O alemán de Camelle, en Compostela


Redacción.- Compostela acollerá o vindeiro sábado 4 de maio a presentación do libro Man, o alemán de Camelle,  sobre a vida e obra de Manfred Gnädinger (1936-2002), o pintor e escultor xermano que viviu durante anos como un anacoreta en Camelle (Camariñas), na Costa da Morte. O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, terá lugar a partir das 13 horas na Libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes 6).

Man tratou de levar unha vida o máis simple e natural posible, elaborando esculturas ao aire libre preto da praia onde vivía e coidando o seu pequeno xardín. Naceu e pasou a súa infancia en Alemaña, procedente dunha familia de sete irmáns e estudou arte en Italia. Impartiu crases de arte en Suiza a persoas con problemas de integración social. O seu interese pola preservación do medio ambiente e a curiosidade por coñecer a costa galega conducírono á Costa da Morte. En maio de 1962 chegou a un Camelle inmerso nas festas patronais do Espírito Santo, como se recolle no libro. Desde aquel día aquel alemán solitario, educado, de bo aspecto e con certo aire de turista acomodado, instalouse para sempre no pobo. Durante o desastre do Prestige en novembro de 2002, a mancha de petróleo danou as súas esculturas. Crese que o Alemán deixouse morrer de melancolía e tristeza.

A súa historia recóllese no libro Man, o alemán de Camelle (A Coruña, Galebook, 2012), con textos de Beatriz Maceda Abeleira e ilustracións de Laura Veleiro Suárez, que estarán presentes neste acto, que será conducido polo xornalista Moncho Paz. A edición -coidada e ben maquetada- trata de achegar aos máis novos a vida de Man, “para que manteñan vivo o seu espírito”.

Beatriz Maceda Abeleira (A Coruña, 1963). Mestra de educación primaria, diplomada pola Escola Universitaria de Lugo e máster en Orientación Educativa. Adícase á docencia desde hai catorce anos e combina a súa profesión coa participación en congresos; tamén imparte cursos sobre ensino global. A literatura é outra das súas paixóns. Ten publicados relatos en revistas dixitais. Esta obra constitúe o seu primeiro conto infantil sobre un dos seus “heroes silandeiros”.

Laura Veleiro Suárez (Xixón, 1970). Escritora e ilustradora, principalmente de libros infantís. Despois de rematar os seus estudos universitarios na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense de Madrid, traballou xa en Galicia, no mundo editorial como redactora en Hércules de Ediciones. No ano 2010 publicou o seu primeiro proxecto persoal Nubeman baixo o selo de ECU Ediciones. As súas ilustracións e relatos abarcan temáticas e estilos moi diversos, desde a concienciación ambiental aos temas fantásticos e históricos. No seu traballo plástico emprega unha gran variedade de técnicas: acrílicos, pasteis, lápis de cores, tinta; mais sobresae en especial o seu gusto polas acuarelas e aguadas. O seu estilo reflicte a expresividade e o contido de cada proxecto único, dotándoo dunha forte naturalidade.

02/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión