2014: Ano de Díaz Castro

Xulio Xiz.-

A Real Academia Galega escolleu a Xosé María Díaz Castro, para ser homenaxeado en 2014 co Día das Letras Galegas. Foi unha grande sorpresa en toda Galicia, froito do labor de Xermolos e a Irmandade Manuel María de Guitiriz, impulsado polo crego Alfonso Blanco Torrado, apoiado polo concello, polo Instituto Díaz Castro, e por todo o pobo.

Moitos pregúntanse quen foi Xosé María Díaz Castro, e porque se lle dedica o gran día da cultura de Galicia.

Precisamente en 2014 fará cen anos que naceu no Vilariño, da parroquia dos Vilares de Guitiriz. Para os veciños era Pepe ou Xosé María do Vilariño. Estudiou no seminario de Mondoñedo onde coincidiu con Aquilino Iglesia Alvariño, do que quedou contaxiado de poesía, á vez que se formaba na cultura clásica, en latín e grego, chegando a dominar a práctica totalidade dos idiomas europeos.

Fora xa do seminario, deu clases en Vilagarcía, onde foi tamén compañeiro de Aquilino para finalmente asentar en Madrid, onde traballou como traductor no Consello Superior de Investigacións Científicas.

Despuntou como poeta cando gañou os premios galego e castelán dun certame literario convocado polo concello de Betanzos, e consagrouse como poeta total ao comezo dos anos cincuenta con “Nimbos”, libro loubado por Fernández del Riego ou Carballo Calero entre outros notables das nosas letras.

Fondamente afectado pola resonancia do seu libro, non publicou nada máis. E nada menos, porque con este libro acreditouse como un dos mellores poetas galegos do século XX, desde o punto de vista da espiritualidade, da natureza, da visión da terra e do mundo.

Un dos seus poemas, Penélope – Un paso adiante e outro atrás, Galiza/e a tea dos teus ollos non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza / aran os bois e chove – está considerado un dos mellores en lingua galega, e cobra unha especial dimensión cando o cantan Mini e Mero ou o seu grupo, A Quenlla.

Coñecino a comezos dos setenta, e fun seu amigo. Como foi seu amigo todo o pobo de Guitiriz, onde pasou os seus últimos anos.

Galicia vai honrar a Díaz Castro co Día das Letras Galegas de 2014. Se
vivise, el non o creería. Era un home humilde que non entendía porque se
valoraba deste xeito a súa poesía e a súa persoa. Desde agora, Díaz Castro
–xa o era, en verdade- será inmorrente para a lingua e a cultura de
Galicia.

11/07/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión