Presentouse 'Cómo salir de esta" en Vilalba

Redacción.-

Vilalba acolleu o pasado venres, día 12 de abril, a presentación do libro “Cómo salir de esta” (A Coruña, Actualia Editorial, 2013) do xornalista José Luis Gómez. O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, tivo lugar ás 20:30 horas no Centro Cultural e Recreativo da capital chairega. O autor estivo acompañado polo filósofo Antón Baamonde e polo tamén xornalista Moncho Paz. 

"Cómo salir de esta" é froito dunha idea compartida co economista xermano Carsten Moser, asinante do limiar, e co editor Carlos Iglesias, director de Netbiblo. A resposta á pregunta que da título á obra non figura nun só capítulo, senón que vai aflorando no seu conxunto.  Aínda que hai partes do libro máis centradas que outras en aportar saídas concretas, en opinión do autor "non deben confundirse con receitas máxicas, impropias dun libro popular que pretende preservar o rigor e a calidade". 

A presentación do libro de José Luis Gómez espertou verdadeiro interese no público que se deu cita no Centro Cultural, que plantexou numerosas dúbidas ao xornalista. "Por unha banda, a axenda económica indica que o Estado español podería tocar fondo na crise ao longo deste ano para afrontar en 2014 o inicio da recuperación; mais o deterioro do sistema político, social e institucional -con escándalos nos principais partidos e na Casa Real- inflúen negativamente nos mercados e poderían alterar as previsións, retrasando a saída do pozo", puntualizou o autor. Preguntado pola necesidade dun cambio de modelo, Gómez puxo o exemplo de Costa Rica e as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), argumentando que "tan importante como a austeridade fiscal é aplicar incentivos ao crecemento".

Máis fotos do acto aquí.

14 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión