Para cando non podemos comprender

Xosé Manuel Pacho.- Vivimos anestesiados. Mergullados nunha estraña irrealidade que nos leva a pensar que somos inmunes a todo, que somos inmortais. Para iso nos rodeamos de aparellos técnicos que nos proporcionan pracer e conforto,  de substancias legais ou ilegais que nos axudan a sobrelevar a verdade perenne: a conciencia de que, no fondo,  a vida non é máis que un azar feliz, unha casualidade.
Dominados por esa torpe sensación de superioridade construímos o noso presente como se morrer non fose o derradeiro argumento da obra, como expresara Gil de Biedma no poema No volveré a ser joven. E facemos plans que nos coñecerán vellos, deixamos cousas que facer para cando nos retiremos, libros por ler, países por visitar e proxectos por emprender. Así somos de absurdos.
Por iso, cando chega a morte ás nosas vidas, cóllenos sempre de improviso. Con independencia da idade. Posiblemente, porque todos pensamos que viviremos para sempre. Ata que se impón a realidade. Tristemente.
E as traxedias colectivas magnifican esta mágoa, esta infinda tristeza, que nos iguala na nosa condición humana. A que non sabe de diñeiros, nin de estatus social ou económico; a que non sabe de soberbias ou de vaidades públicas. O drama de Santiago é un exemplo que doe todavía. E para nós, máis aínda porque esta cidade e eses trens e moitos deses homes e mulleres forman parte da realidade máis próxima do noso imaxinario. Do pasado, do presente e do futuro.
Haberá tempo de analizar causas e razóns de que pase aquí o que con boas infraestruturas nunca pasa noutros lugares. Haberá tempo. Pero, ás veces, o mellor que podemos facer é calar. E agardar a que todo se calme.
Entrementres, nada mellor que Séneca e as súas Consolacións a Marcia pola morte do seu fillo. Para que nos axude a comprender ese tempo que nos leva ata o final.

30 de xul. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión