O que nos ven enriba

Fermín Bouza.-

Mentres De Guindos anuncia que a recesión xa quedou atrás, El Mundo volveu a ampliar a panoplia de armas de Bárcenas coa publicación de SMS moi explícitos entre Rajoy e o mesmo Bárcenas. Mala cousa para Rajoy (non tanto como corrupto, que non parece selo, senón como consentidor, ao seu estilo de convidado de pedra de todos os eventos). Mala cousa tamén para o PP, cuxas voces públicas non fixeron outra cousa que maltratar verbalmente aos demais partidos e negar até as evidencias de calquera imputación, onte ou hoxe.

Os tentáculos dese partido comezaban a facerse ver por todas partes até xerar unha certa paranoia en todas as súas vítimas reais ou imaxinadas. Tiñas a impresión de que molestabas a algún deles e de que che farían dano. As maiorías absolutas dan unha forza ilimitada e de difícil control. Os seus votantes ou militantes estiveron discretos e normais en todo este proceso, e foi o menos malo da posta en escena deste drama urbano de sobresoldos e comisións. A súa xente estaba asombrada e entrou en pasmo hai meses.

Pero, volvendo ao principio, é verdade que a recesión se vai indo? Deixando de lado as consideracións sobre a definición técnica de "recesión", o certo é que se agarda que subamos ao 28% de paro e que até o 2015, se non ocorren outras cousas, non se poderá notar algo positivo, por pequeno que sexa, de recuperación, emprego e esperanza real nun final do proceso de deterioración en curso. Unan vostedes o que está a ocorrer coa situación da crise e probablemente queden como Rajoy: pasmados.


Mala estratexia, conspiración e medo


O PP di que xa deu explicacións desde xaneiro ao balbordo de corrupción que ten encima, un ERE á totalidade da democracia nas súas pezas básicas, os partidos políticos. Soraya, quizá a máis equilibrada e intelixente de entre a dirección visible do PP, tentou nalgún momento ir por outro camiño, pero acabou asumindo o ton e o argumento que arruinará a ese partido por moito tempo. É un grave erro, os tempos cambiaron e a estratexia, non por antidemocrática menos eficaz, de mirar para outro lado, facer oídos xordos e deixar pasar o tempo, creo que xa non serve. As estratexias elíxense para acabar ben, e inclúen rutas de acción e comunicación que melloran a imaxe e conducen a algo positivo, que é o que ao final vai contar. Pero non neste caso.

O medo a que caia todo o partido abaixo, xunto co goberno (é unha posibilidade) mantén aos voceiros da dereita nunha actividade de defensas de fútbol ao antigo estilo do patadón e tente tieso e balóns fora que imos gañando e xa queda pouco tempo. Non é unha boa estratexia. Se a metade do que conta Bárcenas é confirmado definitivamente, é posible unha crise de goberno e, na situación actual, unha enorme crise de partido. Cunha boa estratexia de comunicación esa eventualidade só afectaría a un limitado número de persoas. Somen agora a isto os movementos conspiratorios de Aguirre e outros e verán que o panorama, de confirmar Bárcenas os seus datos non confirmados, é negrísimo e case inabordable.


A nova intranquilidade transpolítica


Se imos ao terreo dunha certa filosofía de base psicolóxica, sempre interesante, poderiamos dicir que onde aparece masivamente o mal volve de novo a intranquilidade ou, como agora se di, o mal rollo. Quen meteron ao país en erros e burbullas, ou en intencionados aproveitamentos eventuais de diñeiro fresco á conta da orde económica do reino, aprovéitanse do seu control dos mecanismos represivos e de control do estado para impor, tamén, un medo cerval na poboación a base de volvela paranoica e darlle de paus de cando en vez. E aí acábase todo. Eles a casa, e nós a pagar os danos da cea deses falsos esmoleiros do poder anómalo que me lembran Viridiana. Mañá volverán dar unha instrución e volverán ameazarnos. Ata que cansemos.

Ninguén, de entre os que fan ou serven máis aló do racional a quen fan as peores cousas co que tanto traballo nos custou edificar, como ese certo remedo do estado de benestar que agora cae, ninguén, digo, de entre os xefes e os servilones, poderá durmir tranquilo o día en que nos fartemos de tanto abuso para tapar os buracos das súas esmorgas financeiras e disfrazalo todo co noso exceso de gasto e boa vida. Un día hase rematar, e é mellor que se acabe con iso a través da razón política que xere cambios políticos relevantes, a que se acabe polas bravas e cun drama por medio, cousa nada estraña neste reino. Dito queda.


Xornalismo en tempos de ira

A morte de Concha García Campoy, unha representante do bo xornalismo sen máis espaventos que os que as cousas piden, levoume a unha reflexión, en min moi frecuente, sobre o propio xornalismo e a súa actualidade en tempos como os que vivimos de crises e escándalos públicos. Non en balde son catedrático nunha facultade de ciencias da información e non en balde vin pasar polas miñas clases a unha parte considerable do xornalismo máis novo ou moderadamente adulto ou maior. Todo isto sería unha anécdota persoal en situación de normalidade política e económica, pero non é así. Eses xornalistas establecidos, ou unha boa parte deles, que non os meus exalumnos, teñen un estilo de informar/opinar moi afastado ao rigor que precisa unha materia tan grave como a vida mesma, a vida social, sobre todo. Eles serven a xornais fortemente orientados (o "pluralismo polarizado" que din os estudosos do modelo mediterráneo de prensa: un auténtico reflexo mediático da vida político-partidaria) que lles esixen esa fidelidade ideolóxica de maneira extrema, non de calquera xeito razoable. Calquera pode errar nunha noticia ou en algo así, directo e non moi controlado, pero converter o mundo da opinión nunha zarabanda de parvadas, cousa que ocorre un día si e outro tamén, profunda nunha certa dexeneración do xornalismo e de todo o que o xornalismo determina: as mensaxes dos lectores a pé de texto ou pola radio, internet ou televisión, son arrepiantes na mesma liña de simpleza e manipulación. As xeracións das miñas clases, non totalmente instaladas aínda, e de ideoloxías moi diversas, fan fronte a isto cun enorme pasmo: da liberdade da vida universitaria ao encorsetamiento do modelo mediterráneo hai un mundo de ilusións perdidas e unha forte autocrítica profesional. Quizá isto poida frutificar algún día.

Descanse en paz Concha, alí onde perduran as boas palabras dos que as usaron.


Voto e corrupción


Sabemos xa que a corrupción non afecta, en xeral, ao voto, aínda que chegada a certo punto tampouco facilita as cousas. É ambigua, como nós mesmos, cunha vela a deus e outra ao diaño. En todo caso, a casuística é tan diversa que tampouco se pode xeneralizar de forma ilimitada, como ocorre habitualmente nas ciencias sociais e ás veces nas naturais. Cos datos históricos na man, todo indica que o voto que perde o PP, e mesmo o PSOE, non ten que ver cos episodios corruptos de ambos os partidos, senón coa súa incapacidade para non meternos na crise e agora para sacarnos dela: é voto esencialmente económico de tipo retrospectivo, mirando máis ao pasado ou ao presente que ao futuro.

Neste momento afecta moito máis ao PP (o PSOE apenas perde voto desde as eleccións, e de cando en vez gaña un pouco), que ten sobre si os dous factores do mal demoscópico: o goberno nunha grave crise económica e a corrupción máis profunda e potente. Isto quere dicir que un elector pode acollerse, para negar o voto ao PP na súa racionalidade cotiá coa demais xente, ao mal goberno ou á corrupción, segundo gustos, digamos.

O goberno e/ou o PP xogan a demorar declaracións e explicacións a ver se é posible que una certa luz ao fondo da crise faga que a xente esqueza tanto o presunto mal goberno como a corrupción. É unha mala estratexia comunicativa, pero moi usada. Os partidos, por si mesmos, tenden a elixir o peor camiño dos posibles na súa comunicación pública, sobre todo se esa comunicación é sobre temas conflitivos que os afectan directamente a eles. Unha vez metidos na xigantesca trampa das súas continuas mentiras, o dereito á pateadura só lles serve para pechar máis a rede en que se apresaron a se mesmos. O PP enrédase un pouco máis cada día, e pronto podería ver pechados todos os seus camiños de defensa. Caería na súa propia rede, así é a mala comunicación e a mala cabeza..



15/07/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión