De Fraga a Beiras

Fermín Bouza.- 

Se en Galicia houbo líderes históricos nesta democracia postransición na que aínda vivimos, eses son Manuel Fraga e Xosé Manuel Beiras. Son os que chegaron á xente con maior intensidade, o un, Fraga, disciplinando a unha dereita con fortes trazos feudais e localistas, e o outro, Beiras, subindo as porcentaxes do nacionalismo (BNG, entón, AGE hoxe) por encima do PSdG, e ameazando ao poder ilimitado dunha dereita persistente con pleno dominio sobre vidas e facendas. Dous modelos de populismo unidos por algúns trazos comúns: as mensaxes, ben altas, as ideas, ben claras, e a vontade a lume de biqueira.

Beiras é agora o home a bater por esa dereita que quixo pensar que un Beiras protagonista restaría votos á esquerda, polo seu exceso de paixón e a súa presunta radicalidade de ideas. Pero non parece que sexa así: nin Beiras é tan radical (aínda que berre moito) nin a xente tan pacata. Beiras estaba deseñado para ser o rostro amable e moderno do galeguismo histórico, pero el fíxose a si mesmo a voz áspera do galeguismo nacionalista moderno. Se é capaz de regular os seus estados de ánimo e de elaborar un programa atractivo e de progreso, é posible que recaian nel as responsabilidades de goberno, a pesar da súa idade.

Agora todo o mundo mírao coa expectación do e agora que vai facer? É un adversario inagardado para Feijóo, e non parece que xere desconfianza significativa no electorado. O PP está algo desconcertado e carece dunha estratexia convincente. Haberá moitas cousas e moito movemento na política galega de aquí ás próximas autonómicas. Que sexa para ben.

O humanismo do mundo que vén
   
Pasei unhas horas en Alcalá de Henares, na homenaxe de xubilación a un ilustre latinista e curmán meu, razón suficiente para estar alí. Pero ir a Alcalá desde Madrid, como ir a Aranjuez, é unha aventura polo túnel do tempo que nos pon en contacto con espazos de longa memoria nos que aínda habitan as ánimas dos defuntos de moitos séculos. É outro mundo para quen vén de Madrid, e ese mundo gáñate ao instante, como un fármaco para combater o novo humanismo urbano que en Madrid está detrás até do mesmo xeito de vida.

O das grandes urbes é un antihumanismo no que che van medrando os dentes, os cabeiros, exactamente, e ese fío de sangue que che colga da boca é o resto do corazón dalgún conxénere. Un antihumanismo fai desaparecer ao home do escenario da obra, pero isto non é ben exacto: un antihumanismo sepáranos do eixo porque nos converte en sombras que pululan ao fondo da caverna sen atrevérense a saír. Sombras nada máis, que di o bolero. E pensaba tamén que aquelas xentes, filólogos clásicos, lectores e transmisores daquela beleza dos grandes clásicos, esa xente, digo, non sabe até que punto son xa unha reliquia inconservable para os que están a chegar a gobernar en moitos lugares.

Son xentes a extinguir, obras a extinguir, clásicos a extinguir. Un mundo aínda humano que se vai paso a paso e que vai deixando ver, a través das súas costuras, retrincos doutro mundo que xa é noso: a desaparición de todo o que puidese ser reconocible como humano no sentido máis persoal e individual da palabra.


Daquela poeira esta lameira
   
A súpeta entrada de Aznar no escenario ante un público canso dos políticos e que pide solucións ao paro xa, estímulos e crecemento, a ruidosa irrupción en escena, digo, dese señor que un día foi presidente e puxo as bases da crise coas súas leis do solo e a súa burbulla consecuente, esa entrada conmoveu á xente e xerou un rexeitamento palpable en todos os mentideros cara a quen un día nos meteu a fartar na guerra de Iraq, un fracaso que aínda dura e que seguirá desestabilizando a zona durante moitos lustros.

Pésimos cálculos os de Bush e os seus estrategos, que puxeron sobre aviso ás potencias asiáticas e euroasiáticas da intención de fondo de xerar bases militares estratéxicas na zona e de seguir progresando cara ao leste. Iso e os centos de miles de mortos, o caos, o odio interétnico, as loitas de relixión e todos os demos que se desbocaron desde entón. Non valía a pena tan alto custo podendo controlar a ditadura irakí por outros medios. Aquilo foi un desastre que nos custou algunhas vidas, diñeiro e unha autoimaxe algo peor, á vez que apareciamos ante o mundo como un satélite menor de EEUU a través da súa versión republicana e reaccionaria. Todo un éxito do aspirante a ocupar praza de presidente e dos seus audaces estrategos.


Pero Deus é como os seus xestores?
   
O señor Martínez Camino, de palabra meliflua e impostada, non dubida á hora de cualificar aos seus adversarios políticos, porque estes cidadáns bispos transformaron a relixión nun partido político de extrema dereita e van por esa nefasta vía na que sempre se estrelan. Que agora veñan dando leccións de democracia ou algo parecido é unha mostra de até que punto perderon o sentido da realidade no camiño cara a ningunha parte polo que circulan neste país desde hai moito tempo, tan lonxe de deus como dos cidadáns, que han ir creando, cada un, a súa propia igrexa, visto o visto e o difícil que llo poñen.

Agora parece que se burlan daqueles que non seguen os seus delirios nacional-católicos, pero á xente isto non lle importa moito se, a cambio, a deixan en paz. Non parece que vaian facelo: conciben a relixión como unha interferencia nas conciencias libres, e non se limitan a exercer eles mesmos as súas crenzas, senón que tratan de imporllas á cidadanía, e mesmo, ás veces, de facelo a sangue e lume. Mellor non lembrar.


A volta do León dos Azores
   

Mentres se fala da voda da súa filla e dos agasallos algo excesivos aos cónxuxes, e tamén de sobres e máis sobres e de tantas outras cousas gürtelianas ou paragürtelianas da súa época, Aznar dedícase a postularse de maneira difusa para volver ao poder logo de tomar primeiro o do seu partido, unha manobra dobre de longo alcance que devolvería ao mando do país ao León dos Azores flanqueado quizá por Esperanza Aguirre, unha liberal (?) con bomba que diría Stalin de Trostsky (ou foi outro o que o dixo?: xa o resolvín, foi Trostky de Stalin,pero dixo "un oportunista cunha bomba").

Debe de estar a tremer Rajoy con tales inimigos ou pseudo-amigos, seguro que non dorme e que se lle aparecen os antigos bigotes do expresidente flotando no aire do seu habitáculo nocturno, movéndose sós, coma se lle falasen na néboa difusa dos seus entresoños.

Pero Aznar non volverá, probablemente. Nin o tema Bárcenas está esgotado nin saíu aínda, quizá, unha boa parte. Iso intúese do que vai pasando, non fai falta ter máis información que a que circula. Achega algo Aznar ideolóxicamente? Si, é posible que estea aínda máis á dereita que Rajoy, nese pozo insondable no que xace a dereita hispana que agarda novas oportunidades de aparecer tal como é e de demostrar que se non aceptamos aos brandos virán os duros. Carallo cos brandos, digo eu. Pois que se coiden todos de que a vida política axítese máis do que está porque neste reino bromas as xustas. Nin unha máis.


Nova retórica económica e sálvese quen poida
   
Sanidade e educación son dous sectores de actividade que definen o carácter dun estado, e indícannos que clase de filosofías orientan os seus actos como estado. Estamos a virar dunha Europa modélica en canto a respaldo á cidadanía, que é a que traballa e elixe aos seus políticos, a unha Europa extremadamente baseada e dirixida desde o mundo financeiro e que está a aplicar á vida civil as catro regras do navalleo económico ao uso, revestidas esas catro regras dunha retórica económica xa algo esfiañada que defende todos os desmáns contra os traballadores.

A orixe da crise non está nun exceso de gasto, que é unha anécdota relativamente secundaria, está na conduta desmesuradamente rapaz das finanzas europeas e americanas en canto a provedoras de créditos infundados co afán de recadar moito e rápido. Esa é a crise, e o demais é a eterna historia de culpar ao parvo, que é o pobo.

A pseudoracionalidade que leva a estas cousas é típica dunha certa concepción relativamente nova da economía, que deixa de ser unha ciencia autónoma para converterse na moza para todo dunhas finanzas que non queren ceder o poder que se tomaron, e usan para iso a unha especie de pseudociencia que todo o xustifica en nome dunha eficiencia que non é real: Europa vai a peor  mentres USA e Xapón melloran, partindo de situacións moito peores. Alemaña quéixase de que está a ver algunha fenda na unidade europea, e é verdade: todo indica que se isto non cambia comezará o sálvese quen poida e Alemaña será a primeira en sufrir as súas consecuencias.

26/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión