Presentouse "Carrilanos" en Vilalba

Redacción.- Máis de setenta persoas déronse cita no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba para asistir á proxección da película documental “Carrilanos. Os túneles dun tempo”, do xornalista Rafael Cid, actual director de RTVE Galicia.

O acto deu comezo ás 20:30 horas, coa presentación de Moncho Paz, co-editor de A Voz de Vilalba, que fixo un percorrido polo traxectoria profesional de Rafael Cid; de seguido, o vicepresidente da Asociación da Prensa de Lugo, Antón Grande, referiuse á xestación do documental, realizado en 2003 e producido polo centro territorial de TVE en Galicia, e que foi editado dous anos despois por Xerais, nun libro que incluía unha cronoloxía e un apéndice literario cos chamados “romances da vía”, ademáis dunha panorámica esperanzadora do estado actual deste treito de camiños de ferro e dos proxectos en marcha de recuperación das súas estacións para o seu emprego turístico e cultural. O libro, acompañado dun DVD co documental, está esgotado na actualidade. 
Pola súa banda, o autor do guión e director da película relatou varias anécdotas que tiveron lugar durante a rodaxe e posterior montaxe documental, así como a presentación oficial que se celebrou no seu día en Verín e que congregou a máis de mil persoas.

Na apertura deste treito da liña Zamora-A Coruña, coa que quedaría defnitivamente aberta a comunicación por ferrocarril de Galicia con Castela, traballaron, dende 1929 a 1957, milleiros de operarios, os chamados “carrilanos”. O xornalista Rafael Cid reconstrúe neste documento gráfico, por medio dunha copiosa información documental e fotográfica, ata agora totalmente inédita, aquela epopea heroica dos esforzados homes da vía: dende as suores e fatigas de xornadas interminables de traballo na escuridade; pasando polas dificultades técnicas na perforación dos túneles; os convulsos días de folga durante os anos da segunda República; a introdución de nova maquinaria; as traxedias provocadas polos tiros e a pólvora, os milleiros de pulmóns feridos pola silicose (o “mal da vía”) que enchouparon o corpo e a alma dos carrilanos e das súas viúvas; ata os días no que foi inaugurado coa pompa característica do réxime de Franco. 

"Carrilanos. Os túneles dun tempo" mereceu a mención especial do xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o primeiro premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", o premio de comunicación "Francisco Cossío" de Castela e León e o premio Galicia de Comunicación en 2004 ao mellor labor de comunicación en TV.

______________
Foto: Chema Felpeto

20/07/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión