Xosé Manuel Pacho gaña o Rafael Dieste


Redacción.-

Xosé Manuel Pacho Blanco, colaborador de A Voz de Vilalba, e Zé Paredes, son os coautores da obra "Teatro, ou xeitos de cargar unha arma" coa que resultaron gañadores da XVI edición do premio de teatro Rafael Dieste convocado pola Deputación da Coruña.

O xurado, reunido esta mañá na sede da institución provincial, salientou que o texto gañador “traballa con argumentos do presente con dous planos nos que incorpora a ironía e o sarcasmo”. Ademais, segundo se reflicte na acta, “é unha obra en clave xeracional con personaxes que parodian actitudes da vida cotiá”. Ademais, tamén destacan o feito de que a obra “establece un contrapunto entre as instrucións de montar unha arma e a comedia dos protagonistas”.

Os dous gañadores, afincados en Ourense e Santiago, respectivamente, recibirán unha dotación económica de 6.500 euros e a posterior edición da novela.

Pacho Blanco acumula con este dous premios culturais da Deputación, xa que no ano 2007 foi o gañador do Torrente Ballester de narrativa, premio decano da institución provincial coruñesa, coa obra “A choiva do mundo”.



Historial

Os gañadores das últimas edicións deste premio foron:

2011: Alberto Guede con La función del tequila
2009: Santiago Cortegoso con 0,7% Molotov
2007: Teresa Moure con Unha primavera para Aldara
2005: Gustavo Pernas con Final de película
2003: Inma Antonio con A ciencia dos anxos
2001: Gustavo Pernas con Footing
1999: Manuel Lorenzo Pérez con Últimas Faíscas de setembro
1998: Miguel Sande con Ninguén chorou por nós
1997: Roberto Vidal Bolaño con Doentes
1996: Manuel Lourenzo con Magnetismo
1995: Xavier Lama con O serodio remordemento do amor
1994: Xesús Pisón con Venenos
1993: Raúl Dans con Matalabos
1992: Roberto Vidal Bolaño con Días sen gloria

30 de xuño de 2013

Conferencia sobre prensa local en Vilalba

Redacción.- Vilalba acollerá o vindeiro venres 5 de xullo a conferencia “Información local, proximidade e interpretación global”, a cargo de Xosé Pereira Fariña, profesor e decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba –no marco do seu XXX aniversario- e o Instituto de Estudos Chairegos, terá lugar a partir das 20:30 horas na Casa da Cultura da capital chairega. A presentación do conferenciante correrá a cargo de Moncho Paz, xornalista e co-editor de A Voz de Vilalba.

Xosé Pereira Fariña (Moraña-Pontevedra, 1976) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC. Na actualidade, é o decano na Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá e durante tres anos foi o Coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da USC. Entre as súas publicacións, figuran varios artigos en revistas internacionais e participou na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo, coma o Manual de Redacción Ciberperiodística (Ariel, 2004) e Sistemas digitales de información (Pearson, 2006). Actualmente traballa en varios proxectos de investigación vencellados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación. 

30º aniversario d´A Voz de Vilalba

Paz, Naseiro, Paz.-

O 29 de xuño de 1983 viña sendo un mércores. A tradición d´A Voz de Vilalba marca este día como aquel no que, sentados na Praza do Castelo a trazar plans para o longo verán que se aveciñaba, deunos por facer un xornal. Tamén nos podía ter dado por outra cousa, pero non. Quizais o recente descubrimento da longa e fecunda historia da prensa vilalbesa do primeiro terzo do século XX, ou a influenza dunha coñecida serie de televisión, ou seguramente a suma de ambalasdúas cousas, deron inicio a esta aventura que xa dura trinta anos. Contámolo xa nalgunha ocasión, polo que non é preciso lembrar outra vez aquela tolemia preadolescente.

Unha afortunada casualidade marca se cadra a diferenza entre o que puido ser outra arroutada do que foi a longa traxectoria que nos trouxo até aquí: Xosé Antonio Varela, moito máis ca un mestre, boa persoa no mellor sentido da palabra e o noso “dire” naquel colexio Ínsua Bermúdez que tantas inquedanzas espertou, pasou no momento xusto polo sitio certo. Á nosa tolemia respostou poñéndonos a dispor os medios cos que contaba o centro de ensino para que puidesemos tirar o primeiro número.

E, entre eses medios que Varela nos ofreceu, Chema Barcia, o profe de literatura e inglés co que tiñamos os seus máis e os seus menos –non se pode dicir que foramos alumnos modelo- , un tío currante e botado para diante que, despois da perplexidade inicial, non hesitou á hora de porse ao teclado dunha enorme Olivetti gris a machacar, literalmente, clichés de multicopista.

A secretaría do deserto Ínsua Bermúdez, Paz e Iván foron testemuñas daqueles dous intensos días de traballo entre a máquina de escribir, as probas de impresión e a tiraxe definitiva dunha presa de exemplares –quizais cen ou cento e pico- de seis páxinas que a vetusta multicopista Gestetner sacou a diante a trancas e barrancas nun ambiente certamente alegre e de moita ilusión. Chema Barcia lembraba hai uns anos aquela tolemia.

Unha presa de noticias, algunha curiosa enquisa, o plano da vila e a nosa primeira entrevista, a que fixemos a un pequeno funambulista chamado Willi Wobbeki cuxa familia actuaba aquela fin de semana da Alameda vilalbesa, constituían o parvo contido daquel número un que saímos a vender o domingo, tres de xullo.

E xa non houbo maneira de parar aquelo. Non até o mes de agosto de 1986, tres anos despois de comezada a aventura. Cunha periodicidade semanal, mensual, ou cando cadraba, A Voz de Vilalba saíu á rúa dun xeito ou doutro afrontando abondosas dificultades. Polas páxinas de maquetación artesanal pasaron, entrevistados, Manuel Fraga, o entón alcalde García Leira, o bispo de Mondoñedo, o pintor Diego Antona, o daquela adestrador do Racing Vilalbés, Fabri, Rouco Varela ou o grupo Xorima, entre outros.

Vinte e sete números e varios especiais, unha espectacular exposición de prensa mudial, montada entre agosto e setembro de 1985 coa inestimábel axuda de José Sánchez Domínguez, e unha chea de experiencias vividas son o resumo daqueles tres anos e pico fundacionais. Os camiños da vida impuxeron unha longa pausa no proxecto, pero non mataron o espírito co que naceu A Voz de Vilalba.

É en 1988 cando se produce outro xiro inagardado. Cando a criatura cumpría vinte e cinco anos, un xove profesor de orixe vilalbés, Felipe Debasa Navalpotro, atopaba na Biblioteca Nacional aqueles xornais feitos con moitas gañas e poucos medios. Da súa sorpresa xurdiu a iniciativa de editar todo aquel material en edición facsimilar, da man da Universidad Rey Juan Carlos e o Instituto de Estudos Chairegos. Na xuntanza da redacción orixinal para traballar neste proxecto xurdiu, inevitábelmente, unha ucronía: que terían feito aqueles tres rapaces de contaren cos medios de hoxendía e, particularmente, coa Internet?

O espírito que deu vida á aventura naquel lonxano 1983 seguía, sen dúbida, vivo, e A Voz de Vilalba converteuse en avozdevilalba.com, unha nova etapa na vida do xornal que acumula, arestora, cinco anos de actividade, dúas mil catrocentas tres entradas na web e máis de cento sesenta mil visitas á portada da edición dixital. Sen presunción algunha, e mesmo cun algo de tristura, este é un dos poucos medios en galego que sobrevive á terríbel crise que vive desde hai anos a prensa na nosa língua, coa vontade de manter a testemuña, se for posíbel, como mínimo tres décadas máis.

29 de xuño de 2013

Só para calvos

Xulio Xiz.-

Sinto non estar en Vilalba hoxe para participar na carreira para calvos  que, segundo teño noticia, organizan Miguel Montenegro e Ángel Campos.

Certamente, é curioso un certame deportivo coma este dirixido a todos os  que non teñan pelo protector no máis alto da súa xeografía humana, porque hai poucas –por non dicir ningunha-  actividades que se dirixan en exclusiva aos que nos falta o pelo, sexa porque prematuramente se nos foi, sexa porque a idade contribuíu á despoboación do coiro cabeludo.

Será cousa de ver esta orixinal proba que vai desde a Praza dos Ovos pola  Roxeira, a estrada ata o Rañego, o paseo fluvial para finalmente subir pola costenta Ferrería onde os sufridos participantes poderán facer un sprint final para demostrar as súas boas condicións físicas que se supón nada que teñen que ver coa caída do pelo.

Son arredor de catro kilómetros que, andados, aínda que sexa a bo paso,  non lle fan mal a ninguén, pero correndo xa é outra cousa, que hai que desplegar moita enerxía e manterse en boa forma, especialmente para a volta, que supón algo así como un porto de montaña para os valentes calvos que se inscriban para participar en tan orixinal desafío.

Eu en principio non penso participar, que aínda que non me atopo mal  físicamente, coido que a estas idades xa relativamente elevadas non é cousa de poñer a proba a miña estructura física, e ademais coido que andar está ben pero poñerse a correr como fan moitos veteranos para castigar o corpo é unha auténtica toleada.

Outra cousa é se organizan posteriores edicións se o resultado desta  primeira é satisfactorio, e ademáis de calvo o participante ten que ter algunha eiva... eu que sei, ser coxo ou cego total ou parcialmente. Ese día si me animaría a participar, que ben sabido é que habendo cegos polo medio o torto é o rei.

Eu de verdade desexo éxito a esta proba... E que haxa moitos calvos  felices que   acudan a participar, e poidan recibir eses premios tamén calvos – melóns, ovos ou bombillas- que os humoristas convocantes terán a ben entregar.

Ánimo, calvos, que non se divirte o que non quere!

28 de xuño de 2013

Xornalistas de Lugo en Budapest

Redacción.- Magyar Televízió (tamén coñecida como MTV) é a compañía de televisión pública de Hungría. Recentemente foi testigo do reencontro de dous xornalistas lugueses, Moncho Paz (de Vilalba) e Manolo Rodríguez (de Sarria), ex-redactores do xornal El Progreso de Lugo, que se atopaban en Budapest por motivos profesionais. 

A MTV foi fundada en 1954 como parte de Magyar Rádió e funciona como un organismo independente da radio pública desde 1974; actualmente o grupo xestiona dúas cadeas de televisión -con cobertura en toda Hungría- e un servizo adicional que emite as sesións do Parlamento húngaro a través de Internet. Asemade, MTV é membro activo da Unión Europea de Radiodifusión e parte do grupo hungaro MTVA desde 2011. Para máis información poden visitar a páxina www.mtv.hu

25 de xuño de 2013

Aprendices de atracadores

Xulio Xiz.-

As películas sobre atracos teñen unha gran variedade de tratamento segundo o importe que se pretende roubar, a profesionalidade dos presuntos ladróns, a planificación do atraco e a postura que adopte o director do filme, de maneira que o resultado pode dar lugar a unha humorada, un entretenimento ou unha traxedia.

Para todo hai que valer, e especialmente para roubar, xa que o resultado  razonablemente debe ser directamente proporcional ao esforzo e a planificación, aínda que non sempre se pode xulgar tan directamente porque hai moitos factores que poden influir no desenvolvemento do atraco.

Polo que leín na prensa escrita, as aventuras vilalbesas dunha banda de  presuntos aprendices de ladróns preocupou primeiro e debeu facer sorrir despois, porque non foi máis ca unha cadea de despropósitos que se elevaron á categoría de atracos pola sicosis que na actualidade temos de falta de seguridade, e ata de impunidade dos que se dedican a apoderarse do alleo.

Co control que a Garda Civil ten a escala local o lóxico é que os  protagonistas destes atracos a maioría frustrados foran cazados en calquera estrada local, cando a captura está mesmo a punto de facelo un dos atracados que coñecendo o coche dos maleantes lles atravesa o seu na estrada  facéndoos perder o control e saírse da vía.

Non é que eu abogue pola mellor formación dos delincuentes para dedicarse  a estas actividades, que hai moitos xeitos decentes de gaña-la vida antes que dedicarse a apropiarse do que a outros lles costou moito traballo conseguir. Digo que os amigos do alleo deberían convencerse que é moito máis cómodo, menos exposto, traballar honradamente que andar a salto de mata entrando en casas alleas na procura de obxectos polo tanto alleos, coa
perspectiva de que máis axiña que tarde os van a coller aínda que sallan  rapidamente das dependencias policiais, en liberdade con cargos, por exemplo, mentras non se celebra o correspondente xuizo.

Nesta ocasión, é para tomalo a broma. Pero normalmente non é así, e este  tempo difícil é especialmente propicio para que a delincuencia – neste caso desorganizada- colla forza e cause fonda preocupación.

A entrega das ideas e do armamento ético

Fermín Bouza.-
  
O mapa político, as súas estratexias e as súas comunicacións, cambiou de súpeto coa foto de Rajoy e Rubalcaba e o que significa para este Reino. De similar valor simbólico, a saída do cárcere de Blesa, a liberdade de Bárcenas e o lio Facenda/Infanta. Non entro en temas xurídicos, limítome a sinalar o campo de significación destas paisaxes visuais da política. Para rematar, Rouco Varela aparece como o inquisidor maior do reino e, por primeira vez, os privatizadores da sanidade parece que terán que render contas ante un xuíz, que é onde acabarán a maior parte de tantos que fan economía á conta de transformala en ideoloxía e en vantaxes propias. Isto vai máis aló do que un auténtico sistema democrático pode considerar admisible. Ao fondo, o pacto do PSOE como a definitiva entrega de todo o que a esquerda quixo facer para mellorar a condición humana. Non pode ser, pero está a ser.


Ese voto non volverá

  
Imaxino que foi non só unha perversa visión do patriotismo o que levou a Rubalcaba a pactar no peor momento co peor amigo do seu partido. Estou convencido de que a súa dignidade como secretario recentemente elixido e xa revisable polo seu partido cunha dubidosa opción a presentarse a unhas primarias ou a un congreso (solución non correcta se encobre ou amaña desde arriba unhas primarias) tivo un papel importante: quere xogar, quere gañar, e non se vai así como así.

Pero esa angustia é pasado. Hoxe, os máis vellos do lugar, prefiren que siga a que veña un niñato/niñata a revolucionar as cousas. O PSOE tardofranquista chama de novo á nosa porta. Pasarán? Non pasarán? Madina foi imputado de conspirador pola xente de Ferraz. El di que non. Non sei. En todo caso haberá conspiracións e haberá problemas. As cousas están a cambiar e ninguén pode dispor da vida e a facenda dos seus ou dos seus votantes. O votante do PSOE cambiou máis que o do PP. Os votantes, en xeral, han ir cambiando nestes anos de forma significativa, e é inútil tentar vivir dos antigos votantes que pasaban por todo. A xente está moi farta da actual situación.  Ese voto, así, non volverá.


A econoideoloxía parece que berra

   

O do FMI pedindo un novo paso da cidadanía polo poldro de tortura da UE é para que llelo fagan mirar. Pide máis baixos salarios  para as clases medias e populares (máis?) e mostra a peor cara dos raros intereses internacionais que conflúen en certas organizacións económicas ou políticas. Están a arruinar Europa, que non sairá desta en moi longo tempo, non digamos o reino de España, un dos máis afectados en Europa pola Alemaña prestamista e a banca irresponsable.

E os políticos impresentables que se beneficiaron de todo iso, por certo. Sen afán de ser hipercrítico ou excesivo, creo, con toda franqueza, que nin PP nin PSOE tomaron moita nota do desastre que temos encima e prepáranse para repetir o mesmo que xa fixeron desde hai anos, que non todo foi negativo, nin moito menos, pero si foi inmensamente negativa a clase política cultivada nestes labirintos do crédito, a comisión, o pacto de silenzo e a man ocultando sempre algo.

Seguir con iso é un risco enorme nun reino como este, e deben facer uns profundos e densos exercicios espirituais con algunha xesuíta vello, infernal e gritón, para que lles poña a punto a alma ou algo parecido. O FMI forma parte dunha andrómena empíricamente importante pero sociopolíticamente infumable e tecnicamente moi frouxa. Practica, obviamente, a econoideoloxía, e de aí a rotundidade das súas parvadas. É o que hai.


O trabalinguas calculista e a ameaza das pensións
   

O problema dos cambios ou recortes nos impostos non é un difícil problema de cálculo senón previo ao propio cálculo: seleccionar as variables que se van a pór en xogo e facelas operativas. Entre esas variables, se pretendemos axustarnos aos procesos reais que conflúen na sustentabilidade das pensións, hainas tan complexas e irregulares que non caben nunha fórmula convencional de traballo para xerar datos certos da situación futura. Nin sequera o carácter versátil das variables simples garante nada dese coñecemento, pois as variables que interveñen realmente no proceso pero non adxuntas á fórmula global son o suficientemente poderosas como para envorcar a predición. Nestas condicións, o de menos é pedir a quen tenta racionalizar o tema das pensións un pouco de humildade predictiva. As grandes frases sobran nestas cousas: sinxelamente, o futuro escápasenos e hai que aproximarse a el antes de que tome distancia e nos deixe cravados esperando a Godot. Que non virá.

24 de xuño de 2013

Mini e Mero: Penélope





Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, Mini e Mero, interpretan o poema Penélope, de Xosé María Díaz Castro, o 29 de marzo de 2012 na Praza de Santa María de Lugo, acompañados de Eduardo Corbelle ao violín.

Penélope é o poema máis coñecido de Nimbos, o único poemario editado de Díaz Castro, a quen a Academia adica o Día das Letras do vindeiro 2014. Á súa divulgación contribuíu en boa medida esta versión musicada por Baldomero Iglesias.


Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!



DÍAZ CASTRO, Xosé María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.

23 de xuño de 2013

Díaz Castro, protagonista das Letras 2014

Redacción.-

A Academia Galega adicará o Día das Letras do vindeiro ano 2014 ao poeta chairego Xosé María Díaz Castro, segundo acordou na sesión plenaria celebrada onte. O presidente da Academia, Alonso Montero, destacou que Díaz Castro "é un poeta evidente, non é hermético", e sinalou que ter publicado un só poema en vida non é un atranco para este recoñecemento xa que logo "habería tamén que descartar a San Juan de la Cruz como poeta pola brevidade da súa obra". 

Xosé María Díaz Castro naceu nos Vilares de Parga-Guitiriz no ano 1914, polo que o recoñecemento da Academia coincidirá co seu centenario, para o que a Asociación Xermolos e o IES Díaz Castro están a preparar un completo programa de actos. 

De orixe labrega, ingresou no Seminario de Mondoñedo aos dezasete anos, mais abandoouno en 1936 para se dedicar ao ensino privado en Vilagarcía de Arousa. Cursou a carreira de Filosofía e Letras na especialidade de linguas modernas e en 1948, unha vez licenciado, marchou a Madrid, onde residiu a maior parte da súa vida, para traballar como tradutor en diferentes institucións oficiais e editoras, xa que coñecía case todas as linguas europeas.
 

En 1961 viu a luz o seu único libro, Nimbos, que o convertiu nunha das voces poéticas máis destacadas das letras galegas do século XX; porén, os seus primeiros poemas xa apareceran na Escolma de poesía galega, IV. Os Contemporáneos, editada por Galaxia en 1955. A singularidade do seu posicionamento estético e ideolóxico e a forza expresiva dos seus versos concédenlle un lugar destacado no panorama da poesía de posguerra.
 

O universo lírico de Díaz Castro xira á volta do ser humano, o amor, a vida, a morte e o tempo. Tamén encontran espazo na súa escrita a relixiosidade (enfocada desde o ascetismo e desde a necesidade de aprofundar na esencia das cousas) e a preocupación por Galiza; por veces, recorre á paisaxe dunha maneira simbólica para introducir a súa visión sobre a realidade do país.
 

Díaz Castro revelouse como un grande mestre da técnica versificadora e dos recursos estilísticos. Un dos principais trazos característicos da súa obra, fortemente influída pola lectura dos clásicos antigos e modernos, é a cuidada selección do léxico (a pesar de tender para o emprego de ruralismos e dialectalismos) e o evidente interese pola lingua, que se manifesta nunha poesía elegante e sinxela.
 

Tras unha vida entragada á investigación, ao ensino e á tradución, faleceu en Lugo en 1989.

22 de xuño de 2013

Un poeta feito en Guitiriz

Alfonso Blanco Torrado.-

Se hai alguén que rexistra o nome da vila e concello de Guitiriz neses volumes de información e cultura que son as enciclopedias e dicionarios, é o poeta Xosé María Díaz Castro. Naceu na parroquia de Os Vilares no 1914 e desde aquela viviu ligado a esta paisaxe e contorno a carón da Serra de Montouto onde vai fenecendo a Terra Cha. Aínda que pasou moito tempo lonxe desta comarca, concretamente en Madrid, endexamais renunciou a ela e sempre que podía viña a beber nesta fonte da súa inspiración poética.

Esta simbiose afectiva do home coa súa terra emerxe decote na súa obra. Díaz Castro é un dos poetas máis importantes da Galicia de postguerra e cando estamos a falar dun artista, o camiño axeitado é rastrea-la súa obra para ir descubrindo o perfil e os trazos que definen a Díaz Castro nos que imos contemplar unhos máis grosos ca outros, como nunha pintura expresionista, son as que imos suliñar como caracteristicas da súa obra. O noso poeta fai unha poesía rural e labrega como é a vida dos seus veciños de aldea.

Mesmo os que queiran estudar a vida cotidiá deste concello poden atopar na poesía do dos Vilares, os síntomas que definen o xeito de ser dos vilaregos daquel tempo. Unha parroquia que daquela tiña un nivel económico moi feble, e moitos adicabanse a compra venda de trapos, etc.

Neste artigo imos ficar na raigame natural deste poeta e por extensión da súa poesía, imos deternos a contemplar os seus pasos polas terras de Guitiriz e Parga, porque senon fora polas súas vivencias aquí, a súa obra xa sería outra. Imos deixar plantado para sempre que o que fixo este escritor no eido da literatura foi transcendentalizar ou universalizar en versos a súa vida de infancia nesta paisaxe. A vida de Díaz Castro nestas terras son os cimentos dos seus poemas. Toda a súa obra é rodear de luz e de eternidade as súas lembranzas de neno neste recanto do país.

O poeta naceu no lugar do Vilariño, na chamada casa "d'arriba", unha das tres que forman a aldea. Son das máis antigas da parroquia e unha delas, a Casa dos Coira, foi das máis prosperas. Chamárono "O Vilariño dos Cregos", pois chegou a haber naquelas tres casas ata 9 cregos entre tíos e sobriños. Dous deles fundaron en 1792 unha Capela que aínda hoxe está en pé, nunha carballeira que nos introduce na aldea, nela axudaba á misa o pequeno Xosé María Díaz Castro que entre os veciños era coñecido como Pepe.

Tamén no lugar do Vilariño temos a "Fontecrego" facendo memoria daquel eclesiástico da casa do poeta que gustaba de ir reza-lo "oficio divino" a carón daquela fonte en tempos de bonanza.

O poeta ven á vida nunha familia labrega, aínda que o seu pai traballou como escribinte-oficial na Casa Nova de San Salvador de Parga (1905-1926), na "casa grande" dos Pardo Montero, ata que o concello foi trasladado á vila de Guitiriz. Mesmo pernoctaba alí durante varios días cando o traballo se facía moito. Isidro Díaz non descoidaba o seu porte de home ben preparado e con moita ascendencia social na súa comarca. O pai do poeta foi presidente do Sindicato Agrario Católico dos Vilares.

A súa bisavoa nacera en Guitiriz, na casa dos Camuza no Curro Vello... E como en moitas outras familias tamén hai que salientar a presencia de canteiros na familia de Díaz Castro, desde o seu padriño, Eustaquio Castro López do lugar de Manchás, que fixo as caveiras da entrada do cemiterio vello da parroquia dos Vilares ata o tío deste, Ignacio, que foi o escultor de fermosos cruceiros deste concello como o da Fírmeda, o maior do calvario das Reixas dos Vilares, o de Saa de Labrada, o de Toxiño, etc.

O neno tamén axudaba nos labores do campo, sobre todo ía a linda-las vacas, e sempre foi un grande afeccionado ó estudo da natureza: plantas, animais, árbores... Na súa casa xa había algúns libros, pero sobre todo preguntaba ós máis maiores os nomes e caracteristcas de todo o que sorprendía ós seus ollos. Foi unha das cualidades que endexamais abandonaría, aínda maior Xosé sempre se acompañaba dalgún papel no que ía apuntando e recollendo ditos, pensamentos, cousas curiosas, palabras descoñecidas, etc.

Mesmo deixou moitas relacións de palabras desta comarca, non hai que esquecer que Díaz Castro era un dos máis grandes coñecedores dos idiomas occidentais, pois dominaba case todos os idiomas europeos: sueco, noruego, finlandés, inglés, grego, francés, portugués, italiano, alemán, danés, euskara..., e outros tamén os coñecía como o ruso, húngaro, etc.

Moi novo foi á escola ó Buriz, mentres non foi nomeado un mestre oficial para Os Vilares. O primeiro mestre de Díaz Castro sería Manuel Cordeiro (1922-24) que como non había local de escola, impartiu clase durante tres anos na casa do poeta. Moito antes xa algún mestre chamado "de ferrado" percorrera ensinando varias casas da parroquia.

Serían os veciños dos Vilares emigrantes a Cuba, entre eles dous tíos do poeta, os que mandarían os cartos para face-la Escola da Conchada. Na illa de América organizaran a sociedade "Juventud de Villares" e quixeron colaborar deste xeito no progreso e educación da súa parroquia. Foi o párroco dos Vilares naqueles anos, Ramón López Otero, o encargado de administrar e coordina-las obras da casa escola. Serían varios os mestres de Xosé María na Conchada, case todos de máis alá de Pedrafita, e todos irían tomando conciencia da valía do neno, sobre todo en redacción e declamación e tamén en debuxo. Desde os 8 anos está a facer poesía.

O seu pai nunha contestación a unha carta do mestre Manuel Cordeiro (21-V-1951) comentaba a existencia de tres aulas nos Vilares naquel momento: a dos “nenos”, a das “nenas” e unha terceira, mixta, nunha casa preto do Vilariño.

Era o "número un" naquelas redaccións que facía para as Festas da Árbore ou para outros acontecementos, como cando leva o primeiro premio polo seu relato da fazaña de Ramón Franco cruzando o Atlántico, ou cando foi elexido polo seu mestre Vicente Fabregat de Castellón para ler un pequeno relatorio na inauguración da ponte de Porto Cancelo, obra do mestre canteiro Prieto de Cezar.

Xa mozo divertíase cos seus colegas despois da misa dos domingos no adro da Igrexa cando adoitaban xuntarse tódolos veciños e tamén nas "feiras do sete" que tiñan lugar nos Vilares nas que había os paseos e os seus bailes a ritmo de acordeón. Neste contexto lembramos a súa participación nunha trifulca un día de feira e despois da misa do domingo, cando Díaz Castro tiña 20 anos, o mestre, un republicano andaluz chamado Justino Quero, enfrontouse ó párroco dos Vilares por non arria-la bandeira monárquica da espadaña da igrexa naqueles anos da República, e entón o mozo Xosé María fixo un alegato á liberdade ante o asombro dos seus veciños que ateigaban o campo das Reixas e foi unánime a sentencia: "o mestre atopou a peza pro seu zapato".

Naquel tempo xa estaba no Seminario de Mondoñedo onde escribiu os seus primeiros cadernos de poesía: "Follas Verdes" e "Follas ó Aire" que non quixo editar. Pero sí escribe en varios xornais como "El Progreso Villabés" (1931-33) onde publica poemas adicados a aquela natureza na que el gustaba mergullarse cando ía coas vacas: ás formigas, á flor da pasionaria, ao pensamento, etc.

Hai un poema deste tempo que fai referencia a outra das afeccións do poeta: "O menhir solitario" que é unha gabanza ó menhir que se erguía en Súa Torre, nese monte que el coñecía moi ben. O poeta non facía máis que pasear desde moi novo polos arredores e estudar os restos arqueolóxicos da zona e así co seu irmán Serafín fai unha relación de todas as mámoas que existen a carón da Serra de Montouto. Buscaba con avidez todo o relacionado coa historia de Guitiriz, mesmo copiando a man os textos dos historiadores do noso país: Murguía, Amor Meilán, etc.

No Seminario fai boas migas cos seminaristas deste concello que serían amigos do poeta toda a vida: Castro Prieto do Buriz e Antonino Roca de Santa Mariña que tamén facía versos, el mesmo lembraba con gozo estas relacións xa que podía falar con eles o idioma do seu pobo do que nunca refugou, fronte a outros condiscípulos do Ferrol, Melide, etc., máis afeitos ao castrapo. O poeta estaba a enxerga-la súa traxectoria vital no berce dunha cultura popular, a dos seus devanceiros e que era a propia desta comarca.

Sempre que podía achegabase a súa casa paterna, e cando contrae matrimonio con María Teresa Zubizarreta, o primiero que fai é cumprir cunha promesa: agasallar ó templo da súa parroquia dos Vilares cunha imaxe da Virxe de Fatima.

Non tódalas obras literarias zumegan do mesmo xeito esa comunión do autor coa súa terra. Algúns escritores salpican os seus textos cos nomes dos lugares que eles percorreron. Non é o caso do poeta de Guitiriz que non utiliza o que se chaman os topónimos dos lugares da súa infancia, aínda que hai duas poesías que teñen esta marca: o romance "Remuiño" que é un poema inspirado nas camiñatas que facía desde neno ó muiño de Merra en San Salvador e que fala da "Ponte Gafín", desde donde o poeta nos transmite aquela desazón e inseguridade que el vivía no mes de abril cando aínda o inverno soplaba e a primavera non daba chegado. Esa primavera na que conviven varias estacións. Nos versos contaxianos co vai-vén destes remuiños. Por este camiño, subindo despois polo Castro, o poeta tamén ía de romaxe ós santuarios de Bascuas e do San Alberte.

O outro poema, moi localista, é "Vísperas" adicado ás festas do Carmo no Buriz e que nos fala do Porto-Muiño, un "paso" que el coñecía moi ben, pois de neno foi á escola ó Buriz, e xa adolescente ía a pasantía de latín á rectoral do Buriz. Nas fragas arredor deste río compuxo o poeta os seus versos máis premiados, nos Xogos Florais de 1946 en Betanzos. Díaz Castro retirabase a esta paraxe para facer versos nun ambiente tranquilo e arredado. Unha vez máis vemos a súa dependencia da paisaxe que o envolvía, xa non só como tema e materia da súa arte, senón tamén como lugar de inspiración e creación.

Estes versos vannos debuxando a festa no lombo do río: "foguetes lonxanos cain no río", luces e sombras que van marcando a distancia do xolgorio ó río que é a testemuña muda da celebración dos veciños.

Pero é a poesía máis importante ou coñecida de Díaz Castro aquela que nos marca "O Tempo vai de Parga a Pastoriza", estamos a falar de "Penélope", que é a síntese ou resume máis importante da historia de Galicia e que deixa ben definido que o seu hábitat é a Terra Cha.


Díaz Castro só quixo publicar un libro: "Nimbos" (1961) e ten varios inéditos. Pero o seu labor máis importante foi o de traductor do Instituto de Cultura Hispánica e do Instituto de Investigacións Científicas de Madrid.

Reflexións dun espía en paro


Fermín Bouza.-   

As caras de Putin e Obama son un poema que non finxe emoción algunha: parecen encabuxados, probablemente o están, e de fondo poderían porse escenas salteadas das películas de James Bond, o axente 007. A  espionaxe é tan bo negocio nas súas aplicacións civís (control persoal, industrias, conversacións delicadas...) que comezan a agromar espías en todos os camiños do mundo, por terra, mar e aire. Chega un momento en que esa saturación lle fai imposible a vida a todos, e vaias por onde vaias sabes que levas colgado ao espía coma se fose un virus do noso tempo.

É un traballo divertido pero extraordinariamente arriscado, de tal maneira que, como nas películas, todo cadáver que flota nun rio é dalgún espía apurado polos seus ou polos outros, que isto nunca está demasiado claro na vida do espía: algún día acaba por descubrir que estaba a traballar para o inimigo, e el sen sabelo. Para quen traballaba ou traballa o soldadiño ese con aspecto de neno de coro que serviu de abastecedor de Assange? Para quen traballou Assange? O obxectivo real do traballo destes dous suxeitos foi o de transmitir ao mundo a visión das cousas que ten a administración nortemericana (a diplomática sobre todo) e facer así prevalecer esa opinión como algo necesario e central no mundo. Pensen.


A crise e o criterio de contrastación económica
   

É lóxico que no medio dunha crise como esta até os mesmos economistas, ou os máis lúcidos de entre eles, comecen a dubidar de que a economía é unha ciencia. Nun interesante artigo (O gran desdén), Paul Krugman estende a súa desconfianza dos seus colegas de profesión aos políticos, e en liña cos acontecementos do presente, chámalles de todo:  aínda que ultimamente non ouzamos moito aos autodenominados falcóns do déficit, os falcóns monetarios -economistas, políticos e funcionarios que seguen advertíndonos de que os tipos de interese baixos terán consecuencias terribles- volvéronse, se cabe, aínda máis ruidosos.

Non parece importar que os falcóns monetarios, do mesmo xeito que os fiscais, teñan o impresionante historial de trabucarse en todo (onde está esa inflación descontrolada que prometeron?). Volven unha e outra vez; os argumentos cambian (agora lanzan advertencias sobre as burbullas de activos), pero as demandas políticas -crédito restrinxido e tipos de xuro máis altos- son sempre as mesmas. E resulta difícil non ter a sensación de que están a intimidar á Reserva para que non emprenda ningunha acción. Pero a economía, en tanto que ciencia branda, non pode establecer crirerios de contrastación unívocos como o fai a física ou a bioloxía: a proliferación de significados para cada cousa dá a razón a todo o mundo con gran frecuencia.

O que nos ensina a crise é o carácter ideolóxico, en sentido débil, das posicións económicas, tan obxectivas como calquera toma de posición de calquera clase, salvando en boa parte ás chamadas ciencias naturais que traballan con obxectos inertes. Temos que enfrontarnos sós e con toda a intelixencia posible a unha crise que é tamén unha crise de modelos económicos.


As FFAA botan o peche   

Entre as empresas que pechan, os traballadores que volven emigrar e a desolación xeral que a desesperanza crea neste reino, vítima dunha idea de Europa e da economía que creramos periclitadas, as Forzas Armadas poden tamén botar o peche a medias e vivir dentro de orzamentos moi insuficientes e afastados de garantir nada do que unhas forzas armadas deben garantir. É dicir, imos carecer, e probablemente carecemos xa, da menor capacidade de disuasión sobre inimigos externos. Agora que a vella garda Franco-fascista desapareceu dos nosos exércitos, carecemos de exércitos nalgún sentido operativo básico. Non, non é un reino con sorte. Hai moitos lustros que todo parece estar feito para crearnos problemas graves, e nesa liña seguimos.

Carecer de forzas armadas operativas non é unha broma: ten tradución inmediata na vida económica e en mil e outros lugares da realidade. É un factor crave de desvalorización internacional. Estamos, pois, gozando de cheo nunha situación de peches empresariais, incremento do paro e carencia de instrumentos mínimos de presenza internacional. De que a orientación económica é errónea está informado até Rajoy, sen que haxa moitas posibilidades, a estas alturas, para presionar por un cambio. Unha maioría abandonou a esperanza.



Algo está a cambiar: o escenario da batalla
   
Outra vez volve certa confusión de fronteiras partidarias e ideolóxicas e outra vez o PSOE, nun alarde, supoño, de patriotismo, fíxo a foto con Rajoy e o PP. Témome que unha man negra e pésima conselleira embarcou a Rubalcaba nestas cousas da confusión xusto cando empezaban a trazarse de novo as diferenzas cos seus adversarios, os do PSOE, digo, e o partido recobraba identidade bebendo das angustias xeneralizas deste reino. Non hai mellor lugar para atoparse a un mesmo que nesa fonte de conciencia que son os outros.

A idea de que a xente esperaba non sei que pacto é falsa se nos remitimos a unha lectura seria das enquisas, que acollen a linguaxe e a semántica do politicamente correcto nesas preguntas de obvia contestación segundo o bo sentido. Non din nada esas preguntas, e non deben facerse así. En todo caso, non deben tomarse en serio. É como cando che preguntaban, en USA, ao entrar, se tiñas intención de asasinar o Presidente. Non, a xente busca solucións e non as ve, de momento.

Se o PP non consegue recuperar seriamente a economía e o emprego votará, normalmente, ao PSOE, pero se o PSOE fai fotos e declaracións de amor, por frías que sexan, con Rajoy, a xente, que é medorenta pero non parva, non votará ao PSOE. Ademais, ese pacto, por agora, son xeneralidades sen fundamento empírico-económico, digamos, e para a xente, de novo, ten todo o aspecto dunha tomadura de pelo, unha tomadura máis o mesmo día en que Bárcenas segue dando alegrías aos medios de comunicación.

A primeira lección da crise é clara: a conmoción é moito maior do que parece  se entramos nas casas, e esa conmoción pode traer calquera cousa. É importante que, no canto de facer pequenos sainetes de consolación os partidos deberían, máis que pactar, debater. E rápido e en serio. O teatro xa non o soportamos. E menos cando é o monólogo dun dúo moi cuestionado neste momento, que prescinde do resto de forzas para xestar a idea e a súa concreción. Teño a impresión de que a batalla cambia de escenario e de contendentes. Unha nova guerra no interior da crise comezou no Reino de España.


O PSOE constrúe a súa futura derrota
   
Europa non nos vai a querer máis por estas cousas, pero rirá á nosa costa abundantemente. A exclusividade do pacto entre socialistas e conservadores é a marca dos tempos, e se non queres bipartidismo, dúas cuncas. Cando as cousas se arranxaban un pouco para ambos os partidos, alguén vén estragalo. O máis escaso dos dous, sen dúbida. E quen é o máis escaso dos dous, Rajoy ou Rubalcaba? Parece que o pacto PP/PSOE exclúe ao resto de grupos e non permite unha reflexión colectiva máis ampla. É unha torpeza ao estilo dos vellos tempos. Mala cousa.

Rubalcaba queda sen fundamentos serios para o seu discurso e Rajoy vampiriza ao PSOE de forma eficaz e cara ao futuro.  Esta xeración socialista está finiquitada. A desafección non se desenvolve no baleiro senón que vai subindo os banzos da estupidez partidaria, da corrupción e do espírito caciquil que aínda rolda as almas ideolóxicas deses partidos. Non aprenderon nada da crise. Contan con renovar si ou si porque a cidadanía está nos biosbardos, como antes se dicía, e ante unha cidadanía así dá igual o que fagas. Non entendo que Rubalcaba deixe esta clase de herdanza a quen o substitúa, pero é unha herdanza con avespa dentro que porá, dunha picada, o nariz de Pinocho ao novo aspirante en canto pretenda establecer algunha distancia con esta ruína que nos acosa. Así o quixo Rubalcaba, que se apunta a un final raro e feo da súa estadía no disparadoiro socialista. É como aquelas películas de final infeliz con que nos agasallaban moitos dos novos directores daquela nova onda da miña mocidade afrancesada, sobre todo. Un bo suicidio non ten prezo.


Ameazando as liberdades públicas   

Mentres Rajoy e Rubalcaba pactan non se sabe ben que, aínda que pactar sería o desexable nun país san (pero este non é hoxe un país desa clase), Felipe González segue coa súa narración das cousas. É unha narración que con frecuencia me parece reincidente e moi desenfocada, pero que agora mira máis ao futuro e de forma máis realista. Iso está mellor. Di González que hai que articular aos movementos sociais porque os partidos están como están.

Si, é necesario darlle unha certa orde e disciplinar á xente nun sentido construtivo da expresión. Crear unha forza de cambio, unha alternativa política, ou crear incluso as bases dunha defensa ordenada da democracia. A crise non remata e o que se chaman melloras non son tal: as variables seguen no chan e o malestar medra e medrará aínda máis cando o estado volva aos recortes ou non saia dos anteriores. Certas prácticas do PP, corrupcións dinerarias aparte, indican un camiño policial que Gallardón tamén constrúe a base de posibilidades de sobrevixilancia á conta da privacidade cidadá. A subida do malestar e o incremento da vixilancia cara á cidadanía obrigan á alternativa e á defensa activa das liberdades públicas.


Metafísica do chorro de diñeiro
   
Un longo e imparable chorro de diñeiro circulaba polas veas do PP cando ocorreu o que ocorreu e puxéronse as bases das actuais actuacións xudiciais. Algo imos sabendo xa do mundo máxico que se adiviña detrás das cifras e incógnitas diversas que se multiplican día a día. Sería un grave erro imputar a todo cargo do PP ou a todo votante, simpatizante ou afiliado, aquel desenfreo de diñeiro, dobres soldos ou sobresoldos e interrogantes graves sobre a orixe dese diñeiro.

As corrupcións importantes tenden a expandirse, pero van paso a paso, e a impresión é que aquilo non saíu da casa local do PP en Xénova. Sería, de ser así, unha corrupción de elites. As elites teñen a súa propia lóxica, que comeza cun documento mental de posesión mancomunada do seu partido. As elites son donas de feito do que tocan, tamén do PP ou, no seu caso, do PSOE. A idea do mundo destas elites exímeas de calquera pena ou castigo: o mundo son elas, o partido son elas. Desfalcar o mundo propio non é pecado, é unha cuestión de principio: se o mundo é meu vaian deixándome en paz. É o tema xurídico  clásico da posesión. O sentimento de posesión acaba en posesión real, e os partidos vanse convertendo en lugares de provisión e avituallamento  de posesións físicas e mentais. A corrupción é unha forma normal de vida para moitas elites.

18 de xuño de 2013

Convenio da Mesa con Galiza co Galego

Redacción.- Esta tarde, ás 19 horas, tivo lugar na Libraría Couceiro de Compostela a sinatura dun convenio de colaboración entre a Mesa pola Normalización Lingüística e a asociación Galiza co Galego. O obxectivo deste acordó é promover á divulgación das actividades das dúas entidades e dos seus obxectivos comúns, especialmente a potenciación do ensino na nosa lingua. Por parte da Mesa pola Normalización Lingüística interviu Susana Méndez, vicepresidenta da entidade, e por Galiza co Galego, Francisco López, membro da súa Comisión Reitora.

17 de xuño de 2013

A autovía A8 e Vilalba

Xulio Xiz.-

No semanario Heraldo de Vivero do doce de abril, publicouse un artigo  asinado por D.J., queixándose de que os veciños da Mariña “seguen perdendo servizos”.

Pensando que a centralización en Lugo da xestión do Hospital da costa vai  perxudicar a atención sanitaria na comarca, menciona o tema da Facenda en Foz e o Xulgado de Viveiro, para destacar o que considera traición ou roubo, o desvío da autovía do Cantábrico por Vilalba..

Denuncia o articulista que se está poñendo a proba a resistencia dos habitantes da mariña desde o momento en que, en tempos de Fraga, “se levaron” –di- a autovía do Cantábrico “para a súa Vilalba natal, mentras
que os alcaldes da costa, prácticamente todos do mesmo partido, asentiron, calaron e aceptaron o que dicta quen, de facto, mandaba sobre eles.”

A min sorprendeume o artigo, publicado na primeira páxina do xornal, polo que ten de visión personal sobre un tema que se presta a tantas visións como persoas existen na provincia. A mín paréceme o máis normal do mundo que a autovía do Cantábrico, entrada en Galicia e recorrido un tramo da provincia de Lugo, emprenda camiño cara ao centro da comunidade a través da Terra Chá, para vertebrar as terras lucenses, e conectar o norte da provincia co resto do territorio a través da Autovía A6, e con esta coa Coruña, coa capital Santiago, e co resto de Galicia.

A conexión da A8 en Baamonde da Terra Chá precisaría desde alí outra autovía cara a Santiago, que por agora é inviable económicamente e imos solucionando coa estrada de Teixeiro. E naturalmente que a A8 debería ter continuidade desde o lugar no que se interna no interior da provincia cara a Ferrol para alí unirse coa A6 no seu remate, para  completar unha rede de comunicación, ideal para vertebrar todo o norte de Galicia, pero moito nos tememos que dadas as actuais  circunstancias económicas non se poida
acometer unha obra deste calibre.

Calquera consideración, unha vez feita a obra, é pura teoría sobre o que puido ser e non foi, pero achacar a construcción da A 8 pasando por Vilalba a unha pura cacicada de Fraga parece fóra de lugar, e se non que falen as xentes de Lourenzá, de Mondoñedo, Abadín ou Begonte que teñen na Autovía un pouco da súa razón de ser económica e de comunicación, marcando un antes e un depois da súa existencia. E mesmo os concellos do occidente de Lugo, que pasaron medio século XX queixándose de abandono, de lonxanía ás terras de Lugo e suspiraban por eso por ser coruñesas para conseguir vías de comunicación axeitadas.

Ben está o que está feito. Reclamemos o que falta, que sempre faltará algo importante como, no caso de Viveiro, a unión co oriente coruñés e unha mellor conexión coa A8.

Os concellos pequenos, sen servizos sociais

Redacción.- A Deputación de Lugo urxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a convocar unha xuntanza inmediata para consencuar o cofinanciamento dos servizos sociais en todos os concellos da provincia e da posta en marcha de políticas activas de emprego. Así o manifestaron Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo, e Pilar Porto, delegada de Economía, Recadación e Facenda do ente provincial, despois de que a Deputación fora convocada para mañá, martes 18 de xuño, á sinatura do convenio de servizos sociais e políticas activas de emprego, sen que este fora negociado e consensuado previamente entre ambas partes.
Outeiro denunciou que “o Partido Popular non está disposto a dialogar coa Deputación de Lugsobre temas tan sensíbeis como a cofinanciación de servizos sociais e comunitarios municipais e a contratación de traballadores e traballadoras en paro” e explicou que “a pesar de que se celebraron xuntanzas entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e a Deputación, estes encontros foron infructíferos no senso de que o Goberno galego enviou a representantes sen capacidade negociadora e sen capacidade para tomar decisións.”
Durante a rolda de prensa celebrada esta mañá, Outeiro e Porto recordaron que “o ano pasado a institución luguesa presentou varios informes técnicos con alegacións aos borradores dos convenios que remitiu a Xunta, solicitamos, ata en 7 ocasións unha resposta aos mesmos, pero nunca nos respostaron e iso supuxo que quedasen sen asinar estes convenios e que os lucenses recibisen cero euros para servizos sociais e emprego da administración galega. Pola contra, coruñeses, ourensáns e pontevedreses recibiron máis de 13 millóns de euros porque Feijóo si dialoga coas súas deputacións”.

Galicia xa ten o .gal

Redacción.- Máis de 12.000 apoios cidadáns. Máis de 110 entidades adheridas. Máis de sete anos de traballo. O alento sostido das principais entidades e institucións galegas, entre elas A Voz de Vilalba, como membro da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal. O respaldo decidido da administración autonómica ao longo do tempo. Todo isto foi necesario para que onte a ICANN, organismo que goberna a Rede, aprobase o dominio para a lingua e cultura galegas. O 14 de xuño de 2013 é xa unha data na historia da Internet en Galicia. “É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos”, sinalou hoxe o presidente da asociación puntoGAL, Manuel González.
 
Foi un proceso longo non exento de complicacións. Un proceso que culmina co anuncio da aprobación do dominio por parte de ICANN e que abre a porta para que, en tan só uns meses, o .gal poida ser rexistrado e utilizado para darlle a Galicia visibilidade na rede, para amosar os espazos da lingua en internet, para facer negocios baixo o paraugas dun dominio propio.

Utilidade do .gal
“As letras .gal vanlle estar recordando ó mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego”, dixo González nunha roda de prensa no Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, espazo que habitualmente ocupan as mozas e os mozos que serán o futuro do país. Un lugar tan simbólico como o é este dominio “que lle vai dar visibilidade universal á nosa personalidade particular”.
Da Real Academia Galega ó Consello da Cultura pasando polas tres universidades, centros de investigación, asociacións de empresas de novas tecnoloxías, colexios profesionais, medios de comunicación e por ducias de colectivos de base, a candidatura do dominio sentiuse sempre respaldada pola sociedade. Dentro e fóra. Máis de vinte asociación de galegos no exterior de países como Estados Unidos, Brasil, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina ou Uruguai están tamén detrás do dominio. De feito, un dos obxectivos de .gal é servir de identificador e vínculo entre a diáspora galega.

Reinvestir os beneficios en promover a lingua e a cultura galegas
Queda xa atrás aquel dez de xuño de 2006 cando as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. Naquel pequeno acto sentáronse as bases que mantiveron vivo o proxecto durante este sete anos. Entre elas, o propósito firme de que a entidade que xestionará o dominio se autofinancie e reinvista os beneficios obtidos en promover a lingua e a cultura galegas.
A este respecto, González lembra que “cando hoxe alguén rexistra un dominio xenérico (.com, .net, .org, etc.) a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra de Galicia; polo contrario, cando rexistren un .gal a situación será a inversa: a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia”. Esta intención está recollida na candidatura remitida pola Asociación puntoGAL, unha entidade sen ánimo de lucro, á ICANN.

Fala con puntoGAL
Tras a decisión de ICANN ábrese agora un procedemento administrativo que rematará coa sinatura do contrato de delegación do dominio a finais deste ano ou principios do seguinte. Semanas despois poderán comezar a rexistrarse os .gal de acordo cunhas normas públicas e transparentes. Será o momento para todos aqueles sitios na rede que empregan o galego ou que fomentan a comunidade e a cultura do país. O paraugas ábrese para eles.

A reserva de dominios .gal farase en varias fases, de acordo ás normas fixadas por ICANN e pola Asociación puntoGAL. Entre outras cousas, recollerase a protección das marcas rexistradas ou a prioridade de rexistro para as entidades, públicas ou privadas, que traballan no ámbito do galego. PuntoGAL informará puntualmente sobre os prazos e as normas a través do seu portal puntogal.org  e as redes sociais. Calquera entidade ou cidadán pode tamén poñerse directamente en contacto coa Asociación a través destas ferramentas. Dúbidas, preguntas, suxestións, queixas, ideas. Calquera aportación será ben recibida.

15 de xuño de 2013

A "Pico", in memoriam

María Xosé Lamas.- Fúcheste en silencio, cando o que máis adorabas era a palabra. A  palabra na túa voz de Ricardo III, de Simbad o mariño, no son dun saxo, no amor de pai, de esposo, de irmán…

Era marzo do 2003 cando contactei contigo. Precisaba un oferente para a Festa dos Pepes de Vilalba na súa XLIII edición. Por primeira vez esta celebración  -dende 1961- era presidida por unha muller. Ese fito merecía unha posta en escena especial, e chameite. A túa resposta afirmativa encheume de ledicia.  Permanecerá sempre na miña memoria aquela cea leda e distendida, moi distante das que se viñan facendo outros anos.

Lembro o impacto que provocaches na miña filla Alba Sofía, daquela con só con sete anos, e á que convidaches a presenciar a rodaxe de “Pratos combinados”.  Non puideramos achegarnos, pero si a cantas estreas facías en Compostela, con reserva de convidadas. Ese pulo que nos inserías cada vez que te viamos actuar, as mesmas postas en escena de múltiples pezas teatrais, fixeron medrar en nós o amor polo teatro ben feito. En min, persoalmente, inxectándome enerxías para seguir adiante coa miña compañía de teatro de Vilalba; á miña filla, amosándolle un mundo de posibilidades que aproveitou , non só nos seus piniños como actriz, senón nos seu interese pola imaxe e a comunicación audiovisual. Nunca saberei agradecercho en toda a súa magnitude.

Agora afronto unha tarefa difícil: borrar da axenda do meu teléfono móbil o teu número. Fareino bagoando, seino. Pero ten por seguro que da miña propia memoria, como da de outra moita xente, non te borrarás nunca. Até sempre, amigo Pico!

14 de xuño de 2013

Arquivada denuncia contra o fiscal de Lugo


Redacción.-

A sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza Galicia vén de arquivar a denuncia contra o fiscal xefe de Lugo que presentara a titular do xulgado de instrucción número 2 de Lugo, acusándoo do delito de revelación de secretos nas dilixencias, declaradas secretas, do sumario da coñecida como "operación Pokemon" que instruía o xulgado número 1 de Lugo.

Para o mundo do xornalismo, é unha boa noticia que a decisión dun alto tribunal poña os marcos entre o que son as precaución necesarias para desenvolver unha investigación e o dereito a recoller e difuncir información. Sobre todo nestes tempos en que todo apunta a que ese dereito á liberdade de prensa vai ser constreñido de forma importante.

O auto do TSXG lembra que o Estatuto do Ministerio Fiscal establece a abriga aos fiscal de "informar a la opinión pública de los acontecimientos que se produzcan, siempre en el ámbito de su competencia y con respeto al sumario" e logoasegura textualmente, baseándose na doutrina do Tribunal Constitucional que "Si bien nadie discute que, la fase sumarial o de investigación por medio de las Diligencias Previas, puede tener aspectos concretos salvaguardados por el secreto[...] El secreto del sumario no quiere decir ni significa, en modo alguno, que uno o varios elementos de la realidad social sean arrebatados a la libertad de Información, en el doble sentido de derecho a informarse y derecho a informar, con el único argumento de que sobre aquellos elementos están en curso unas determinadas dilígencias sumariales".

"En síntesis lo que debe ser resguardado es todo aquello que pueda perjudicar el éxito de la investigación o afectar a la intimidad o seguridad de las personas inmersas en un proceso penal. Por el contrario existen noticias que difícilmente pueden ser sustraídas a .la información pública como las relativas a la detención y puesta a disposición judicial de una determinada persona. No es lo mismo publicar el dato relativo a la implicación de una persona en los hechos que están siendo investigados que dar detalles precisos de sus declaraciones o de las pruebas existentes en su contra", asegura outra parágrafo.

En realidade, a acusación feita ao ministerio público (que, dado que non podía referirse á institución, o Tribunal Superior entendeu que se refería ao seu responsable) facía referencia á unhas declaracións que un portavoz da fiscalía fixo á axencia EFE confirmando unha información que xa publicara o diario El Progreso. O auto tamén fai fincapé en que non pode haber revelación de secretos de algo que xa está nos kioscos.

12 de xuño de 2013

Revista avozdevilalba.com maio 2013



Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 60 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de maio de 2013. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

10 de xuño de 2013

Da PAH ao cárcere de Otegi

Fermín Bouza.-

A plataforma anti desafiuzamentos foi recoñecida en Europa mentres o goberno e o seu partido negan aos seus membros o dereito a ser demócratas (nazis, chamáronlles). É un símbolo do camiño errado dunha dereita que, no fondo e ás veces na forma, é un pato mareado buscando  ao pai nun bosque de suxeitos pouco recomendables nunha boa parte.

Cuestionouse a metodoloxía da plataforma, á que se chamou violenta e filoetarra nun absurdo alarde de ignorancia por parte do goberno e a súa xente. Os así chamados filoetarras son unhas anciás maltratadas polos que van desaloxalas e uns rapaces da veciñanza que as defenden, etc. O debate é desa clase, cun nivel no que o máis absoluto cinismo convive coa desinformación e coa  ignorancia a secas. Ás veces  atopo a este goberno cun grao de distancia da realidade que o fai especialmente perigoso en determinados momentos. Por exemplo, e seguindo o fío da manipulación en curso, cando segue mantendo a Otegi no cárcere contra o criterio de todos os partidos vascos agás o PP. Carece de sentido ese tipo de política penal neste momento de paz agardemos que definitiva.

A poceira do poder na Comunidade de Madrid
   
Novos membros conservadores do Tribunal Constitucional converterán á fin este organismo en algo perfectamente dadaísta, no que algúns dos seus membros estarán máis dedicados a liquidar a Constitución que a aplicala a conflitos concretos. Poden lembrarse as palabras dalgún deles na ligazón de infoLibre ao principio deste  parágrafo.

Leo a noticia o mesmo día en que o tamayazo comeza a clarificarse de forma que pode resultar escandalosa polas súas consecuencias políticas. Lémbrano? O señor Tamayo e a señora Sáez, deputados do PSOE na Comunidade de Madrid, non aparecen á hora das votacións e entregan o poder de Madrid ao PP e, probablemente, a unha mafia da construción. A señora Sáez está a empezar a falar, e poderían falar outros, por iso debe pedir amparo ao Ministerio do Interior e obter algunha clase de vixiancia persoal. É un escándalo circunscrito á obtención de obras e prebendas ou vai máis aló e e o obxectivo político-económico era recuperar Madrid para a dereita?

Foi unha mostra evidente de que a corrupción xa andaba por onde andaba e de que se fixo pouco ou nada por corrixila. Ou quizá esta formulación é basicamente inxenuo e a verdade é que estamos cazados nunhas redes mafiosas político-económicas das que xa só cabe defenderse? Tamén trae a prensa a estrañeza europea sobre a supresión de Educación para a Cidadanía. Todo é o mesmo. Rajoy insiste en que as cousas van ben. Quizá tería que facer que llo miren, como din os cataláns.


A estratexia insurxente en Siria
   
A mala sorte de Siria foi o estar nun lugar crave de mundo e no momento máis inoportuno. Por outra banda, o empeño dos insurxentes en dar a batalla desde dentro das cidades e agardar  a que a aviación e o armamento pesado do inimigo os machuque foi un erro básico e até elemental. A confrontación de fondo USA-Rusia tampouco axuda aos rebeldes, e o estancamento diplomático ameaza con prolongar a guerra varios lustros. Así empezaron perdendo os sublevados libios, ata que cambiaron a súa estratexia militar e a súa asfixia diplomática. En condicións de inferioridade calquera posibilidade de vitoria, salvo excepcións moi extraordinarias, pasa pola dispersión da insurxencia, a multiplicación das frontes e a limitación dos movementos do inimigo que pretenda pasearse fóra das cidades. O pensamento militar convencional, a pesar da multiplicación de escolas contra guerrilleiras centradas na formación dos soldados nas habilidades máis peregrinas e innecesarias, ou quizá por iso, o pensamento convencional, digo, está completamente inerme ante un despregamento como o citado e ante forzas tan móbiles como eficaces. Nesas condicións, as guerras progresan nunha soa dirección e acaban desequilibrando os recursos en favor dos alzados. Ante as enormes dificultades militares dos insurxentes, en Siria soa a hora diplomática, salvo que cambien os seus movementos e as súas estratexias. Teño a impresión de que se afixeron a iso e de que non farán cambios.


O tren de regreso a ningunha parte
   
O tren vai unido á historia da modernidade e do progreso, e sempre foi deficitario: é un investimento de estado que buscou transportar cidadáns dun lugar a outro de forma regular para cumprir coa deslocalización que toda modernidade supón, e volvíase a durmir na casa, é dicir, collíase o tren de volta, pero agora esíxeselles que vivan no lugar de traballo, o cal é imposible en moitos casos pola dificultade de acceder a vivenda, entre outras cousas. É un investimento complexo dificilmente medible a curto prazo, máis alcanzable a longo prazo. Un investimento complexo que non se cingue á vulgaridade dos cálculos habituais, que non cobren as complexidades dos procesos sociais.

Algúns dos trens que van suprimir son innecesarios, certamente. Pero outros non. Por estes lugares dos que procedo van suprimir liñas básicas, din, entre A Coruña e Ferrol ou, algo máis abaixo, entre León e Ponferrada. Empúxase á xente a moverse por estrada, o contrario do camiño correcto en perspectiva de progreso, como opina e conta Agustín García Calvo. Pero a industria do automóbil é unha das columnas do estado vixente nos países avanzados. Máis aló deste debate, a idea central ten que ver coa idea de servizo, do déficit e da citada complexidade dos procesos sociais que aínda van unidos ao tren.


Soñando ectoplasmas e o turismo ao fondo
   
A boa noticia do paro esconde a verdadeira boa noticia: o turismo vai seguir funcionando como colchón de mínimos para este reino. Produciuse unha abondante contratación no sector e iso vai permitir á hostalaría sacar a cabeza un pouco. Non é mala noticia. O do paro é  algo moi menor, lamentablemente, e o seu significado escápasenos máis aló da constatación habitual da temporalidade laboral e a estacionalidade do emprego. O consumo segue á baixa, como a confianza, e os bancos non se moven. Europa comeza a espertarse, e o soño merkeliano volveuse contra a propia Alemaña, que comeza a facer auga pola banda da nosa incapacidade para abastecela plenamente de todo ben material (créditos-lixo) e espiritual (traballadores cualificados de nivel universitario), incluída a man de obra barata e reducible a cascallo humano.

As cousas veñen así e Rajoy está encantado de coñecerse e se autoafirma no que el chama o bo camiño. Se este é o bo como será o malo, digo. É certo, como o propio Rajoy di, que estamos necesitados de boas noticias, pero tampouco hai que pasarse con esta montaña rusa do hoxe ben mañá mal pero hoxe ben e mañá mal pero hoxe ben? etcétera.


Entrarán no teu computador e faranche unha mina de ouro
   
A Garzón sacárono do medio alegando que as escoitas das conversacións avogado/acusado, autorizadas na maioría das metodoloxías procesuais do mundo en casos excepcionais que o xuíz así defina ou considere así por diversas razóns (fundadas sospeitas de implicación dos avogados nos feitos que se xulgan, por exemplo), pero Gallardón prepara unha lei para permitir entrar en móbiles e computadores segundo o aconsellen os xuíces. É dicir, vai moito máis alá das escoitas e deixa en mans da policía os documentos privados que un teña e os seus hábitos e costumes de cidadán libre.

Os tempos cambian, e agora fáiselles necesaria unha lexislación realmente persecutoria, polo que poida pasar. Din que aínda non hai decisión tomada, pero póñanse no peor cando algún destes que nos mandan acaba de redescubrir que a el iso da liberdade, etc, vénlle de fóra, como unha obriga, e que se por el fóra aquí non se movía ninguén. Pero non sempre é posible parar á xente, como xa contaba o outro día: estes días está mobilizada Galicia por un novo delito sen castigo que a Xunta vai exercer sobre esa terra que agora parece que se move.

Estes temas, como o das minas galegas, non son estritamente ou directamente económicos, e nunha crise os gobernos cren que poden aproveitar a situación para facer o que queiran con esas cousas. Agora xa non é así. De perdidos, ao río da insurxencia. Que hoxe eses delitos non teñan castigo non quere dicir que mañá non serán lembrados os que acaban así cun país. E isto vale tanto para Gallardón como para Feijóo. Para as leis procesuais como para as minas de ouro.


A insurxencia xeneralizada

A rebelión contra a Comisión Europea e, por tanto, contra as estratexias alemás fronte á crise e o déficit xeneralizouse e xa ninguén cre na pócima velenosa que se nos deu durante os últimos anos, un fracaso absoluto que ameazaba con estenderse a toda Europa e a todo o mundo. Empresarios e xentes de diñeiro sumáronse ao disparate e ao bebedizo en nome de catro ideas neoconservadoras que teñen nas súas cabezas. Agora parece que a festa e a fusta remataron entre un caos de paro, inactividade, falta de liquidez, incremento do déficit e graves problemas políticos internos nalgúns países.

A destrución do estado de benestar e a cínicamente negada privatización da sanidade están en vías de estenderse e culminarse. O ensino, outra vez un negocio,  deixa sen estudos ás clases populares por inanición económica. Os contables, fóra da súa área de traballo,  substituíron aos economistas. Pero algo está a cambiar e vaille a ser difícil á Señora manter o seu discurso, cando menos mentres os mercados permitan un cambio de dirección. De momento, están tranquilos, quizá porque comezan a temer unha reacción aínda máis profunda e consistente que cuestione algún dos seus fundamentos. Chegamos a un límite, e nin sequera os defensores sen concesións do neoliberalismo ou neoconservadurismo se atreven a falar apenas nada. Mellor así.

9 de xuño de 2013

Anguita Juega, directo ao corazón


Moncho Paz.- Nun momento en que algúns autores, como Luis Goytisolo, consideran que o xénero da novela está en declive ou en plena fase de extinción, aparece na escena literaria hispana Luis Anguita Juega (Madrid, 1961), un fiscal que un día decide poñerse a escribir e que recentemente publicou o seu terceiro libro: Donde está tu destino (Barcelona, Edic. Carena, 2013).

A súa querencia pola escritura foi totalmente espontánea. Antes da súa primeira novela non escribira nada; unicamente pasáraselle pola cabeza a idea de “teño unha historia que contar”. De feito, ás veces aínda pregúntase o porqué do seu inicio na literatura e lembra aquela tarde de xullo, cando se puxo fronte ao ordenador e pensou “a ver se me sae un conto ou un relato breve”. Fíxoo en segredo e, sorprendentemente, empezou a gustarlle o que escribía e apaixonouse coa idea. E pasaba na casa tres ou catro días, escribindo sen parar, mentres a súa familia imaxinaba que aquel encerro era debido a cousas do traballo, ata que lles confesou que estaba a crear unha novela. Durante meses estivo enfrascado nesa historia e gozando moitísimo, ata en ocasións emocionábase cos personaxes que creaba e así foi como aquel relato curto converteuse de súpeto nun libro de 350 páxinas, a súa primeira novela: Mi lugar. Mi pequeño sueño, publicada en 2011.

Pero non remata aquí a cousa. Ao ano seguinte, en 2012, Luis sorprendeu outra vez a propios e estranos cun novo libro: Siempre habrá un lugar para soñar, con diferentes personaxes, historias entrelazadas, distintos escenarios e lugares, construíndo así un relato emocionante e inesperado, que o confirmou no panorama literario español e deulle a coñecer ao gran público.


Donde está tu destino, a súa terceira novela, de recente publicación, ten como denominador común coas anteriores o feito de que aporta esperanza, é humana e tremendamente positiva no seu desenlace. Porque Anguita Juega trata de reflectir que na vida nada é fácil, que hai que loitar polo que se quere, ter dignidade e actuar dacordo con valores, facendo o que un soñou sempre, porque a felicidade atópase nos pequenos detalles. 

7 de xuño de 2013

O problema non é o número de escanos


Xabier P. Igrexas.-

É precisa unha reforma electoral en Galiza. A crecente e palpábel demanda social dunha democracia máis participativa e -como mínimo- máis representativa así o exixe. O descrédito institucional dos parlamentos, tamén o galego, ten a súa raiceira na desafección entre as cámaras e o pobo que nel debera estar representado, mais que de feito non está. O monolítico bipartidismo, entre as forzas maioritarias a nivel estatal, e a súa conseguinte falta de pluralidade nas bancadas, acartonan inda máis as sedes lexislativas. Certamente a composición do Parlamento de Galiza non reflicte axeitadamente a diversidade de opinións e pareceres que existe a nivel social, e a distribución de escanos non responde tampouco ao peso real que na sociedade (e nos votos) ten cada opción.

É precisa, pois, unha reforma electoral no noso país. Mais non a que promove o Partido Popular, quen baixo a coartada demagóxica e falaz do aforro e a austeridade (máis unha vez o palabro-mantra que serve para lexitimar todos os recortes, tamén os democráticos) pretende atomizar aínda máis o Parlamentiño até o facer microParlamento. O pretenso de reducir de 75 a 61 o número de escanos do Pazo do Hórreo, apenas responde a unha intención fondamente antidemocrática: reducir ao mínimo ás posibilidades de obteren representación a opcións diferentes ao bipartidismo maioritario PP-PSOE.

A mudanza debe pasar por unhas coordenadas ben distintas, antitéticas. Baixo ese prisma enmárcase a proposición de lei para a reforma da Lei de Eleccións ao Parlamento de Galiza que hai poucos días rexistraba o BNG, para o seu debate e toma en consideración. Nela suprímese a barreira do 5% dos votos que excluía do reparto de escanos a calquera forza que non obtivese esa porcentaxe mínima sobre o total dos sufraxios de cadansúa circunscrición electoral. Coa actual lei se houbese, poñamos por caso, 5 candidaturas que só obtiveran un 4% dos votos, todas elas ficarían sen escano ningún, deixando sen representación ao 20% do electorado. En troques, retirando esa barreira agrandada por Fraga (e un 2% máis alta que noutros Parlamentos) permitirase a entrada dun maior número de forzas dando mellor acomodo á pluralidade política.

Outro dos cambios propostos polo Bloque ten a ver co mecanismo matemático polo que se distribúen os escanos. Arestora emprégase o denominado sistema d’Hont, que vén sendo unha fórmula que axuda obxectivamente ás maiorías inda que dunha maneira máis matizada que outros sistemas. Porén, o lóxico sería que se aplicase unha distribución que respondese de maneira fiel á máxima de “a cada quen segundo os seus votos”, cun reparto con base no sistema proporcional directo, que aseguraría unha representatividade moito máis real das maiorías e (sobre todo) das minorías , tal e como propón a iniciativa nacionalista.

Mais non só é necesario regular aqueles aspectos ligados á mellor representación dos resultados da vontade popular expresada nas urnas. Tamén é necesario corrixir algunhas cuestións relativas ao necesario acceso informativo ás diferentes propostas e candidaturas, nomeadamente no referido á cobertura electoral dos medios públicos. De aí o oportuno de propoñer que se fixe por lei a realización de como mínimo un debate electoral, con representantes de todas as candidaturas sen exclusión, en horario de máxima audiencia nos medios de comunicación públicos. Ou que se obrigue á difusión de entrevistas a todas e todos os candidatos. Na medida en que a nosa toma de decisións perante un proceso electoral, ten base no nivel de información e coñecemento que temos arredor das diversas propostas, estas modificacións incluídas na proposición de lei formulada polo BNG permitirán que se garantan unhas mínimas condicións de igualdade na concorrencia e mellorarán o coñecemento xeral do electorado sobre as opcións entre as que poderán escoller.

O que se propón se cadra non abonda para avanzarmos decididamente cara a unha democracia real, merecente de tal nome. Non será suficiente para superar esta simulación, para derrubar a farsa electoral tras a que se agocha quen detén o poder real (a clase dominante). Mais sería un importante paso adiante nesa dirección.

4 de xuño de 2013