Avoaescola Ferrolterra

Redacción.-

O vindeiro mércores día 8 ás 19:30 h, no salón de cultura do Concello de Fene (Museo do humor) terá lugar a presentación da Avoaescola Ferrolterra, “un espazo educativo infantil en galego”. Nela participarán as persoas encargadas do proxecto e o presidente da cooperativa de ensino Avoaescola e Galiza co Galego, Francisco López.

Avoaescola Ferrolterra é un espazo educativo en galego dedicado, nun primeiro momento, a nenos e nenas até os 6 anos. Iníciase coa finalidade de se transformar nunha escola infantil.

Avoaescola Ferrolterra realizará todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega, co fin de que nenas e nenos acaden o seu uso nas relacións afectivas e de comunicación tanto sociais como familiares.

Esta educación liberadora e cooperativa centrarase na motivación e interese dos meniños e meniñas, respectando o ritmo e características de cada quen.

Será un espazo educativo inclusivo, laico, respectuoso e aberto á comunidade social do seu entorno.

As actividades faranse en contacto co medio natural e fomentarán a expresión artística como a música, a pintura ou o movemento. A aprendizaxe dos coñecementos será un proceso activo lúdico de construción e investigación, para as crianzas dende a creatividade e liberdade.

A educación en valores é clave para un desenvolvemento persoal axeitado. A tolerancia, a solidariedade, a empatía, a igualdade, as habilidades sociais ou a expresión de sentimentos serán elementos presentes no clima diario da Avoaescola.

O contacto con apego conformará unha relación baseada no afecto e na confianza.

Avoaescola de Ferrolterra goza dun lugar privilexiado ao lado do paseo marítimo, dun parque infantil e de amplas zonas verdes.

As propias instalacións contan con zona de xogo ao aire libre, espazos verdes e unha horta ecolóxica. Primará o concepto de funcionamento sostible, aprendendo sobre ciclos da natureza a través, por exemplo, da compostaxe e reciclado.

Avoaescola é unha cooperativa na que as propias familias asociadas teñen poder de decisión sobre as cuestións relacionadas co funcionamento e mantemento do espazo. Ademais participan co persoal educativo na xestión e dinámica educativa.

Avoaescola Ferrolterra abrirá as súas portas no vindeiro outono para comezar unha aventura chea de liberdade, convivencia e aprendizaxe!

Este proxecto está impulsado pola cooperativa (de ensino) Avoaescola, apoiada económica e socialmente pola Asociación Galiza co Galego, en colaboración coas Asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega e Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e a Asociación de Escritores e Escritoras en lingua Galega

06/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión