Información local e interpretación global

Redacción.- Vilalba deu onte unha volta no tempo e regresou aos comezos do século XX, unha “etapa de luces”, pola grande cantidade de xornais –en total vinte e un– que viron a luz nesa época de activa vida cultural. Neste marco, A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos presentaron onte a Xosé Pereira Fariña, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que falou sobre "Información local, proximidade e interpretación global". O acto tivo lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura e contou coa presenza de numeroso público; preto de cincoenta persoas déronse cita para escoitar a este experto da comunicación, que foi introducido polo xornalista vilalbés Moncho Paz.

Xosé Pereira Fariña (Moraña-Pontevedra, 1976) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC. Na actualidade, é o decano na Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá e durante tres anos foi o Coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da USC. Entre as súas publicacións, figuran varios artigos en revistas internacionais e participou na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo, coma o Manual de Redacción Ciberperiodística (Ariel, 2004) e Sistemas digitales de información (Pearson, 2006). Actualmente traballa en varios proxectos de investigación vinculados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación. 

Na conferencia de onte, fixo especial fincapé nas estratexias do local. "Os políticos saben ben que todas as mensaxes son locais, e os medios deben saber detectar os aspectos locais para poder enfatizalos". Asemade, Xosé Pereira referiuse ao concepto "intelixencia colectiva", da que debe proveerse a información local; e ramatou a súa intervención puntualizando que "a información local sempre debe estar alerta para converterse en altavoz/ollos, porque as cousas interesantes de Vilalba teñen que ser contadas e, para elo, quen mellor que os que fan información local". Tras a conferencia tivo lugar un interesante debate, onde varios membros do público puideron plantexar algunhas cuestións relacionadas coa situación actual da prensa local en Vilalba, referíndose de xeito especial á distinta cobertura que lle dan os medios a determinadas informacións dos partidos políticos. 

Ao rematar, Moncho Paz anunciou os vindeiros actos programados co gallo do 30 aniversario de A Voz de Vilalba: a proxección do documental "Carrilanos, os túneles tun tempo", dirixido por Rafael Cid, actual delegado de RTVE en Galicia, prevista para o venres 19 de xullo no Centro Cultural e Recreativo; e o concerto de piano que Ramón Chao Rego ofrecerá o 31 de agosto -día de San Ramón- no Auditorio municipal, onde interpretará "O lago de Como", entre outro variado repertorio.

______________
Foto: Chema Felpeto

06/07/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión