Sobre a antipolítica

Fermín Bouza.-

Unha parte do título deste artigo (Unha meditación) está roubado a Juan Benet, quizá porque tamén quere se lento e cheo de curvas e reviravoltas, como a mesma realidade.

Leo con gusto en Infolibre, aínda que con certa distancia, as reflexións sempre creativas e rompedoras do 15-M nalgúns dos seus membros, que se preguntan por que os funcionarios actúan tan separados uns sectores doutros, á vez que reinciden na crítica aos sindicatos (aburguesados, din: coméntoo máis abaixo) e algunhas outras cousas de sempre nese importante movemento social que deu, antes que ninguén, o clarinazo máis forte da crise.

Nada novo nos contidos, pero si é novidade volver ver a esta xente combativa e chea de razóns necesarias nas mellores tribunas críticas. Non sempre acertan, creo: equivocáronse na súa mensaxe antipolítica de fondo, que sementou ventos incontrolados  e recolleu tempestades, as mesmas que virán se seguen separando ás organizacións de representación (sindicatos neste caso) dos seus membros, sen valorar o factor clase social en ningunha destas meditacións públicas e transcendentes.

Os funcionarios están socialmente estratificados, como todo, e a súa confluencia só se producirá con políticas de encontro sobre bases económicas que poidan ser comúns.

Tampouco o uso de palabras máxicas ou metafísicas (aburguesados, para os sindicatos) resolve nada, agás separar a algunha xente das organizacións referidas: se os sindicatos seguisen políticas de corte radical quedarían sós. De feito quedan sós cada vez que aceleran o paso. Isto é o que ocorre, e non outra cousa nin outras fantasías máis literarias que propiamente políticas.

A loita por unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis libre é longa e premiosa. A memoria histórica debe funcionar para que o pasado poida ser útil e non volver repetir até o infinito as carencias de sempre. Non se esquezan os activistas de15-M de que, a pesar de todo, é a mesma xente a que se inhibiu das súas responsabilidades críticas durante moitísimo  tempo, unha consecuencia, quizá, das sombras aínda alargadas do vello réxime, as mesmas sombras que transforman as mensaxes bienintencionados dese movemento social en mensaxes regresivos na mesma cabeza da mesma xente que os recibe.

http://elvotoconbotas.infolibre.es/

11 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión