruta coa música.

O da música independiente resulta atractivo como no cine o é o cine de autor, que non se acomoda aos gustos do público en xeral, que non sae nas televisións en momentos da maior audiencia, que non figura nos corenta principais nin na lista dos máis vendidos. Pero resulta que hai cada vez máis xente a quen lle gusta ese cine e esa música que parece que entra por máis sentidos ca polo do oído, e desperta sensibilidades especiais.

Pois haberá que estar atentos a este Festival Indi de Vilalba, o noso FiV, para polo menos saber de que falamos.

09/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión