Vidal Bolaño e o teatro en Galicia

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro venres, día 10 de maio de 2013, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, unha mesa redonda que leva por título “Roberto Vidal Bolaño e o teatro actual”. Intervirán na mesma:
-Manuel Mª Lourenzo, actor, dramaturgo e director teatral
-Francisco Piñeiro, mestre e escritor
-Xosé Manuel Carballo, crego, escritor, ilusionista, humorista e animador cultural e social
-Mª Xosé Lamas, mestra e escritora

O acto enmárcase dentro da programación que, co gallo das Letras Galegas’2013, ten previsto levar a cabo o IESCHA durante o mes de maio e que contará así mesmo con representacións teatrais tanto par ao público en xeral coma para os máis pequenos.

ROBERTO VIDAL BOLAÑO (Santiago de Compostela, 1950 – 2002)
É unha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable. Só uns meses antes do seu pasamento, no número 50 da revista A Trabe de Ouro publicouse o texto do seu monólogo Sen ir máis lonxe, que Méndez Ferrín cualificou como o seu testamento dramático. Ese mesmo ano a Real Academia Galega nomeouno Académico Correspondente.
É indiscutible a importancia da figura de RVB para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade.

Por enriba de todo, RVB foi un extraordinario escritor. Fixo literatura dramática a consciencia, con vontade de intervir no sistema literario galego, de dialogar con outras obras e autores, de apoiarse nos nosos clásicos (como Rosalía, Otero Pedrayo ou Cunqueiro, por exemplo) e na obra dos seus contemporáneos. Súa foi a translación aos escenarios do Percival de Méndez Ferrín, por exemplo, ou do Xelmírez de Cortezón ou da Rosalía de Otero Pedrayo. Era un escritor consciente da pertenza da súa obra a un sistema literario rico e dinámico, en constante desenvolvemento.

A súa obra merece ser revisitada nos escenarios e especialmente nos textos, porque coma os grandes autores de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño foi quen non xa de describir o seu tempo, senón, sobre todo, de transformar a súa época. O teatro galego sábeo ben, e con el, o noso sistema literario. (Real Academia Galega)

08/05/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión