O núcleo da corrupción

Fermín Bouza.-

Se o caso dos ere andaluces mostra unha forte conivencia entre algúns personaxes con cargos públicos medios-altos do goberno andaluz, certas empresas de xestión dos ere e suxeitos individuais que actúan como tales, isto lévanos xa a unha trama (como outras anteriores) de corrupción semellante ás tramas mafiosas, nas que o suposto ben inaceptable, que en diversos casos foi o financiar a un partido con fondos públicos, puido ser considerado, ás veces, como un acontecemento xeneroso no que agora xa non cabe tal xenerosidade cara aos posibles financiamentos ilegais, pois non só podería beneficiarse supostamente delas o partido senón individuos privados que poden ser, ou non, dese partido, pero que están no seu núcleo (Bárcenas) ou nos seus arredores (Correa/Gürtel).

Organización, núcleo e periferia corrupta que definen unha trama mafiosa e que se caracteriza pola mestura de intereses individuais (individuos danzando ao redor do tesouro do tesoureiro) e colectivos (as dádivas de diverso tipo que chegan á organización e a algunhas elites).

Esta mestura tende a preservar a corrupción máis aló das detencións e condenas: serve para auto-reproducirse e para sementar a organización en tempos de bonanza e reactivala na súa estrutura paralela en tempos de persecución. É difícil erradicar a corrupción cando se converte en cuestión de familia(s).


O animal político, un tipo raro


É ben sabido, como parte dunha cultura popular en sentido amplo e xa case común, que Aristóteles dixo do home que era un zoon politikon, un animal político, comunitario, social. Creo lembrar a Fraga facendo unha graza que, é verdade, fixo á súa vez certa graza aos electores, dicindo que el, ás veces, era máis animal que político. Fraga era así. Tamén é sabido que o exercicio do voto é a oferta máis concreta da democracia moderna e que nos permite elixir os nosos representantes na guerra pacífica do parlamento libre e representativo. O resto, as accións políticas, hai que gañalas nas urnas, que nos abren a posibilidade de gobernar.

Ben, convén lembrar estas cousas obvias á hora de falar das nosas rarezas, esas condutas que nos fan imprevisibles para desesperación de estudosos e de profetas de ocasión que, en certo xeito, sómolo todos. Rarezas como votar aos teus claros inimigos en interese e en crenzas, ou non votalos e aplaudir as súas políticas, ou asasinar á túa compañeira e aos teus fillos (qué espanto tantas veces repetido nos últimos anos), que deberían ser os que máis che quixesen, ou estafar e roubar, cando non asasinar, e estar en primeira fila da Misa dominical, ou ben falar en nome do pobo e maltratalo, ou presentarse cun programa político imposible, enganar á xente, e incumprilo en todos os seus termos, ou case todos, vaia.

Isto e millóns de condutas máis de menor contía fannos imprevisibles e por iso somos obxecto de diversas ciencias e de multitude de teses doutorais. Somos tan raros que con frecuencia nos sorprendemos a nós mesmos, xa sexa votando, xa sexa amando, xa sexa gobernando... Que pensará Rajoy de se mesmo visto o visto? E o Rei? Pensará algo o Papa sobre todo o que lle imputan? Que terá Mouriño na cabeza despois dalgunha das súas acting out? Eu mesmo, que penso cando os miro a todos? Dáme medo dicilo. E cando me miro a min? Neste último caso sinto curiosidade: quen é ese tipo do espello? Cando menos, un zóon politikon. Un cidadán encabuxado e imprevisible, como moitos outros. Ollo, pois.


O timo da economía social


Unha investigación británica relaciona mortes hospitalarias e recurtes na sanidade, o que supón acatar a presión financeira sobre o benestar público e o modelo de xestión seguido por eses novos amos da economía mundial que non respectan democracia algunha nin son en absoluto sensibles ao dano que a súa cobiza improductiva produce.

Contra o que parece na boca dos propagandistas do enxendro vixente, a situación que xerou esta etapa financeira da evolución económica mundial é pésima en todas as ordes de cousas. Agora sabemos tamén que boa parte de tales mentes financeiras son xentes que descoñecen calquera barreira moral para os seus fins.

Nunca estivo tan claro quen nos goberna e nunca tivemos tantas opcións de coñecemento destas cousas como para fundar as nosas malas percepcións e para mandalos onde merecen estar. Pero eles mandan máis e teñen ao seu dispor unha gran confluencia de intereses individuais a través dos pequenos investimentos dos seus pequenos socios que meten os seus aforros nos bancos que llos moven polas financeiras, e son eles, os pequenos investidores, os que acabarán sendo as súas principais vítimas.

Isto da participación nas financeiras a través de pequenos investimentos individuais depositadas en bancos chamouse algunha vez economía social. Vaia timo.


Vence, Beiras e a esquerda nacionalista en Galicia


Recollía infoLibre a elección de Xavier Vence como Portavoz Nacional do BNG. Xavier Vence é, como Xosé Manuel Beiras (AGE), catedrático de Economía: Economía Aplicada no seu caso, e Estrutura Económica no caso de Beiras. Destes datos parece deducible que o principal problema de Galicia é o económico, por iso énchese todo de líderes economistas, polo menos entre a esquerda nacionalista. Pero son economistas e políticos á vez que ven o camiño do reencontro de Galicia consigo mesma e coa súa historia máis específica a través de posicións soberanistas e mesmo independentistas.

Vence chama á prudencia, ou iso interpreto eu, ante uns militantes do BNG que non deben ir máis aló do que é posible no mapa electoral e mental galego: de momento, podería identificarse con esas posicións ao redor do 30% do electorado. Non é pouco, pero tampouco é moito, por dicilo desa forma propia da lóxica difusa que se nos imputa aos galegos.

Máis apto Beiras para a Comunicación Política e para chegar, por tanto, á xente, e máis clásico Vence, con cara xeralmente seria e palabra concisa. Dous estilos para dúas organizacións que terán que ir pensando en que se cadra as circunstancias as obriguen a gobernar co PSdeG, a terceira pata da esquerda en Galicia. Coñecinos a ambos os líderes nalgúns encontros fugaces, e a miña impresión sempre foi positiva. Agora veñen anunciando novos problemas de reestruturación política no Reino de España. Veñen en son de paz, pero tamén de cambio.

24/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión