Abater mitos

Helena Villar Janeiro.-

Nun barrio de Santiago, que recorda todo o mellor do rural, pasei un dos mediodías ardentes que vimos de soportar. Quedei para unha cita pero cheguei con moita anticipación e agardei na terraza dun bar baixo un bo toldo. Enfronte, ao outro lado da rúa, á beira dunha finca abandonada, aínda floreaba un bieiteiro e fun buscar unha flor, porque me gusta. Tráioa para a mesa e vouna fotografando co móbil e ulíndoa mentres boto uns grolos de auga fría. A flor debeu gustarlles tamén a uns paisanos que na mesa do lado van picando nas conversas. Falan dela e das herbas de San Xoán. Despois, pasan ás crenzas dos antergos.

O máis falador fixo unha enumeración case exhaustiva das plantas que se buscaban –a conversa era sempre referida ao pasado- para poñelas a amolecer na ventá a noite máis curta do ano. Así, a auga aparecía arriquecida pola mañá e chea de efectos máxicos favorecedores do corpo e do espírito. Un compañeiro tomoulle a palabra para describir aquela auga, como se aínda a tivese diante, resaltando os seus efectos beneficiosos sobre a pel e testemuñando que lla deixaba tirante e fresca como a dun neniño. E todos estiveron dacordo en que era comparable cos mellores perfumes que hai nas tendas.

Despois pasaron a falar dos mitos das celebracións ancestrais, maiormente a defensa contra as fontes do mal e a purificación dos espíritos. Un, que permanecera case calado, meteuse no diálogo para deixar sentado un principio de racionalidade afirmando que todo iso era o que lles contaban, pero que el sabía de boa tinta que non era así. Que el estudara pouco pero que, aquilo que estudara, o sabía a fondo e, polo tanto, non era doado enganalo. Que no da noite de San Xoán hai unha explicación clarísima de por que se facía o lavatorio e o perfumado. A auga era para limparse do fume de saltar as cacharelas, que saían todos del como se fosen negros, sendo brancos. E os perfumes das plantas procurábanse para sacar de paso o cheiro das sardiñas que ía pegado ás mans e aos arredores da boca. Así de sinxelo. Todo o demais era un engano herdado de xeración en xeración. E menos mal que os de agora xa non cren nada desas andrómenas que veñen de antigo para nos manter no atraso.

Eu diría que convenceu a un auditorio precisado de explicacións verosímiles para contrapesar as moitas mentiras e chafalladas que hoxe nos contan e non hai maneira de crer nelas.

Foto: Helena Villar Janeiro


16 de xul. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión