O erro e a Señora

Fermín Bouza.-

Nun artigo moi necesario (A depresión do Excel) Paul Krugman resúmenos o camiño do erro que fundou a estratexia de austeridade e rompeu a economía europea até hoxe, vítima da estatística mal usada e dunhas matemáticas do pan pringao, que din os clásicos. Algunhas follas  de cálculo e algúns programas estatísticos producen certo terror cando nos dan consellos e nos marcan o uso de segundo que variables e segundo que números e baixo que forma.

Dá medo que o que agora ocorreu xa ocorrese antes en centos ou miles de conclusións desa orde aplicadas a problemas médicos (moi frecuente o uso da estatística en mediciña) ou de calquera outra clase, e que as bases de datos estean fortemete contaminadas por estas cousas. En xeral, as xentes que usan estas follas e estes programas non son xente formada en fundamentos matemáticos, e ás veces tampouco os creadores deses programas teñen unha clara idea das cousas que din na literatura que os acompaña.

Se aos erros, digamos, obxectivos, engadimos nosa propia inclinación ao erro mecánico ou de fondo, o resultado pode ser un fracaso considerable. Á Señora isto non a angustia: para ela é unha cuestión de principio deixar sen folgura debedora e crediticia aos países aos que decidiu parasitar de un xeito non tan estúpido como innecesario, ou innecesario por estúpido Neste caso non se trata de malos usos das estatísticas: é a desigualdade en plena loita por imporse e por facernos absolutamente dependentes.


Madina e o ABC

Creo lembrar que o actual director de ABC, paisano meu e emisor da frase "(Madina) simpatiza máis co que representa ETA que o que representa ao Partido Popular", tivo tamén, a través do seu antigo blog no devandito diario ABC, unha actividade moi notable sobre aquelas historias de fotos e coches blindados que rodearon ás eleccións autonómicas galegas de 2009 e que lle deron a vitoria a Feijóo, que agora purga tamén con fotos os seus pecados electorais de fotos. Aquilo xa queda lonxe e parece tomarse agora a súa xusta vinganza, pois a historia sempre é así: tarda pero chega.

Repite o director do diario ABC cunhas declaracións intolerables e feitas, precisamente, contra unha persoa que leva encima a marca do atentado que estivo a piques de custarlle a vida e "só" lle custou unha perna. É difícil igualar estas cousas por máis que un se poña vilán e cruel polas mañás tratando de asustar ao espello. Fáltanos esa malignidade suficiente e custaríanos moita saúde dicir ese tipo de cousas como as do meu paisano.

Este señor aparece con frecuencia en programas de debate na TVE-1 xunto cunha maioría de xente da súa mesma crenza, e ouvilos é todo un exercizo de masoquismo ou quizá de vontade política de non perdermonos nada do que ocorre. A min pásame algo así e óuzoos moito. Non son masoquista, pero trato de entrar na cabeza destas xentes cando se fan máis cínicas, máis barrocas ou máis canallas, e iso ocorre xeralmente nestes programas cara ao público nos que a propaganda máis elemental domina ao poseso que a exerce. Así somos.


Estrutura económica ou tea de araña?

O caso Bárcenas segue rodando, e agora tócalle nada menos que a Aznar explicar os sobres, mentres o FMI, outras institucións e os académicos na área da investigación económica comezan a porse, con certa decisión, fronte ás políticas de austeridade europeas que a Señora difunde, que queiras que non queiras e de derrota en derrota até a vitoria final. A situación, lonxe de arranxarse, agrávase, e a austeridade converteuse no verdugo do consumo e dos fluxos económicos internos.

A realidade é o suficientemente dura como para engadir nada. A pobreza xa está na rúa  e é tremendo ouvir aos comerciantes ata que punto moita xente de barrios podentes viven agora "de prestado" e vense apretados para pagar. Pilláronnos na grande trampa económica e xa é difícil saír dela. Estamos metidos de fouce e couce nun sistema letal, e non me refiro só ao chamado capitalismo, senón á estrutura económica europea, desigual e dominada polo conservadurismo alemán, cuxos obxectivos ninguén acaba de ver claros, pero pasan por unha hexemonía crecente no espazo económico e político europeo. E a frase de moda: é o que hai.


A fugacidade e os falantes políticos

Por unha cuestión de salubridade política non se debe atender ás cousas ("cousas" é un eufemismo) que din Cantó, Pujalte, Cospedal e outras xentes deses perfís humanísticos, digamos,  pois a mesma política reséntese desa atención e pídenos outro aire, outro horizonte. Este reino non é lugar de debates ben fundados, polo menos a día de hoxe, e no seu lugar florece ese baleiro ou esa nada semántica que nos arrastra a pouco que a consideremos como digna de atención.

É así en xeral, e é así máis á dereita que á esquerda, aínda que en todas partes cocen fabas. Tradicionalmente, a dereita tivo sempre unhas elites procedentes dos máis altos estudos e das clases máis altas, o que engadía encanto ilustrado ao encanto do seu poderío económico. Xa non é así, e non o é porque os antigos ilustrados deixaron os estudos realmente científicos ou humanísticos e puxéronse ao diñeiro, directamente, construíndo os currículos máis adecuados para iso.

É difícil atopar ilustrados conservadores, mesmo na Universidade, que é a miña casa, e os que quedan son pouco atractivos nos seus usos e costumes, á marxe de posuír ou non algún saber concreto da árbore da ciencia. A mesma ciencia escápase a ese conservadurismo, pola fugacidade das verdades que a habitan, polo menos algunhas delas, e ese contacto fugaz con verdades fugaces acaba por converter aos científicos en relativistas e escépticos. Pero este é un reino moi absolutista visto desde arriba e mirando ás clases podentes, ou a unha parte delas, cuxo sentido do ilustrado é equivalente ao seu sentido da solidariedade. Iso si, todos moi demócratas e moi cristiáns, pero leña ao mono ata que fale a lingua do imperio.


Haberá que reconstruír desde abaixo

A reconstrución deste reino será un traballo denso e ímprobo, e deberá superar calquera simpleza de dereita e esquerda. Quen crea que o camiño actual de destrución é irreversible está a perder o tempo e facéndonolo perder: as cousas volven ao seu lugar cando son produtivas e necesarias, como o eran moitas das que van desaparecendo ou o farán proximamente, pois dos traballos destrutivos en marcha só perdurarán aqueles que puidesen ser aceptables e necesarios para moitos, porque a política o é porque é cousa de moitos.

Haberá que discutir moi detalladamente unha reforma laboral mellor da que hai, unha estrutura do estado mellor da que hai, unha transparencia moito maior da que hai, un espazo económico e público ao servizo de todos, coa súa sanidade e a súa educación abertas tamén a todos, unha idea da democracia máis ancha e máis profunda sen interferencia de ningunha institución, etc. Serían un importantìsimo conxunto de reformas (agora xa serían contrarreformas tras a experiencia vixente, tan negativa en tantas cousas).

Reconstruír desde abaixo quere dicir reconstruír co apoio de amplas maiorías e cun traballo público e transparente, sen esa síndrome do segredo político da elite que nos representa e non sempre de maneira satisfactoria. Esa insatisfacción incrementa a distancia cidadá cara á política, e esa distancia é o cimento de case todas as patoloxías graves nunha sociedade democrática. Chámase desafección política, e ten a súa historia en momentos electorais moi significativos. Sitúen as datas neses momentos.

21 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión