Lourenzo, Vidal Bolaño e o teatro


Redacción.- O pasado venres tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba unha táboa redonda encol da figura de Roberto Vidal Bolaño e o teatro galego, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos. Ao acto, pouco concorrido por mor de coincidir con outro que se celebraba á mesma hora no Centro Cultural, asistiron preto de trinta persoas que tiveron a oportunidade de escoitar a Manuel Lourenzo -na fotografía- falando do teatro independente galego e da figura do autor homenaxeado nas Letras deste ano, Roberto Vidal Bolaño.

Lourenzo introduciu ao público no apaixonante mundo do teatro para ilustrar sobre a súa orixe e o seu desenvolvemento en Galicia até os nosos días. Tamén interveu Francisco Piñeiro, que achegou ao teatro popular da Mariña lucense, resaltando a figura de Xosé Manuel Carballo, convocado como participante neste acto e ao que non puido acudir por motivos de saúde. Como colofón, a moderadora da táboa, María Xosé Lamas, achegou á historia do teatro en Vilalba dende remates do século XIX até a actualidade. 

13/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión