Denuncia do Sindicato Labrego

Redacción.-

O Sindicato Labrego Galego interpuxo ante o Concello de Oroso, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Consellaría de Industria, senllas denuncias por unha posible prospección ilegal de terras da que se fixo publicamente responsable a empresa mineira Erimsa. Segundo unha información publicada en varios xornais, Erimsa estaría a tomar mostras de cuarzo nas proximidades de Porto Avieira (Oroso) para ver se lle interesa facer unha explotación industrial do mesmo. Nembargante, a pesares de que a solicitude de permiso para prospeccións estivo en exposición pública en febreiro e marzo, aínda non houbo resolución administrativa; tamén o alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira, negou publicamente que se lle concedese ningún permiso a esta empresa para tal fin. Polo tanto, Erimsa carece de permisos legais para facer estes estudios e extraccións, polo que podería ter incorrido nunha actividade ilegal ao tomar mostras minerais.

Dende o Sindicato Labrego Galego piden ao Concello de Oroso, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Consellaría de Industria, que inicien unha investigación dos feitos denunciados e, en caso de ter habido infracción e vulneración da lei, emprendan as accións legais pertinentes contra Erimsa ou quen fixese no seu lugar as prospeccións mineiras devanditas. Para o SLG é grave a proliferación de proxectos mineiros en toda Galiza que ameazan con destruír amplas zonas do noso país cunha grande riqueza de recursos agrogandeiros e forestais en activo e coa conivencia da Xunta; pero, ademais, resulta insultante que a empresas como Erimsa non lles abonde con pór en perigo de desaparición os sectores económicos que dan vida ao noso medio rural, senón que o fagan infrinxindo a lei. Por iso, agardamos que as denuncias interpostas polo SLG deriven nunha sanción exemplar que lle deixe claro á industria mineira que por riba do seu lucro deben prevalecer a lei e os intereses da cidadanía afectada polos seus proxectos.

Case 1.000 hectáreas afectadas en Oroso, O Pino e Compostela
As extraccións feitas en Oroso están dentro da concesión mineira Calvente, que afecta a case 1.000 hectáreas, boa parte delas catalogadas como solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal, onde non é posible a actividade mineira sen autorización previa. Ademais, unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira.

Ademais de Calvente, Erimsa solicitou na zona outros catro permisos de investigación. En conxunto, as cinco explotacións mineiras que Erimsa planificou nas comarcas de Compostela e Ordes abranguen unhas 8.000 hectáreas. Non é a primeira vez que Erimsa tenta levar a cabo proxectos mineiros en terras de alto valor e produtividade agrogandeira e forestal. Fíxoo na Terra Chá (Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza), e os permisos lle foron denegados pola Consellaría de Medio Ambiente e os recursos desestimados pola Xustiza trala presentación de máis de 700 alegacións por parte da xente afectada e de diversas organizacións, entre elas o SLG.

23 de maio de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión