Os pepes de Vilalba

Xulio Xiz.-

Hai cousas xenuinamente vilalbesas, que podemos presumir de ter exportado a outros lugares despois de que aquí nacesen, se fortalecesen e tomasen carta de natureza. E entre elas, mesmo pola súa actualidade, debo mencionar a Festa dos Pepes, vilalbesa como poucas celebracións.

Estes días pasados houbo celebración dos Pepes en Lugo, o día catorce, consistindo nunha cea no Restaurante Manuel Manuel. Dous días despois en Viveiro, no Restaurante Louzao de Area, celebrouse tamen unha festa dos Pepes, unha cea baile.

Estas e outras moitas festas de Pepes foron nacendo despois do exemplo de Vilalba onde hai máis de medio século que se deu en facer celebración anual na honra do santo patrón de pepes e pepitas, elixindo cada ano un Presidente, escollendo un oferente en solemne cerimonia relixiosa e rematando todo como corresponde cunha cea, que non hai celebración galega que non teña complemento gastronómico axeitado para os nosos sentementos
comunais.

Eu teño vella querencia polos pepes vilalbeses, e a pesar de non chamarme Pepe tiven a honra de que me chamaran a falar na súa celebración na data que cumpriron medio século de xuntanzas e honraron aos Presidentes de todo ese período.

Aquí empezou todo, e daquí non só saíron festas dos Pepes en moi diversos lugares, senón que outros colectivos humanos deron en honrar a santos que respondían a outros nomes – Manuel, Carlos, Francisco...- aínda que non tiveron nunca e coido que nunca terán o atractivo que o de San Xosé, honrado polo seu alcume ou nome complementario.

Poucas veces nos paramos a pensar no que significa PEPE, relacionado con San Xosé, que non veñen a ser máis que as iniciais de Pai Putativo, se ben agora xa a mesma Igrexa lle chama a San Xosé o Pai Adoptivo do Neno Xesús.

Mágoa que agora o día de San Xosé tan axiña cae en festivo como queda convertido en día normal como pasou este ano, obrigando aos celebrantes a trasladalo ao fin de semana anterior ao propio día. E de pouco vale que a Igrexa o declare como día con obrigación de oir misa, que os temas laborais impoñen a súa lei ao calendario relixioso.

20/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión