Casticismo e linguas cooficiais

Fermín Bouza.-

Toda esta historia do "lapao"  fomenta unha vez máis o pailanismo máis feroz contra as linguas reais e faladas vinculadas ao catalán, neste caso, ou ao galego, noutros casos, e que dan lugar a que os máis graciosos do lugar, en uso dos seus enormes coñecementos lingüísticos, disparaten a gusto, traten de distanciarse dos seus veciños e cren algún conflito para dar para comer a algúns desocupados da villa y corte, aínda que non sería xusto non recoñecer que, neste caso, os citados cronistas da vila estiveron, en xeral, ben, e rexeitaron toda esa posta en escena tan lamentable das cortes aragonesas, en absoluto á altura dos seus dignísimos cidadáns, algúns dos cales transmiten certa vergoña a quen queira ouvilos.

Reinventar o nome dunha lingua é un traballo de confusión social e que neste reino ten que ver coa xenofobia lingüística que se desatou a partir do momento en que os territorios con lingua propia quixeron recuperar esa lingua usando o procedemento científico adecuado e ao amparo das reflexións internacionais sobre esas linguas en situación de debilidade histórica. Agora ao catalán que se fala en Aragón queren chamarlle "lapao" e algunha outra cousa tamén administrativa e desa orde, coma se esa lingua carecese dun nome e acabasen de descubrila como lingua. Durante un tempo pasou o mesmo co galego no occidente de Asturias e co catalán falado en Valencia. Agora tócalle a Aragón. Despois dirase que os intolerantes son outros e que rode a bóla do peor casticismo, que é o que está no fondo de todo iso.


Á caza dun mundo imposible

Debutei como estrela de Jólibu nunha película-documental ou quizá de xénero difuso do director Guillermo García-Ramos (Mis tres teorías ¿imposibles? Para un mundo mejor), un intento aparentemente disparatado de arranxar o mundo ou de desarranxalo definitivamente pero que, no fondo e na forma, é un clásico do cinema-sorpresa que coloca aos actores/opinantes ante preguntas inquietas e inquietantes ou, mesmo, desequilibradas e desequilibrantes. Pero todo vai en serio.

Os mozos soñan con outra cousa e, aínda que non o digan, bótannos a culpa a nós, sen respectar sequera as feridas en combate. Se se fixan contestamos con certo medo ao cerimonial inquisitivo do novo impertinente que nos pregunta e, ás veces, hai que rirse das situacións verbais en que nos pon. O pase privado que se nos fixo deixoume algo confuso ante este artefacto explosivo previo ao 15-M.

Convídoos ao meu debut como terrorista da melancolía. Será o Mércores 19 de Xuño ás 20 horas na sala 2 da cineteca do Matadero de Madrid. Por outra banda, e para consolo de derrotistas, creo que non hai mundos imposibles, pois cando menos na imaxinación calquera mundo é representable como exemplo-modelo desde o que dar saída ás nosas leves ou graves psicopatías. De aí a melancolía de soñar e non lembrar que: temos a impresión de dinamitar un mundo cada mañá. A capacidade de crer no home mídese pola capacidade de soñar mundos. Soñalos leva a crer neles e a loitar por eles. A capacidade de transformación social dos grupos humanos é tamén a súa capacidade de soño. Niso estamos, a ver se así saímos desta. Lembrareillo nas vésperas da data.


Debates, faladoiros e pornopolítica

Nace un programa (El objetivo, con Ana Pastor, na Sexta) que quere basearse en datos fundados e tentar romper coa insana costume de falar por falar, método dominante nos espazos de debate, nos que o ruído político opaca calquera verdade que (casualmente) se lle escape a algún interlocutor ou a algún político. 

O costume de fantasear, mentir ou delirar nos medios, nace cando a política se fai moi produtiva mediáticamente falando, que debe ser tamén o momento no que se descobre que tira máis un bo debate entre candidatos que un bo partido de fútbol, e estes son datos empíricos contrastables.

Hai dúas vías esenciais para manter unha reflexión fundada: os feitos comprobables e a corrección racional dos argumentos. A xente máis afeita ao pensamento concreto irá pola primeira vía e a mais afeita ao pensamento abstracto, á ideoloxía como sistema de crenzas e á filosofía, irá pola segunda vía. Nada disto ocorre en xeral nos programas de opinión e debate, e tampouco no resto de programas ou columnas segundo de que medio se trate. Os debates políticos indirectos (non entre políticos senón entre opinadores e/ou xornalistas, sexan ou non xornalistas profesionais) son dunha grande falta de rigor racional e/ou empírico e aos que se vai para defender posicións de partido máis que verdade algunha.

Que lle vaia ben a Ana Pastor, magnífica xornalista, nese intento imposible de mellorar a calidade dos fundamentos do debate político.


A desfeita mediática e a manipulación

O que xa se viu en TVE ocorre agora en RNE, e os seus traballadores lamentan a súa  caída de audiencia e a súa perda de independencia. Malo e vello costume a de torcer a liberdade e pluralidade dos medios.

Entre as boas cousas que tamén fixo Zapatero, tan deostado polos tertulianos da dereita máis carca que tivemos desde Franco, está a de liberar a RTVE do peso da vulgaridade manipulativa, abrindo unha etapa que algúns creron que era para sempre, pero non: volveu a monserga do pensamento único con poucos engadidos. Nas canles privadas máis veteranas aínda queda esa marxe importante de diversidade que nos achega ao modelo mediático anglosaxón, moito máis aberto e obxectivo, dito sexa en termos xerais.

Agora estamos nunha etapa profundamente manipuladora que non ten visos de cambiar a curto prazo. A audiencia, que custara tanto recuperar, volveu marchar. A audiencia, aínda en momentos de tan mal gusto como o actual no que a programación se refire, prefire ir onde lle ofrecen un menú algo máis variado e complexo. Os medios escritos de propiedade privada adoitan botar a culpa das súas caídas de audiencia a internet e á súa prensa online, cousa menos certa do  que parece. É máis certo que a prensa é neste reino demasiado conservadora no fondo e na forma, e non ofrece estímulos para ser comprada. A pesar diso mantense ben, aínda que a falta de publicidade é neste momento o problema. 

O de RTVE é unha traxedia non por habitual menos tráxica; en todo este reino non temos televisión ou radio do estado á medida da mesma liberdade que, supostamente, funda a gobernación que temos.


Buscando a máquina de Watt política

Parece que recomenza o debate sobe os partidos políticos, quizá porque é necesario aquí e agora, da mesma forma que a máquina de Watt era necesaria para botar a andar á Revolución Industrial. É  o momento tamén e quizá o lugar oportuno para ese debate, que ten que ser real, non enganoso como tantas veces, e debe evitar perder o tempo en tópicos de tipo "os partidos políticos están superados" ou calquera outro enunciado parafascista desa clase.

É posible que os partidos políticos deban superar definitivamente a Lei de ferro da oligarquía, e iso non é doado. Os temores (non só oligárquicos ou egoístas) a perder o control desas organizacións pola xente máis medorenta das súas consecuencias, levou a un conservadurismo oligárquico que se reproduce continuamente a través de minorías que conseguen o control do conxunto do aparello. Ese é o problema central. Ao mesmo tempo, a fragmentación social multiplicou o número de intereses a representar no interior dun partido, onde cohabitan clases e culturas cada vez máis diversas e numerosas na súa diversidade.

Todo iso non facilita a democratización interior, que é temida tanto polos oligarcas que se benefician directa ou indirectamente do partido como polas persoas de boa fe que temen o descontrol. Unha alianza entre oligarcas e controladores é o habitual até hoxe. A lectura do caso Gürtel/Bárcenas pode facerse tamén nesa mesma clave. As plataformas que se anuncian co fin de levar polo bo camiño aos partidos están sempre ben, pois alguén debe insistir nisto, pero non hai que ser moi optimistas: os partidos non se deixan e tenden a autoreproducir os seus vicios se son produtivos para as súas elites. Pero algo hai que facer, e é bo que o debate non quede só para os novos protagonistas do 15-M. Quizá debemos pensar todos en arrimar o ombreiro.


As contas dos baróns insurrectos

Quizá a revolta autonómica das autonomías do PP contra unha reestruturación do déficit en función dalgunhas características autonómicas está a pedir a berros que lles presenten, aos citados baróns, as contas do que achega Cataluña desde hai anos ao seu equilibrio orzamentario. O que é inconcibible é que se poñan desa forma cando saben perfectamente que iso é así e que sen ese diñeiro xestado en Cataluña quedarían sen unha parte significativa dos seus orzamentos.

Foi o presidente estremeño, mantido por EU, o que parecía levar a voz cantante dos insurrectos. E o de Castela-León e outros, incluído Feijóo, que se dispón en Galicia a dar en explotación unha mina de ouro a un grupo canadense a pesar da gravidade que se lle imputa á devandita mina para destruír o medio ambiente. Galicia non só perderá ese diñeiro de explotación, perderá tamén unha oportunidade de fixar unha política ambiental eficiente.

Unha parte importante do diñeiro que entra en Galicia faino vía turismo, saúde, praias e descanso nunha contorna extraordinaria. Con iso estase acabando. Toda agresión ao medio pecha aínda máis as vías normais de chegada de diñeiro e non resolve nada: traballarán 10 anos até esgotar a mina e iranse cunha cantidade pequena para un país, pero grande para un privado, uns 500 millóns de euros. Empregos?... pouca cousa, sen dúbida. Así son os autonomistas que agora queren pechar as portas a quen lles deu unha parte dos seus bens. Que se fagan esas contas.

Algo raro está a pasar

A chegada a Alemaña de Li Keiang, primeiro ministro chinés, non é irrelevante. Tampouco o é a oferta alemá a España e outros países do sur de Europa de prestar diñeiro para o financiamento de pequenas e medianas empresas. É coma se Alemaña estivese a abrir ou reabrindo dúas frontes importantes que son determinantes para a súa economía: o mercado chinés e o consumo europeo.

Pero foi a propia Merkel e as súas absurdas políticas de austeridade a que pechou portas ao mundo a esa economía que dá síntomas de estancarse: sementou a desconfianza cara a Alemaña en China e matou o consumo do sur de Europa. Que agardaba? Os chineses son moi esixentes cos seus socios, pois vailles a vida niso: investiron en países, máis que en materiais físicos, e se fallan os países falla o seu diñeiro. Alemaña está a fallar e dunha maneira torpe: matou á súa contorna e os fluxos económicos comezan a adelgazar.

Non deixen de seguir esta liña de acontecementos, pois é a que nos irá dando pistas sobre o futuro. Pero non só Alemaña necesita esas cousas, a mesma China esixe que Europa marche ben, xógase moito niso. Non creo que fose unha reunión calquera a que se produciu entre os dous primeiros ministros. Tampouco o contido debeu de ser trivial. Polo de pronto, a Señora préstase a dar préstamos, aínda que ese diñeiro que ofrece é pouca cousa. Algo está a pasar.

02/06/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión