O activismo dun líder: Nelson Mandela

Fermín Bouza.-
Nelson Mandela, con graves problemas de saúde, foi un dos líderes mundiais máis eficientes na súa mensaxe de paz e convivencia cultural e un dos líderes políticos locais máis loitadores, capaz de levar consigo ao seu pobo cara á liberdade e de trazar horizontes positivos para resolver os problemas. Unha clase de líderes que xa apenas hai, afastados ao populismo irrelevante e próximos á firmeza da evidencia dos feitos. Conseguiu cambiar as cousas na Unión Surafricana/República de Sudáfrica, e logrou o final da separación racial ou étnica. Derrotou con paciencia e determinación aos sectores máis extremos do divisionismo étnico, e puxo á República Surafricana no camiño da plena modernización. Levou consigo a negros e brancos a un obxectivo común, e fíxose admirar por moitos dos seus inimigos históricos. A poboación branca cambiou os seus criterios políticos de fondo ao redor do activismo de Mandela. Sabía que as cuestións urxentes non eran ideolóxicas en sentido estrito, e obtivo o apoio de case todos na súa tarefa de ir pondo as bases dun país decididamente democrático.
A hora da comunicación secreta

A hora da comunicación segreda

Se o PP ten segredos de Bárcenas, Bárcenas debe ter aínda máis do PP. Isto quere dicir que veñen tempos aínda peores para o goberno e o seu partido. Probablemente serán, mesmo, moi malos, e o seu alcance moi grande. Mentres todas as variables a controlar decaen, e as que non decaen é por puro esgotamento do seu obxecto a medir, ben porque o reino merque pouco ao estranxeiro (porque non pode) ou porque venda bastante ao exterior (por similar motivo: que merquen os que poden), ben porque os parados acadaron o seu tope ou se achegan a el, entre a neoemigración e a economía mergullada, mentres todo decae, digo, Bárcenas gana de novo terreo mediático e parece disposto a pactar (PP) ou a disparar sen tregua cunha cadencia insoportable para o PP e quizá para todos. O caso Bárcenas é a quintaesencia do que foi este reino os últimos decenios no terreo da xestión do capital alleo. Un retrato ao que lle faltan pinceladas e paisaxes de fondo aínda.


Vaise o mar a outras costas

Se se confirma a barbarie da Comisión Europea, transmitida por Almunia, sobre o sector naval, obrigado a devolver bonificacións fiscais da tax lease, que a CE considera erróneas, entre 2005 e 2011, o sector naval está acabado e miles de traballadores irán á rúa en Galicia e no resto de autonomías que teñen presenza no sector. Tivéronnos anos na incerteza e bloquearon, dese modo, a contrata de actividade naval. É a mesma Europa que nos quere tanto a que, cunha man, énchese a boca de grandes palabras e palabros, e coa outra vai incrementando o paro con medidas absurdas. O naval do reino é coñecido pola calidade dos seus traballos, que compiten en Europa contra lobbys do sector que teñen representación na CE. Nós, como sempre, non temos nada, salvo un comisario que se constitúe na vangarda dos nosos liquidadores navais por razóns que non se me alcanzan. Tratar de construír Europa destruíndo estas industrias é un mal paso. Hai que defender no posible ao conxunto da industria europea. O naval, a pouco que Europa axude, é perfectamente viable e defendible. Quen traballa na nosa contra na CE? Necesitamos diplomacia eficiente e representantes adecuados. Non hai outra.


De máscaras na néboa

Algúns se preguntan se volve Marx, e é posible que así sexa. Se volve Marx é que estamos a regresar a fume de carozo ao século XIX, pois as clases sociais por el definidas (pouco, por certo) correspóndense ás clases emerxentes na Revolución Industrial. Está a pasar iso? É probable que una certa proletarización de amplos sectores das clases medias e o incremento das diferenzas sociais, coa acumulación de riqueza inmensa na parte superior do ranking, fale a favor dun regreso desordenado a un ou dous séculos atrás, cos seus teóricos, como Marx, incluídos. Eu creo que hai un retroceso xeral, pero non me sinto capaz de ir moi alá na súa explicación, aínda que algo se intúe. Ese mesmo retroceso ten que ver non só co regreso de Marx, pois tamén regresa o anarquismo, se miramos á esquerda. O fascismo, coa súa cara antiga, non volve, pero asoma con caras renovadas e conservadoras (perdeu a súa veta populista) en todos os debates vixentes, que son debates nos que boa parte das cousas que se din pertencen historicamente ao fascismo. Volve Marx? É posible.

A desorde comunicativa e a mirada electoral

Coa absoluta desorde habitual desde hai moito tempo a esta parte, o PSOE entra traumáticamente no tema da substitución. Pero a mensaxe principal da súa comunicación política constrúese á marxe destas cousas e está feito de realidades: pacto mal explicado (probablemente inexplicable na situación actual) con toda a dereita e desorde interna, as dúas peores cousas que o PSOE necesita. A xente xa o asimila así e redóbranse as críticas ao peche da dereita sobre si mesma, agora arroupada polos socialistas. A desorde interna ten que ver coa substitución, e é unha desorde controlada por unha clase de persoas vinculadas ou exvinculadas a cargos públicos: guerras intra-aparello ou entre apparatchik. Non son guerras creativas nas que se discuta de política socialdemócrata senón reproches persoais sen moita altura. É hora de falar. Se os socialistas non falan e non mostran as súas ideas reais non van ter un voto suficiente, e nese tempo das derrotas que así se vai anunciando outras alternativas tratan de ouvir mellor ás clases medias máis prexudicadas pola nova gobernanza. Tamén ás clases populares, que van saíndo dun longo soño de imposibles niveis de vida nestas coordenadas vixentes. Todo volve ao seu ser, e ese ser anuncia cambios a curto e medio prazo.


O xogo do quen es?: un espía, e ti?


Mentres un confuso episodio militar-xudicial desvela que algún xuíz castrense busca datos e culpables dunha corrupción que descoñecemos en diversos centros do Exército do Aire, polo que é presionada e mal recibida nos lugares que ela visita, presionada, digo, baixo a escusa formal dun comunicado previo insuficiente da súa visita sempre incómoda, mentres este incidente ocorre aquí, entre outros miles de cousas que nublan o día, no mundo vaise precipitando todo por camiños peores do esperado. Pero se aquí xa sabiamos que sectores minoritarios das forzas armadas mantiñan unha relación tensa coa democracia e, por tanto, coa xustiza, de alá estráñanos que o vicepresidente norteamericano John Kerry non tivese mellor idea que ameazar a Rusia e China. Non só isto é unha estupidez (noutro ton e a menor nivel sería unha vulgar rutina diplomática) como petición de quen fai o mesmo continuamente, senón que tamén é perigoso e absurdo para todos.

Bótase leña ao lume e vaise facendo irreversible tanta parvada e tanta provocación, coas relacións internacionais tocadas por estas cousas que poderían ser, e o son de feito, de menor contía. Todo o mundo espía e isto é eterno e sen emenda. O que non o faga está perdido. Teño grave desconfianza polo caso Assange, e non me tranquiliza o de Snowden: teñen ambos o sinal dun movemento moi pensado dos propios servizos de intelixencia. Para que? Probablemente para que USA poida resituarse no centro do mundo.



Carapuchiña e o conto do Lobo

En realidade, e para aclarar un tema de fondo que se repite de forma absurda, hai que dicir que as queixas sobre o Reino de España e as súas políticas económicas non veñen de roxos perigosos que non cren no libre mercado e no marabilloso e xusto mundo construído desde a competencia máis feroz, o paro e os baixos salarios. Veñen de países que pasan por ser o berce destas cousas, como Estados Unidos do Norte de América ou o Reino Unido. Desde posicións puramente económicas, a abordaxe europea da crise foi un fracaso e estudarase durante moitos anos como un notable contraexemplo do que se debe facer para mellorar as cousas. Non é, pois, unha tópica batalla sobreideolóxica, é máis ben o traxecto errático dun pensamento conservador cada vez máis afastado dos valores básicos de todo humanismo, o cristián incluído, aínda que isto les importe un pemento aos nosos bispos, tan sensibles eles con outros temas nos que sempre se apuntan ao lado da negación de dereitos e liberdades.

Así son as cousas, ou sexa que o conto do Lobo e Caperuchiña aplicado a isto é dunha falsidade palmaria. Non caben esta clase de contos cando as cousas están como están. En realidade, nin sequera quedan roxos nun sentido histórico, apenas uns funcionarios políticos cuxo cumprimento ás veces é decepcionante. Sobran contos e falta memoria. Seguimos camiñando ao bordo do precipicio e énchennos a cabeza de historias de indios e vaqueiros que son unha burla no medio da multiplicación dos dramas persoais.

01/07/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión