Analfabetismo dixital

Xulio Xiz.-

Cando eu era neno, aínda había unha porcentaxe de xente que non sabía ler e escribir, que asinaba coa pegada do pulgar, e que necesariamente estaba arredada do coñecemento, dunha parte importante da vida colectiva.

A evolución da sociedade a través do tempo, foi levando a educación á totalidade da nosa poboación, e coa educación permanente de adultos ademais da natural evolución humana, podemos dicir que o analfabetismo ten desaparecido na nosa sociedade.

Pero ese mesmo avance da sociedade foi abrindo novos camiños, e os medios audiovisuais –primeiro a radio, logo a televisión- entraron a cachón na sociedade, e chegou Internet para acabar de revolucionar todo, de maneira que está plenamente acreditado que hoxe en día o analfabetismo radica en non estar introducido no mundo da Rede, en Internet, nas redes sociais, no dixital. Aí si que seguen existindo analfabetos, analfabetos dixitais, que están fóra deste novo mundo, con todas as consecuencias de aillamento, desconexión e falta de oportunidades de recibir e espallar información, de comunicación e de lecer.

En Galicia segue a existir unha importante fenda entre conectados e non conectados, importante en relación co resto do estado, e moito máis importante na zona rural que nas cidades.

E esa fenda existe por cuestións económicas, sociais, pero tamén técnicas, xa que en amplas zonas do noso país era ata hai pouco tempo moi difícil ou imposible conectarse a Internet por falta de cobertura. Eu que paso as fins de semanas do rural teño notado deficiencias, que parece están sendo solventadas según ven de facer público a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, anunciando que na Terra Chá xa pode conectarse, polo que a cuestións técnicas se refire, algo máis do oitenta e cinco por cento da poboación, superando en Vilalba o 91 por cento.

A Xunta está impulsando o Plan de Banda Larga para que, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, se poida cubrir técnicamente toda Galicia, e froito deste plan é que o conglomerado de concellos que legalmente forman a Terra Chá – Abadín, Begonte, Castro, Cospeito, Xermade, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba- pasara en pouco tempo do 32 ao 85 por cento.

É como se nos construiran unha nova autovía, esta inmaterial, pola que podemos circular todos os que queiramos. E cada vez somos máis os que necesitamos e usamos esta nova vía. Que sexa para ben.

26/04/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión