Nova temporada de 'Os Bolechas'

Redacción.-

O Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo acolleu a presentación dos novos capítulos dos Bolechas na TVG.

Ao evento acudiron o creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, a directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas e Antonio Couto de Edicións Bolanda. O teatro encheuse cos rapaces do C.E.I.P. García Barbón que estaban desexosos de ver aos seus personaxes favoritos.

Segundo palabras da directora da TVG, “a serie Os Bolechas convírtese nunha aposta firme para fomentar a produción propia e o uso da lingua galega na canle pública” e tamén anunciou que proximamente haberá máis novidades e proxectos cos Bolechas na canle autonomica. Antonio Couto, pola súa parte, manifestou que “esta segunda temporada vén derivada do éxito que a serie está a ter entre milleiros de nenos”. No acto de presentación, Pepe Carreiro sorprendeu aos asistentes realizando unha caricatura dos personaxes.

A nova temporada virá cargada de novidades: novos personaxes, novos escenarios e moitas sorpresas máis. Os seguidores da serie poderán continuar divertíndose coas aventuras dos seis irmáns e o seu can Chispa.

Durante a presentación estreouse un dos capítulos da nova temporada e, tras o discurso dos responsables da serie, celebrouse unha festa infantil, na que os máis cativos puideron cantar e bailar cos Bolechas. Puideron coñecer a toda a familia e gardar unha foto de recordo do día. Ademais conseguiron unha tarxeta de subscrición para facerse membros do Club dos Bolechas, onde poden atopar xogos, novas, libros interactivos, actividades, visitar unha granxa de animais domésticos, cantar e outras atractivas seccións.

Ademais da páxina web (www.osbolechas.com), Os Bolechas contan tamén con perfil nas principais redes sociais; en Facebook (www.facebook.com/osbolechas), Youtube (www.youtube.com/osbolechas) e Twitter (@OsBolechas).

17/04/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión