Moncho Paz, finalista en Xornalismo Cultural



Redacción.- Onte rematou o prazo para escoller ao gañador do certame de Xornalismo Cultural, organizado unha vez máis polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Nesta ocasión, o premio dispútase entre oito candidatos, os máis propostos polos membros do CPXG e os socios da AELG na categoría de "mellor traxectoria en Xornalismo Cultural". Moncho Paz, co-editor de A Voz de Vilalba, é un dos finalistas neste galardón; os gañadoras das distintas modalidades daranse a coñecer na gala que terá lugar ás 20 horas do vindeiro sábado 4 de maio, no auditorio do Centro Ágora de A Coruña. 

Moncho Paz (Compostela, 1970) é licenciado en Ciencias da Información, rama de Xornalismo, pola Universidade Complutense de Madrid. Inscrito no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), na Federación de Asociacións da Prensa de España (FAPE) e na International Federation of Journalists (IFJ). 

Desde moi novo dedicouse ao xornalismo cultural. Sendo adolescente fundou –con Paulo Naseiro e Mario Paz– o xornal A Voz de Vilalba, que viu a luz entre os anos 1983 e 1986, primeiro con periodicidade semanal e posteriormente mensual, e que desde febreiro de 2008 está en Internet, sendo na actualidade todo un referente na defensa da lingua e a cultura galega.

Comezou a súa andaina profesional no diario El Progreso, inicialmente como correspondente na comarca de Terra Cha e despóis como redactor en Lugo, colaborando en todo tipo de iniciativas culturais na cidade e de xeito especial na revista Lucensia e en Táboa Redonda, suplemento cultural coordinado por Juan Soto Gutiérrez, subdirector do xornal. Durante a súa estadía en Madrid, Moncho Paz estivo en contacto permanente co mundo das artes, a música e a cultura galega, destacando a súa relación cos membros do grupo poético Bilbao. 

No exercizo libre da profesión, colaborou con outros medios, como El Correo Gallego, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, De Luns a Venres, Diario de Ferrol e A Nosa Terra; na actualidade escribe en El País e no dixital www.mundiario.com, xornal de análise e opinión dirixido por José Luis Gómez. Tertuliano habitual en debates de TV, tamén foi director e moderador do programa semanal de actualidade informativa Xanela Aberta, emitido polas cadeas da Agrupación de Televisións Locais de Galicia Onda Nós

É membro do equipo de redacción da revista tecnolóxica Código Cero, do Instituto de Estudos Chairegos, co-editor de A Voz de Vilalba e forma parte da xunta directiva da Asociación PuntoGal, iniciativa que pretende conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio propio en Internet. Como socio de Dircom (Asociación de Directivos de Comunicación), desde hai máis de quince anos dedícase á comunicación corporativa, primeiro no eido das artes gráficas e actualmente nos sectores de enxeñería e consultoría. 

En 2011 foi galardoado co Premio Johán Carballeira de Xornalismo, outorgado polo Concello de Bueu, pola entrevista realizada a Ramón Chao en París (“Entrei en Radio France porque falaba galego”). Asemade, Moncho Paz é autor de diversos prólogos en novelas e poemarios. En 2012 publicou en varios medios (A Voz de Vilalba, El País e Diario de Pontevedra) unha entrevista concedida en exclusiva polo cantante Manu Chao, que posteriormente foi reproducida na revista musical xaponesa Latina, líder no mercado asiático. Na imaxe, Moncho Paz visto por López Rico.

01/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión