A "Pico", in memoriam

María Xosé Lamas.- Fúcheste en silencio, cando o que máis adorabas era a palabra. A  palabra na túa voz de Ricardo III, de Simbad o mariño, no son dun saxo, no amor de pai, de esposo, de irmán…

Era marzo do 2003 cando contactei contigo. Precisaba un oferente para a Festa dos Pepes de Vilalba na súa XLIII edición. Por primeira vez esta celebración  -dende 1961- era presidida por unha muller. Ese fito merecía unha posta en escena especial, e chameite. A túa resposta afirmativa encheume de ledicia.  Permanecerá sempre na miña memoria aquela cea leda e distendida, moi distante das que se viñan facendo outros anos.

Lembro o impacto que provocaches na miña filla Alba Sofía, daquela con só con sete anos, e á que convidaches a presenciar a rodaxe de “Pratos combinados”.  Non puideramos achegarnos, pero si a cantas estreas facías en Compostela, con reserva de convidadas. Ese pulo que nos inserías cada vez que te viamos actuar, as mesmas postas en escena de múltiples pezas teatrais, fixeron medrar en nós o amor polo teatro ben feito. En min, persoalmente, inxectándome enerxías para seguir adiante coa miña compañía de teatro de Vilalba; á miña filla, amosándolle un mundo de posibilidades que aproveitou , non só nos seus piniños como actriz, senón nos seu interese pola imaxe e a comunicación audiovisual. Nunca saberei agradecercho en toda a súa magnitude.

Agora afronto unha tarefa difícil: borrar da axenda do meu teléfono móbil o teu número. Fareino bagoando, seino. Pero ten por seguro que da miña propia memoria, como da de outra moita xente, non te borrarás nunca. Até sempre, amigo Pico!

14/06/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión