O risco sistémico

Modesto Renda Santiso.-

Conta David Harvey que nun momento da reunión que mantiña con un grupo de economistas, a raiña Isabel II formulou a seguinte pregunta:
-¿Cómo é que vostedes non viron vir isto?
Os economistas molestáronse e a Súa Maxestade telefoneou ó gobernador do Banco de Inglaterra ó que lle preguntou:
-¿Por qué non o viches vir?
Acto seguido a academia británica reuniu a outros tantos expertos que se presentaron con unha carta dirixida á Monarca e que dicía algo así:
“Moita xente dedicada, lista e intelixente pasou toda a súa vida traballando nas dimensións deste problema; pero do que quizáis se esqueceron, foi de considerar o risco sistémico”

A versión oficial que verte dos poderes económicos e políticos así coma da práctica totalidade dos medios de comunicación, dinos que a crise é o resultado das prácticas erróneas dos xestores do capital e a consecuencia da especulación desmedida no ámbito do sector financiero. Esta idea indúcenos a pensar que é posible a existencia dun capitalismo "bo" e exento de crise, fronte a outro "malo" producto dunha voracidade perversa ou torpeza na xestión.

Existe ademáis un consenso xeneralizado ó afirmar que a crise se iniciou como consecuencia dun pánico financieiro surxido a partires dunha burbulla inmobiliaria de grandes dimensións, sendo o nexo de unión entre a crise inmoviliaria e a financieira o arriscado sistema de préstamo hipotecario que se viña poñendo en práctica; pero o simple feito de falar de "risco sistémico" non é outra cousa que recoñecer as contradiccións internas da acumulación do capital e ás dinámicas que estas producen é preciso acudir para poder entender as razóns da crise económica á que nos enfrentamos, así coma o papel que tiveron as crises ó longo de toda a historia do capitalismo.

A maior participación dos traballadores no reparto da riqueza tras a II Guerra Mundial deu pé a un incremento sen precedentes das inversións co fin de conquistar ese potencial mercado que se abría paso, instalándose no imaxinario colectivo a máxima liberal de que a producción sempre tende a crecer.
Pero as posibilidades de crecemento do consumo son limitadas e as grandes empresas ven na reducción de costes o único xeito de manter unha posición de ventaxa fronte ás súas rivais, entrado o mundo do capital nunha voráxine competitiva de reduccións salariais, alongamento da xornada laboral e despidos masivos que derivan nunha disminución do poder adquisitivo por parte da gran maioría da clase traballadora. É neste momento cando o xerme que o sistema alberga no seu seno se manifesta de xeito inevitable, desencadeado pola sobreproducción duns productos que sobrepasan o tirón do consumo.

No lugar de axustar a capacidade productiva á demanda real e ávida dunha rentabilidade que a producción entendida nun sentido clásico xa non podía proporcionarlle, a oligarquía capitalista recurriu á creación de capital ficticio. Capitais que acuden reiteradamente a nichos carácterizados por unha elevada tasa de beneficio a curto prazo e que acaban por virse abaixo ó superar a inversión realizada nos mesmos o seu potencial de crecemento na economía real, provocando un incremento da especulación así como a creación de todo tipo de burbullas financieiras.

Para evitar o total colapso do sistema, os gobernos levan a cabo masivos rescates bancarios con fondos públicos o que fai que a deuda se dispare dun xeito dramático e se poñan en marcha severos plans de axuste que teñen como obxetivo último a súa reducción, retraendo aínda máis o consumo nunha macabra espiral que non parece atopar fin e que conduce irremediablemente ó desplome.

Ningún aspecto carácteristico propio do contexto de capitalismo "globalizado" no que nos atopamos así coma fenómenos propiamente ligados ós postulados neoliberais hexemónicos no actual réxime macroeconómico, deben ocultar ou escurecer a verdadeira natureza desta crise, como crise estructural ou crise cíclica do sistema capitalista. Do mesmo xeito que sería estéril poñer en marcha solucións de corte keynesiano tales coma as aplicadas na postguerra mundial, cando o desevolvemento das forzas productivas era moi distinto, non rematara o proceso descolonizador ,a revolución técnico-científica estaba por eclosionar e o contrapeso dun modelo económico alternativo, gravitaba sobre o todo mundo capitalista.
É polo tanto máis necesario ca nunca vincular a loita contra crise e os seus efectos antisociais á posibilidade de transitar cara un modelo de producción diferente, un modelo no que a planificación económica e o control por parte da clase traballadora de sectores estratéxicos da economía sexan elementos clave, un modelo que con carácter estable e duradeiro, sexa quén de dar resposta ás necesidades da poboación, ademáis de ser capaz de garantir a conservación ecolóxica e a innegociable protección da nosa natureza.

*Esquerda Unida Vilalba

08/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión