Morrer no traballo

Xabier P. Igrexas.-

23.668. Esa foi a cifra de accidentes laborais que se produciron só o pasado ano 2012 en Galiza. Si leron ben, case 25.000 accidentes, máis de 64 por día. O noso país situouse á cabeza do Estado no número de accidentes graves cunha taxa que supera en máis do dobre a media estatal. A esa dramática marca engádese unha aínda peor. Somos o segundo territorio, apenas por detrás de La Rioja, en número de accidentes laborais que rematan en morte da traballadora ou traballador. En 2012 foron 45 as persoas que perderon a vida no seu traballo --case unha por semana-- e outras 486 correron o risco de a perder, ao seren vítimas de accidentes graves. Unhas estatísticas terríbeis só superadas pola mortalidade en accidentes de tráfico, que se cobrou a vida de 127 persoas o pasado ano, e moi superior ás 4 mulleres vítimas do terrorismo machista no mesmo período.

Sobre estas dúas últimas realidades, as mortes nas estradas e a lacra social da violencia machista, téñense dado importantes pasos na sensibilización social e na visibilización de ambas as dúas, mais non sucede o mesmo no caso da sinistralidade laboral. Óbviase que detrás destas cifras, invisíbeis nos grandes media, latexa unha problemática real que afecta a persoas de carne e oso, e tamén as súas familias e contornas, co agravante de se producir durante a xornada de traballo.

A insensibilidade dos goberno galego e español a este respecto é manifesta, dada a continuada merma das partidas destinadas a unha prevención, que coas cifras na man é en boa medida cuestión de vida ou morte. Para alén da mellor cualificación en materia de riscos ou das campañas de sensibilización, imprescindíbeis para poñer a luz sobre unha realidade opacada, cómpre desde logo un maior esforzo fiscalizador e de control por parte das administracións públicas, nomeadamente desde a Inspección de Traballo contra a irresponsabilidade empresarial que se atopa tras moitos dos accidentes. Ese é o vieiro que nos ha permitir converter as imaxes de traballadores colgados sen arnés, de operarios sen casco, de traballadoras sen material axeitado, nunha cuestión do pasado, e facer da sinistralidade laboral un mal recordo dunha etapa da historia na que a vida dun traballador semellaba non merecer un titular, ou apenas só merecer iso. Facendo que morrer no traballo deixe de ser un risco real en Galiza.

23 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión