Presentación de 'Algunhas casas fidalgas'


Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro venres, 26 de abril de 2013, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba a presentación do libro de JOSÉ MARÍA COIRA SANJURJO “Algunhas casas fidalgas da Terra Chá e doutros lugares. Apuntamentos Xenealóxicos e Heráldicos”. A coordinación da edición correu a cargo de José-Luis Novo Cazón, coa colaboración de Pepe Coira Nieto, Ana Mª Cuba Regueira e Manuel Lousa Rodríguez.

O libro, publicado polo IESCHA, forma parte da Colección Biblioteca Chairega co número 21, e contou coa financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia Primeira da Diputación de Lugo.

No acto intervirán: Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA, José-Luís Novo Cazón, Pepe Coira Nieto, Ana María Cuba Regueira –coordinadores da edición- e María do Carme Lousa Gayoso, filla do falecido Manuel Lousa Rodríguez.

Genealogías é o título orixinal co que José María Coira Sanjurjo rotulou o manuscrito que se conserva no Museo Provincial de Lugo. Os coordinadores da súa edición pensaron que era máis acaído ao contido do mesmo este polo que finalmente optaron: “Algunhas casas fidalgas da Terra Chá e doutros lugares. Apuntamentos xenealóxicos e heráldicos”. Nel, efectivamente, deixou constancia do seu profundo coñecemento da xenealoxía chairega e debuxou con acerto moitas das pedras armeiras que campan dos muros dos pazos, casas grandes, capelas e enterramentos que fabricaron.

José María Coira Sanjurjo Naceu en Trobo (Begonte) o día 27 de xullo de 1908, localidade chairega onde seu pai era médico. Foi o cuarto de once irmáns. Logo de pasar por Herbón, estudou a carreira de maxisterio, sendo mestre nacional e estudoso da xenealoxía e a heráldica da Terra Chá. Morreu en Lugo o 17 de agosto de 1977.

25/04/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión