O Paseo do Conde

Xulio Xiz.-

Un dos meus lugares míticos da vella Vilalba que eu coñecín hai tanto tempo, é o Paseo do Conde, ou como agora lle chaman Paseo dos Condes.

Cando na Academia, xa maiorciños, decidiamos saltarnos algunha clase, especialmente no bo tempo primaveral, por considerar que tiñamos plenamente dominada a situación dunha determinada asignatura, deixábamos só ao profesor ou profesora, e iamos en grupo – en cursos altos xa eramos grupos pequenos- cara aos Pasos e ao Rañego a disfrutar da natureza e dos parrafeos á beira dun río que sempre tivo un encanto especial.

E para alí chegar cruzabamos o Paseo do Conde, xa que a vía que seguíamos, a estrada cara a Baamonde, cortara perpendicularmente aquel magnífico paseo, que desde o noso ollar desde a estrada, baixando, se extendía á esquerda e algo menos á dereita, flanqueado por árbores de sombra que lle daban un aspecto señorial, sen que en todo o contorno
coñecido houbese algo parecido a aquel paseo extraordinario.

Nas nosas mentes xuvenís, alomenos na miña, figurábame o poderío e maxestade dun home, o Conde, que puido en tempos posuir en propiedade aquel Paseo, que ía desde o pazo que coroaba a pequena costa ata preto do río, sen que nunca nos houbesemos achegado nin a un extremo nin ao outro, como se non ousasemos recorrer a propiedade de alguén que non sabiamos se existira, e no caso de que así fose en que século disfrutara desta excelencia vilalbesa.

Tardei ben anos en saber que se trataba do Conde de Pallares, con rúa en Lugo e en Vilalba, e que o Pazo do Conde pertencía e pertence á familia Basanta, vilalbesa por procedencia e por vocación. Aínda que xa non practiquen a cotío o paseo pola noble rota establecida hai séculos.

O Paseo foi noticia estes días porque o grupo municipal do PSOE en Vilalba, encabezado polo voceiro Eduardo Vidal, esixe o seu arreglo inmediato por atoparse en lamentable estado, a pesar do investimento que fixeron a Unión Europea, a Xunta de Galicia e o Concello para o seu
acondicionamento ambiental.

Algo debe coñecer este político desta zona porque na última celebración do Paseo dos soños, pasando á beira do Muiño dos Pasos, confesounos aos presentes que el vira a luz primeira naquel muíño, e pasara alí os mellares anos da súa vida, doéndose do actual abandono.

Desexo que o Paseo do Conde supere os seus problemas, para que as xeracións actuais e vindeiras poidan saber da existencia dun vello conde vilalbés que, amais dun palacio rural, un pazo, tiña un Paseo de seu que – ao percorrelo – era cando se daba verdadeira conta do seu poderío e da fermosura deste recanto da Terra Chá.

01/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión