Día do Comercio Xusto en Ribadeo

Redacción.-

Co lema “Mulleres na defensa do comercio xusto no Norte e no Sur”, o Sindicato Labrego Galego, Amarante Setem e o grupo de consumo As Grelas, celebran este sábado, 11 de maio, a Semana Galega de Comercio Xusto en Ribadeo, coa intención de facer visible o traballo feito polas mulleres na loita pola igualdade e en defensa dun comercio xusto.

En concreto, desenvolverase un mercado transparente na praza de Abastos de Ribadeo, de 10:30 a 14:00 horas. Asemade, haberá unha mesa redonda baixo o título "Consumindo confianza. Encontro de grupos de consumo responsábel”, a cargo de As Grelas, Karrikanta e A Casa Azul, que comezará ás 12:30 horas.

Nesta ocasión, aproveitarase esta celebración para homenaxear aos miles de vítimas que, cada ano, morren en accidentes laborais en todo o mundo no sector da confección, cunha lembranza especial para as máis de setecentas persoas que finaron no derrubamento da fábrica téxtil Rana Praza, en Bangladesh, sendo a maioría mulleres. Por iso, aproveitando a xornada de comercio xusto, realizarase unha acción na rúa con candeas en memoria das vítimas.

A situación da muller

A deslocalización do téxtil exportou un modelo discriminatorio coas mulleres, de explotación e de abuso onde se seguen rexistrando intimidación, abuso sexual e explotación infantil.

No sector da alimentación pódese dicir que aínda non foron equiparados os dereitos de homes e mulleres nos dereitos da terra e de produción, cando adoitan ser as mulleres as que traballan a terra, a titularidade da actividade económica e incluso da terra está en man dos homes. En Galicia, aínda que xa existe unha Lei de Titularidade Compartida nas explotacións, o desinterese dos poderes públicos para aplicala fai que case ningunha labrega solicite ser titular da explotación na que traballa, renunciando así aos dereitos laborais máis básicos.

Dende o seu inicio, o comercio xusto estivo na vangarda da defensa das mulleres, na promoción de reformas xurídicas e políticas e do apoio a proxectos que melloren o poder económico das mulleres e ampliación das súas opcións de vida. O empoderamento das mulleres demostrou que contribúe á saúde e a produtividade das familias e de comunidades enteiras e unhas mellores perspectivas para as seguintes xeracións.

Por iso no Día Internacional do Comercio Xusto búscase a solidariedade coas vítimas dos últimos accidentes en Bangladesh e demandar o apoio á sociedade para que as marcas de roupa asinen o Acordo de Seguridade nas fábricas deste país. Por iso, poñeranse candeas en memoria das vítimas, repartiranse informacións sobre as mortes neste sector e as marcas de roupa involucradas.

11/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión