A cantilena do pirata cego

Fermín Bouza.-

A narración que fai o o PP da crise (e toda a banda dos nenos cantores de Moncloa) é, simplificando ou esquematizando, así: unha vez houbo un tal Zapatero que deixou o país na ruína pola súa mala cabeza, e agora estámolas pasando canutas para que Rajoy poña as cousas no seu sitio... seguirán vostedes a pasalo mal, pero non esquezan que é por culpa de Zapatero.

Nin falan da Lei do Solo, Aznar, a burbulla, etc. Ás veces deixan a Zapatero e falan do PSOE ou se encaran con EU, tanto dá. A idea é que a culpa é externa e iso explícao todo. Estas simplezas, non máis simplezas que as súas lendas económicas tan elementais, estas simplezas, digo, son molestas para os adversarios políticos de goberno, pero son demoledoras para o propio goberno, que recoñece día a día fronte ao micrófono (onte o señor Pons, un tipo sen moitos escrúpulos narrativos) a existencia e a forza dos seus adversarios e colócaos como alternativa no seu intento de invalidalos. A intención quizá era a contraria: arrastralos con eles ao país (agora pozo sen fondo) de irás e non volverás, e enterralos á súa beira.

Pero iso non depende do PP: o PSOE depende de si mesmo para mellorar a súa imaxe, as súas ideas e os seus programas. De si mesmo. E do pobo que vota, por suposto. A idea de orde económica que subxace ao discurso da Señora e dos seus mariachis locais, así como da banda dos nenos cantores xa citada, é a de que a orde xera actividade económica... etc., pero a realidade é moi outra e está reiteradamente contrastada: a actividade económica xera desorde e hai que ir corrixindo sobre a marcha esa tendencia antientrópica.

Xa non hai desorde porque non hai actividade. Tampouco hai orde. Hai un espazo baleiro no que se estraña un mundo que está a ser bárbaramente eliminado a maior gloria dos que mandan.


Enquisas e bipartidismo

Leo na portada nocturna d´El País que na enquisa que reproducen (Metroscopia) o PP e o PSOE non suman nin o 50% do voto, o que significaría unha caída do 30% de apoios no voto válido, dependendo de que referencia tomemos. Isto, de cristalizar nunhas eleccións xerais, sería unha revolución de enorme magnitude que cambiaría os usos políticos no Reino de España e daría entrada ou incrementaría o voto, tanto nos concellos como nas autonomías ou nas eleccións xerais, a novas ou fortalecidas opcións minoritarias, deixando os parlamentos convertidos nun crebacabezas que nos traería, á súa vez, de cabeza.

Pero probablemente non caerá esa breva ou caerá en moita menor medida. Non vexo a suma dese voto dos dous partidos grandes, nunhas eleccións xerais sobre todo, por baixo do 65%, que, en todo caso, xa é unha forte caída sobre a media en democracia. O bipartidismo rompérono sempre neste reino os partidos nacionalistas e algúns pequenos partidos locais, así como EU e, agora, UPyD, pero todo iso non foi suficiente para debilitar seriamente a ese voto, ao redor do 80%, dos dous grandes. En liñas xerais e salvo períodos moi excepcionais e non moi longos, ese bipartidismo seguirá sendo a opción maioritaria, de momento.

08/04/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión