Barreras: expatriación do estaleiro espoliado

Xabier P. Igrexas.-

O brutal esmorecemento industrial do noso país, que ameza con facer crónico o carácter dependente e máis o rol consumidor da economía galega, vén de vivir un dos seus episodios máis graves. A compañía petroleira para-estatal mexicana PEMEX farase co control do estaleiro vigués Barreras. Engádese ás ameazas que penden sobre Pescanova, Alimentos Lácteos ou Navantia. Súmase á perda de control da compañía R ou á dificil situación das empresas do contact center radicadas en Galiza, por non falar dos numerosos peches empresariais no sector metalúrxico e da automoción.

A operación xa foi visada mediante unha carta de intencións asinada pola empresa mexicana e os tres actuais accionistas de Barreras. PEMEX adquirirá o 51% do accionariado por apenas 10 millóns de euros e un compromiso temporal de carga de traballo, en forma dos dous floteis que protagonizaron a campaña electoral do pasado 21-O. Encomenda que exclúe, xa que logo, o estaleiro de Navantia en beneficio dos estaleiros mexicanos que construirán en réxime de sociedade con Barreras outros buques inda por concretar.

Historia do espolio dun estaleiro público

Un dos aspectos que non se teñen sinalado publicamente é que Barreras apenas estivo en mans privadas 16 anos. O histórico estaleiro vigués, de titularidade pública foi vendido -coa oposición das centrais sindicais, do BNG e do PSOE- en 1997 na vaga de privatizacións que emprendeu o primeiro goberno Aznar. Naquela altura, a empresa máis rendíbel do sector a nivel de Estado foi transferida a mans privadas pola ridícula cifra de 750 millóns de pesetas, 4,5 millóns de euros.

Botando contas un comproba que a operación semella moi lucrativa para os accionistas privados que ven máis que duplicado o seu investimento inicial, dado que aos 10 millóns de PEMEX hai que sumar os 4,5 millóns que en 2004 o estaleiro pagou a Construcións Navais Odiel en compensación da súa saída da empresa da que era principal accionista.

O de Odiel engade outro chisco de sombras arredor da historia recente do estaleiro olívico. Na ficha da súa privatización consta que a SEPI vendeu, mediante un concurso moi cuestionado, a até daquela empresa pública ao denominado grupo “Barreras”, conformado por Construcións Navais Odiel (50%), Albacora (10%), García Costas (10%) e a equipa directiva do estaleiro (30%). Porén, en 2004 desvelaríase que Odiel era apenas unha tapadeira, unha empresa pantalla, que ocultaba o accionista maioritario en verdade: unha compañía radicada nun paraíso fiscal, concretamente a sociedade luxemburguesa Granata, sen relación real coa bilbaína “Naviera Odiel”. Esta revelación precipitaría a saída de Odiel, ficando a empresa baixo control dos restantes tres accionistas o que supuxo un reforzo evidente da posición de José García Costas, actual Presidente do estaleiro.

José García Costas, nome chave

Porén, a entrada en PEMEX, que de facto xa fora anunciada polo propio Núñez Feijóo na súa visita a México fuxindo da escandaleira da súa amizade co narco-contrabandista Marcial Dorado, non suporá un cambio na dirección de Barreras. Existe un pacto para que García Costas, cuxa xestión ten sido duramente cuestionada por provocar a entrada en concurso de acredores da empresa pouco tempo despois de ter asumido unha importante carga de traballo, se manteña á cabeza.

A operación resultará especialmente zumenta para a compañía azteca dado que se prevén outras contrapartidas, como a súa instalación vantaxosa en Punta Langosteira, e a apropiación e posterior transferencia do coñecemento industrial atesourado nas gradas viguesas, coa vista posta en desenvolver a capacidade produtiva dos estaleiros mexicanos.

Maioritario rexeitamento á expatriación

A expatriación dun dos principais emblemas da industria galega provocou un ronsel de reaccións políticas. Á valoración triunfalista da Xunta apenas se sumaron o PSdeG-PSOE, que por boca do seu secretario xeral ofreceu o seu “apoio total” á operación, e máis Compromiso por Galicia, quen malia recoñecer que non se trata do mellor escenario a cualificou de “boa noticia”. En ambos os dous casos semella que non teñan calibrado os efectos desta operación a medio e longo prazo, conformándose apenas cunha carga de traballo eventual que non ten garantía de continuidade no tempo.

En fronte, foi o BNG quen expresou con maior contundencia a súa oposición. Por boca do seu portavoz nacional, Xavier Vence, o Bloque acusou a Núñez Feijóo de actuar de “broker” e dedicarse a “vender empresas galegas a capital foráneo”. Unha denuncia acrecentada polo portavoz nacionalista no Parlamento galego, Francisco Jorquera, quen asegurou que a venda de Barreras “é un símbolo do desastre da política industrial do PP”.

Coa oposición da fronte nacionalista cadraron tamén as dúas forzas integrantes de AGE. Anova cualificou a venda de “desposesión do aparello produtivo galego a cambio dunha carga de traballo temporal e moi dubidosa”. Pola súa banda EU asegurou que solicitará a renacionalización da empresa privatizada en 1997.

Re-nacionalización? Expropiación!

O episodio de Barreras volve poñer en evidencia dúas cuestións entrelazadas. Dunha banda o demoledor efecto que para a nosa economía tivo a privatización do sistema financeiro galego a través da bancarización das caixas -cómpre ter en conta que foi formalmente a dificultade de lograr avais o que abriu a porta a PEMEX-. E doutra a necesidade urxente dun xiro de 180º graos na case inexistente política económica do goberno galego, nomeadamente para o desenvolvemento industrial como única garantía de futuro e prosperidade para o país. Novos paradigmas que pasan ineludibelmente por unha forte presenza da economía pública.

Quedou demostrado que o problema do sector naval non se reducía a logrármonos recuperar o tax lease. Tratábase dun problema estrutural, radicado na manifesta (e se cadra deliberada) incapacidade do capital privado para desenvolver un sector estratéxico outrora puxante, como é o da construción naval en Galiza. Nada impedía ao goberno galego facerse cunha participación dese estaleiro para renacionalizalo. Nada impedía tampouco abordar, como mínimo, a constitución dun consorcio público-privado que impulsase a produción, encaiada pola falta de financiamento e avais.

O certo é que o reclamo de nacionalización para alén de tardío (a pesar de que houbo voces que o suxerimos hai moitos meses) tórnase arestora insuficiente. Logo do sucinto repaso da historia da compañía que veño de facer, apenas podo concluír que efectivamente Barreras debe volver a mans públicas. Mais o vieiro agora debe ser a expropiación. Porque entre créditos, avais, refinanciación das débedas botando man do aforro galego, vantaxes fiscais e outras axudas, as e os galegos xa temos máis que pagada a empresa. Só resta (volver) facernos donos dela e poñela ao servizo das e dos traballadores do sector, os únicos e verdadeiros creadores da riqueza que uns poucos saquearon e que agora imos transferir á outra beira do Atlántico. Unha lección que deberamos aplicar tamén a outros sectores e empresas estratéxicas.


www.contradiscurso.net | @contradiscurso

07/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión