ILP: o pobo non é quen máis lexisla

Xabier P. Igrexas.-

A actual democracia formal apenas permite a participación directa da cidadanía para alén dos procesos electorais. O modelo representativo reserva para as institucións parlamentarias toda a capacidade de decisión, que pode ser ser exercida mesmo para gobernar en contra do pobo e vulnerando o programa electoral co que se concorreu aos comicios. Exemplos hai abondosos e lamentabelmente moi recentes, case cotiás. Asemade as maiorías absolutas permiten a un só partido perverter aínda máis a formalidade democrática, pasando a rodela por sistema sen incorporar ningunha opinión, proposta ou achega distinta das propias. Cando os partidos maioritarios, como sucede no Estado, son apenas instrumentos políticos ao servizo dunha minoría poderosa --a oligarquía empresarial e financeira, a burguesía-- a democracia convértese apenas nunha entelequia, nun ritual oco.

Porén, no actual réxime parlamentar existe unha figura que permite ao pobo erixirse por si propio en propulsor de reformas legais. Son as denominadas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP). A través destas a cidadanía pode, por medio dun complexo proceso de recollida de sinaturas, trasladar ás cámaras de representantes propostas legais para a súa consideración. Os requisitos que han de cumprir acostuman inviabilizar a súa chegada aos plenos parlamentarios. Mais inda cumpríndoos poden ser vetadas. Unha maioría absoluta pode rexeitar que calquera ILP se debata.

O certo é que as ILP, amplamente descoñecidas, se puxeron de actualidade pola que impulsou a Plataforma de persoas Afectadas polas Hipotecas. A PAH logrou axuntar máis dun millón e medio de sinaturas en todo o Estado para propor unha reforma legal que impuxese unha moratoria nos desafiuzamentos, que habilitase a dación en pagamento con carácter retroactivo como forma para saldar completamente as débedas e que pulase polo alugueiro social como fórmula que impedise a perda da vivenda. O PP de entrada negouse mesmo a debatela e só a presión social logrou que chegase ao Congreso. O resto da historia é coñecida. Do texto avalado por centos de milleiros de persoas non quedou ren logo do cepillado (botando man da expresión de Alfonso Guerra) á que a someteu a maioría absolutísima do PP. Basta con contrastar o articulado da lei antidesfiuzamentos aprobada en solitario polos populares coa proposta da PAH, para comprobar de maneira empírica o fiasco, a colosal estafa democrática que perpetraron no seu nome.

O Parlamento galego debateu onte dúas ILP. A primeira, denominada “ILP Valentín Paz Andrade” pulaba pola ensinanza da ortografía portuguesa no ensino galego, a participación da Xunta en foros internacionais da lusofonía ou a recepción das televisións e radios portuguesas a través da TDT. O ditame unánime da cámara foi favorábel á súa tramitación. Porén, o facto de que o Partido Popular apoiase a súa consideración non significa que a mesma resulte finalmente aprobada en forma de lei, nin que a resultante respecte os obxectivos e compromisos recollidos na ILP. O voceiro popular xa o deixaba caer ao insistir que a inclusión do portugués nas escolas de Galiza sería baixo a forma de “lingua estranxeira” e en todo caso con carácter optativo. Asemade o popular Agustín Baamonde rexeitaba a posibilidade de recebermos no noso país as canles de TV e radio portuguesas, aducindo que se trata dunha competencia estatal. Polo tanto a insólita coincidencia entre PP, BNG, AGE e PSOE arredor desta iniciativa pode non pasar dun mero facto simbólico. Simbolismo do que un non pode deixar de sospeitar que sexa instrumentalizado pola Xunta de Feijóo para rebaixar a tensión social rumo a un 17 de maio que agoira, máis unha vez, un clamoroso rexeitamento nas rúas da súa política galegofóbica. Aliás, engádese un chisco de cinismo, ou se se quer de impostura, á posición dos populares, dado que na súa recente viaxe a Portugal o Presidente Feijóo non tivo reparos en expresarse en español, e non en galego, botando man dun interprete para a tradución. Unha práctica que choca, por total incoherencia, coa concepción do galego como lingua internacional que fundamenta a propia ILP Valentín Paz Andrade.

A segunda ILP foi a dos “3 erres”. O texto impulsado por diversos colectivos de defensa ambiental avogaba pola aplicación en Galiza dos principios da denominada triple R: reutilización, redución e reciclaxe, e de facto supuña unha emenda á totalidade á desastrosa política de xestión de residuos implementada no noso país a través de Sogama. Política que mesmo incorre en incumprimento da lexislación vixente, polo que vai ser denunciada perante a Comisión Europea. Desde logo non causou sorpresa que o PP empregase sen ambaxes a súa maioría absoluta para tombar mesmo a súa toma en consideración, facendo unha defensa cerrada do modelo de incineración, que para alén de insustentábel ambientalmente supón unha ameaza real para a saúde pública. Sen embargo si que renxeron de máis boa parte dos “argumentos” deitados polo PP en oposición á ILP, mesmo incorrendo na falsidade de presentar a Sogama como un “modelo de valorización enerxética” cando en realidade consume máis enerxía da que xera.

A estes exemplos cómpre engadirmos outras iniciativas. As vetadas. As que malia contaren co apoio dun inxente número de galegas e galegos non chegaron nunca a ser debatidas por mor do veto parlamentario do Partido Popular. As máis recentes son a que apostaba por unha sanidade pública cento por cento e a que reclamaba o mantemento do pioneiro programa pre-escolar na casa, finalmente finiquitado pola Xunta de Feijóo. Ambas as dúas foron lembradas onte, por boca da deputada do BNG Ana Pontón. A nacionalista cualificou de “inxusta” a posibilidade legal que permite o veto parlamentario xa que supón un atranco a “debates que a cidadanía quere traer ao Parlamento” e anunciou que desde o Bloque promoverán unha modificación da Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para evitaren que ningunha ILP esmoreza ás portas da cámara.

Visto o visto un non pode máis que concluír que o pobo non é -parafraseando o Grândola- quen máis lexisla. A falta das imprescindíbeis mudanzas que alarguen a participación social na toma de decisións políticas, cara a unha democracia digna de tal nome, as ILP deberan ser o pequeno cabalo de Troia das camadas populares, das clases traballadoras, para -por si propias- coar no barullo da retórica oca das cámaras as necesidades e arelas reais da xente, botando man das e dos aliados que temos nos escanos, porque habelos hainos malia seren poucos. Porén, aínda logrando o anterior a tarefa seguirá a ser conquistarmos o poder que hoxe nos furtan, derrubando os muros infranqueábeis dos parlamentiños para colocar a vontade popular no centro da praza liberada que canta Tino Baz.

15/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión