Proxección do filme 'O Apóstolo' en Vilalba


Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos convoca a todos os que o desexen a presenciar a proxección da película O APÓSTOLO, dirixida polo galego Fernando Cortizo, o vindeiro sábado, 20 de abril de 2013, ás 19 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

O acto enmárcase dentro do programa de colaboración do IESCHA co Instituto Santiago Basanta Silva nunha serie de actividades ao longo do mes de abril e maio .

O Apóstolo é a primeira película de animación stop-motion estereoscópica realizada en Europa, un proxecto que arrancou en 2008 e que se realizou integramente en Galiza. Contou con Philip Glass para a creación da Banda Sonora e coa participación de técnicos provenientes de películas como “A Noiva Cadáver” ou “O Señor dos Aneis”. Máis de 200 persoas estiveron traballando durante dous anos para conseguir o máis alto nivel de animación. Trátase dunha película cunha calidade avalada por Festivais de todo o mundo, como o Festival internacional de cine de Moscú, Festival de Málaga, Festival de Sitges, Festival internacional de cine de Bogotá, Festival de animación EXPOTOONS de Bós Aires, principal festival de animación de Sudamérica, onde gañou o primeiro premio. Ademais, a película estivo nominada para os últimos Premios Goya no apartado de mellor película de animación.

Sipnopse
Un preso que acaba de fugarse do cárcere intentará recuperar un botín agochado anos atrás nunha solitaria e apartada aldea do Camiño de Santiago; pero o que alí vai atopar suporalle unha condena aínda maior da que fuxiu. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un peculiar sacerdote e ata o mismísimo arcipreste de Santiago cruzaranse no seu camiño nunha historia de suspense, humor e fantasía.

17 de abr. de 2013

1 comentários :

  • Unha pena que a academia española considerase mellor unha película tan mala como Tadeo Jones, cunha mala técnica de animación, un argumento pésimo e... banda sonora de Juan Magán?
    Se o proxecto do Apóstolo viñese de Madrid, Barcelona ou Sevilla, daríanlle máis pulo, publicidade, presuposto e consideración.
    Para min, está infravalorada na nosa propia terra. Na miña opinión supera con creces ás películas stop-motion de Tim Burton, por poñer un referente no xénero.

    19 de abril de 2013, 16:41

Danos a túa opinión