Un "tano" en Roma


Fermín Bouza.-

Temos Papa, un "tano" arxentino. Os tanos son os descendentes de emigrantes italianos, e conviviron e conviven cos "gallegos", descendentes dos emigrantes galegos en xeral e, por extensión, dos demais emigrantes do Reino de España. Ou da súa República.

Tanos e galegos son os dous grandes grupos étnicos do país, ademais dos autóctonos. Non sempre se levaron ben tanos e galegos.

A igrexa arxentina estivo máis preto das ditaduras que de deus mesmo, e Bergoglio, o novo Papa, tamén foi sospeitoso diso e de mirar para outro lado mentres os militares asasinaban o seu pobo. Un xenocidio en toda regra. Todo iso é incompatible co cristianismo, entendo eu. Se non é así lles rogo que mo expliquen. Bergoglio é seareiro do San Lorenzo de Almagro, o cal é paradoxal nun tano: ao San Lorenzo coñéceselle como o club dos "españois". Mala cousa: parece que ten preocupacións sociais, pero que doctrinalmente é un duro. A batalla da igrexa é, neste momento, doctrinal: é a súa doutrina a que fai dano, e a súa doutrina afástase moito dos Evanxeos, fonte que a mesma igrexa considera básica.

A igrexa segue opóndose a todo, e ter preocupacións sociais non a redime do realmente alienante dos seus textos doctrinales, empezando polo papel da muller e terminando pola súa realpolitik coas ditaduras máis sanguentas, como a de Videla. Non creo que este home teña potencial teórico e práctico como para endereitar á igrexa. É un máis de entre os que permitiron a deterioración do cristianismo, e da súa credibilidade.

É Deus anticlerical?

O Vaticano desmente as imputacións a Bergoglio de colaborar activa e/ou pasivamente co xenocidio da ditadura militar de Videla, pero sábese que foi chamado a declarar polo secuestro de nenos e, por tanto, coñecía eses feitos, así como en relación ao tamén secuestro de dous xoves xesuítas: a pesar de coñecer estas cousas, a igrexa arxentina mantivo algo máis que silenzo. Estes son feitos probados dunha actuación moi criticable e moi afastada a calquera ética cívica, incluída a que se deduce da relixión cristiá.

Non fai falta ser, para ser esixente nas explicacións "anticlerical de esquerda" como dixo Lombardi (portavoz vaticano) atacando aos críticos, abonda con ser unha persoa normal e sensible para querer saber que ocorreu realmente coa igrexa arxentina naqueles duros tempos. Teño a impresión ou a intuición de que deus é un anticlerical convencido, e quizá sexa a el a quen se refire Lombardi cando acusa a esa clase de xente crítica e anticlerical.

Vivimos tempos nos que, afortunadamente, cada vez vai resultar máis difícil dar gato por lebre, pois a crise espabilounos a todos un pouco. Son tempos para explicacións e razoamentos, non para encher o aire coas sempiternas palabras baleiras e as cursilerías consuetudinarias cando se fala destas cousas do espírito.

17 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión