Esquerda e populismo

Fermín Bouza.-

Esquerda e populismo non levan moi ben, mesmo na Venezuela de Chávez, salvo que consideremos que hai un populismo autónomo de esquerda que nace dos seus partidos políticos. Pero estou a pensar en Venezuela ou en Arxentina, onde chavismo e peronismo quitaron do medio á esquerda histórica e substituírona cun discurso en boa parte inaceptable para esa esquerda. Non é verdade que a esquerda se vise representada por Chávez, pero si é verdade que moitos esquerdistas históricos, socialistas e comunistas, sentíronse representados pola frase "é o que hai", expresión á súa vez dun certo conformismo histórico tras os episodios que decimaron á esquerda comunista tras a segunda guerra mundial e limitaron a acción da socialdemocracia de tradición socialista desde hai non moitos anos, cunha Europa conservadora até o tuétano.

Aquí, no Reino de España, o franquismo quixo ser, e foino en parte, un populismo de dereita apoiado nunha "sensibilidade social" que se converteu en concepto central dos usos semánticos do vello réxime militar-fascista. O populismo é un uso impropio das emocións para mobilizar á poboación e tamén para encubrir os reiterados fracasos dun réxime. Podería dar máis definicións confluíntes, pero quizá non é necesario.

En Latinoamérica este populismo foi usado por movementos reaccionarios e progresistas, e serviu para chegar a máis poboación, pero non tivo grandes rendementos: o peronismo baleirou as arcas do estado e o chavismo non debe ir por ese camiño. No medio, un certo benestar popular que lle dá empuxe a ese populismo. Pero é un espellismo no que a esquerda non pode caer. Toda a creatividade dos que queren cambiar o mundo debe concentrarse na racionalidade dos procesos. A esquerda histórica quixo ser racional, outra cousa é se o conseguiu sempre.



Entre Cospedal e vostede (ou eu)


Probablemente non hai máis remedio que cambiar o modelo impositivo para os novos tempos nos que hai que recuperar riqueza e emprego e mirar de novo cara a adiante. Neste sentido, son valiosos os intentos e estudos da esquerda en xeral e do PSOE en particular para fundar ese deseño en datos empíricos, facelo viable e romper coa chantaxe do "se me grava voume a outro lado". E isto último é ou debe ser un imposible no marco dun sistema de control europeo e, mesmo, mundial.

Por ese control hai que loitar desde os estados. É necesario acabar cos paraísos fiscais e normalizar o civismo fiscal como norma básica de conduta cidadá. Só así podemos ir arrincando. Se seguimos montados na barbarie financeira non hai saída algunha e é hora de que Europa se expoña, polo menos no nivel dos seus partidos e dos seus votantes, unha saída posible a esa chantaxe permanente dos que máis teñen contra o equilibrio económico.

Outra Europa e outro reino de España serían posibles desde novas coordenadas de participación na riqueza común. O permanente desvío da mirada da cidadanía cara a cuestións de menor rango é unha maneira de eludir estas reflexións urxentes. Cando a señora Cospedal define os escraches como nazismo e fala da guerra civil parece esquecerse de que os nazis eran outros, moito máis próximos ás súas ideas que ás miñas, por exemplo, e que na longa loita que varreu aos nazis e aos fascistas de Europa había moita máis xente das miñas ideas que das súas. Non o dubide.

Tamén entre os estafadores da maioría dos prexudicados por estas historias en curso hai moita máis xente das súas ideas que das miñas. O abuso ten un límite, e a palabra, e a mentira, tamén.

Escraches e preferentes


O costume de aplaudir todo o que proveña da súa área ideolóxica fai que a dereita teña nula entidade moral ou cívica para botar a ninguén en cara cousas semellantes. Pero faino. E da mesma forma que o PP-Feijóo manipulou e mentiu sobre datos e persoas na campaña autonómica de 2009, a que deu o triunfo a Feijóo por un deputado pero con menos votos que os seus adversarios, faio de novo agora sobre diversas cousas, en particular co seu framing (encadre interpretativo) dos chamados "escraches", nos que ve o sumun da maldade humana, mentres a xente segue aporreada e botada das súas casas e os nenos miran como os seus pais rodan polo chan. Á evocación destes desastres humanitarios chámanlle "demagoxia", e quedan tan orondos. Iso si, que ninguén moleste a un deputado, coma se en lugar de ser representantes populares fosen propiedade privada.

Tampouco deixa de sorprender a actitude de Chaves ante as protestas das preferentes e os aplausos dos seus compañeiros. A que partido crerá que pertence o señor Chaves? Os tempos están a cambiar e esíxen algo máis de intelixencia, algo máis de vontade e algo máis de piedade cara á xente estafada, xente de poucos cartos á que roubaron os poucos que tiñan. Non é suficiente unha lei nova, non polo menos para min. É necesario exemplarizar todo isto con xestos oportunos e recriminacións suficientes aos estafadores, pois esa é a actividade, a estafa, da que foron vítimas estas xentes ás que o señor Chaves non parece querer dedicar un maldito aplauso. Ou o PSOE se pon as pilas e é o que debe ser, de xeito conxunto cos que están a pagar o pato dos vividores e estafadores de sempre, ou será considerado e tratado como eles. O momento é desa clase.

A utopía e os feitos do Reino


É de interese a sentenza do TSX de Cataluña pola súa capacidade para cabalgar sobre os dereitos lingüísticos dos nacionais dun país para impor ("abonda un só alumno") o ensino na lingua non propia. Non ocorre o mesmo en Cuenca co catalán, claro, o que lle daría un exemplar carácter universal á norma, pero un catalán non pode pedir en Cuenca tal cousa. Non hai reciprocidade, hai imposición. Non é verdade que os pais teñan o dereito a elixir a lingua dos seus fillos: só algúns pais, Queda suficientemente claro? Todo isto ocorre mentres se baballoa contra Cataluña con certa intensidade e de modo sostido. Todo un espírito de concordia o que emerxe destas sentenzas, que son un prodixio de ignorancia científica sobre as linguas dos pobos e a súa conservación, e un pésimo exemplo para que este reino permaneza unido. É imposible.

Tampouco me emociona a noticia de que o museo da Lexión considera á Ikurriña bandeira inimiga ("arrebatada ao inimigo", di), o que mostra aínda unha identificación coas forzas nazi-fascistas que foron derrotadas na segunda guerra mundial de forma durísima e heroica, e entre cuxos heroes houbo moitos españois deste reino difícil. Coñecín directamente aos mandos da Lexión, ou a unha pequena parte deles (capitáns e comandantes), durante un curso que lles dabamos no Gómez Ulla, eu entre eles. Desde as miñas expectativas, sempre prexuizadas, sorprendeume a súa cultura, a súa racionalidade e os seus modos indubidablemente democráticos. Estiven a gusto e trouxen algún que outro recordo. Nada que ver coa chanza da bandeira do inimigo. Mañá será outro día.

Feijóo e a Galicia emerxente


Feijóo ten graves problemas para xustificar a súa proximidade a Marcial Dourado e non se ve un fondo claro neste raro episodio que evoca ou lembra a Feijóo chegando á Xunta montado en fotos e reflexións sobre os seus adversarios: unha chegada pouco santa que nos deu a medida, para sorpresa de todos, da dureza e agresividade do PP posfraguista. Até hoxe.

Agora, e sobre unha crecente creba da súa dereita histórica, Galicia parece estar a construír un mapa político moi cambiante, e os electorados desprázanse entre as liñas de fronteira ideolóxica buscando novos horizontes para unha outra Galicia. A medio prazo, e tras os vaivéns que ocorreron e que van ocorrer, Galicia pode acabar estabilizándose politicamente sobre un modelo de maiorías nacionalistas ou para-nacionalistas: falta aínda o convidado da dereita a este novo escenario, pero chegará a tempo de sentar á mesa emerxente. A crise está a facer o seu traballo en todas direccións, e esta é unha delas.

Que as cousas vaian por aí ou por outra banda é unha cuestión de cadeas de acontecementos entre electivas e azarosas. Cada paso irá definindo o seguinte, pero algo moi serio parece estar a cambiar. Fronte a uns activistas históricos moi traballadores pero non sempre realistas, e fronte a un sector ilustrado tan valioso como politicamente preguiceiro ou, mesmo, moi pegado a esa dereita histórica, fronte a todo iso, a mesma realidade económica, social e política está a tecer novas opcións que aínda non acabamos de coñecer plenamente. Ollo a Galicia e á súa evolución a medio/longo prazo.

16 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión