A entrega das ideas e do armamento ético

Fermín Bouza.-
  
O mapa político, as súas estratexias e as súas comunicacións, cambiou de súpeto coa foto de Rajoy e Rubalcaba e o que significa para este Reino. De similar valor simbólico, a saída do cárcere de Blesa, a liberdade de Bárcenas e o lio Facenda/Infanta. Non entro en temas xurídicos, limítome a sinalar o campo de significación destas paisaxes visuais da política. Para rematar, Rouco Varela aparece como o inquisidor maior do reino e, por primeira vez, os privatizadores da sanidade parece que terán que render contas ante un xuíz, que é onde acabarán a maior parte de tantos que fan economía á conta de transformala en ideoloxía e en vantaxes propias. Isto vai máis aló do que un auténtico sistema democrático pode considerar admisible. Ao fondo, o pacto do PSOE como a definitiva entrega de todo o que a esquerda quixo facer para mellorar a condición humana. Non pode ser, pero está a ser.


Ese voto non volverá

  
Imaxino que foi non só unha perversa visión do patriotismo o que levou a Rubalcaba a pactar no peor momento co peor amigo do seu partido. Estou convencido de que a súa dignidade como secretario recentemente elixido e xa revisable polo seu partido cunha dubidosa opción a presentarse a unhas primarias ou a un congreso (solución non correcta se encobre ou amaña desde arriba unhas primarias) tivo un papel importante: quere xogar, quere gañar, e non se vai así como así.

Pero esa angustia é pasado. Hoxe, os máis vellos do lugar, prefiren que siga a que veña un niñato/niñata a revolucionar as cousas. O PSOE tardofranquista chama de novo á nosa porta. Pasarán? Non pasarán? Madina foi imputado de conspirador pola xente de Ferraz. El di que non. Non sei. En todo caso haberá conspiracións e haberá problemas. As cousas están a cambiar e ninguén pode dispor da vida e a facenda dos seus ou dos seus votantes. O votante do PSOE cambiou máis que o do PP. Os votantes, en xeral, han ir cambiando nestes anos de forma significativa, e é inútil tentar vivir dos antigos votantes que pasaban por todo. A xente está moi farta da actual situación.  Ese voto, así, non volverá.


A econoideoloxía parece que berra

   

O do FMI pedindo un novo paso da cidadanía polo poldro de tortura da UE é para que llelo fagan mirar. Pide máis baixos salarios  para as clases medias e populares (máis?) e mostra a peor cara dos raros intereses internacionais que conflúen en certas organizacións económicas ou políticas. Están a arruinar Europa, que non sairá desta en moi longo tempo, non digamos o reino de España, un dos máis afectados en Europa pola Alemaña prestamista e a banca irresponsable.

E os políticos impresentables que se beneficiaron de todo iso, por certo. Sen afán de ser hipercrítico ou excesivo, creo, con toda franqueza, que nin PP nin PSOE tomaron moita nota do desastre que temos encima e prepáranse para repetir o mesmo que xa fixeron desde hai anos, que non todo foi negativo, nin moito menos, pero si foi inmensamente negativa a clase política cultivada nestes labirintos do crédito, a comisión, o pacto de silenzo e a man ocultando sempre algo.

Seguir con iso é un risco enorme nun reino como este, e deben facer uns profundos e densos exercicios espirituais con algunha xesuíta vello, infernal e gritón, para que lles poña a punto a alma ou algo parecido. O FMI forma parte dunha andrómena empíricamente importante pero sociopolíticamente infumable e tecnicamente moi frouxa. Practica, obviamente, a econoideoloxía, e de aí a rotundidade das súas parvadas. É o que hai.


O trabalinguas calculista e a ameaza das pensións
   

O problema dos cambios ou recortes nos impostos non é un difícil problema de cálculo senón previo ao propio cálculo: seleccionar as variables que se van a pór en xogo e facelas operativas. Entre esas variables, se pretendemos axustarnos aos procesos reais que conflúen na sustentabilidade das pensións, hainas tan complexas e irregulares que non caben nunha fórmula convencional de traballo para xerar datos certos da situación futura. Nin sequera o carácter versátil das variables simples garante nada dese coñecemento, pois as variables que interveñen realmente no proceso pero non adxuntas á fórmula global son o suficientemente poderosas como para envorcar a predición. Nestas condicións, o de menos é pedir a quen tenta racionalizar o tema das pensións un pouco de humildade predictiva. As grandes frases sobran nestas cousas: sinxelamente, o futuro escápasenos e hai que aproximarse a el antes de que tome distancia e nos deixe cravados esperando a Godot. Que non virá.

24 de xuño de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión