Movilización do SLG diante do Senado

Redacción.-

Unha delegación do Sindicato Labrego Galego viaxou hoxe, 9 de xullo, até Madrid para participar nun acto reivindicativo convocado pola Coordenadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) diante do Senado para demandar que a futura Lei da Cadea Alimentaria inclúa no seu articulado a prohibición de vender por baixo dos custes de produción, antes da súa votación por senadores e senadoras o vindeiro 11 de xullo. A comitiva do SLG estivo formada pola súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane (primeira pola dereita na imaxe que se remite), e outros membros da Executiva como Xosé Luís López Galán, Carme Garrote ou Adolfo Cabarcos (na mesma fotografía, seguen nesa orde a Vilalba cara á esquerda).

No acto de protesta, denunciouse que na xornada de hoxe hai supermercados que están a vender o leite a prezos inferiores a 50 céntimos o litro, que é o que se paga por algunhas marcas de auga e que, dende logo, é imposible que dea para cubrir as marxes de beneficio na cadea de valor do produto, o que obriga ás explotacións a vender por baixo dos custes de produción. A denuncia completarase co envío dun cartón de leite a cada senador e senadora para que se conciencien da inxustiza que supón manter por máis tempo o mercado nesta situación anormal.

Certamente, o texto da lei prohibe determinadas prácticas comerciais consideradas abusivas como a modificación unilateral de contratos, os pagamentos comerciais non previstos de xeito contractual, o incumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei de Morosidade ou a manipulación de poxas electrónicas, entre outras. Así a todo, segue sen prohibir a venda a perdas.

A pesares das promesas feitas por diversos políticos do PP de Galicia, incluído o seu presidente Alberto Núñez Feijóo, prohibir a venda a perdas segue a ser a grande falla desta lei. Obrigar ás explotacións a vender por baixo dos custes de produción é unha práctica comercial absolutamente abusiva e desleal, denunciada sen éxito por produtores e produtoras, industria e mesmo distribución minorista en infinidade de ocasións durante os últimos anos e que xera graves perdas económicas e de emprego no conxunto da cadea e da economía. Trátase dunha práctica especulativa cada vez máis estendida e que mina a rendibilidade de producións de grande peso no noso medio rural coma o leite, as carnes ou as hortalizas e froitas de tempada que se venden como produtos reclamo con prezos ao público anormalmente reducidos.

Cómpre lembrar que, no pasado mes de novembro, no contexto da folga de entregas do leite, e en sucesivas xuntanzas co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outros políticos populares, o PP de Galicia prometeu que ía facer todo o posible para que a futura Lei da Cadea Alimentaria incluíse no seu articulado a prohibición de vender produtos agrogandeiros por baixo dos custes de produción, unha medida indispensable para a supervivencia do sector lácteo galego, que estaba e está a percibir uns prezos ruinosos polo leite, e das demais producións agrogandeiras do noso país.

09/07/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión