Bioconstrucción con barro

Redacción.-

Desde a Asociación Galega de Custodia do Territorio continuamos coa nosa aposta para a promoción das diferentes artes e oficios tradicionais que traballan de maneira respectuosa co material que a natureza nos ofrece. A cestería, a xardinería e, neste caso, a bioconstrución con barro son algún exemplos de actividades profesionais ligadas á nosa natureza.

Unha vez máis e, debido á grande demanda do curso anterior, contamos con Guido Tomasini, artesán e bioconstrutor, para achegarnos ó uso do barro na construción. A xornada constará dunha breve parte teórica e moita práctica para que os asistentes poidan coñecer as virtudes deste material e poder realizar as súas propias construcións sostibles.

O curso realizarase durante o fin de semana do sábado 14 e domingo 15 de setembro, de 10:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00. O prezo do curso (2 días) é de 40 € (socios) e 50 € (non socios). Realizaremos esta actividade na Casa das Insuas, en Rábade (ver mapa na web da Casa das Insuas). O curso constará de catro bloques formativos (recebado con barro, bloques de adobe, paredes de trenzado e tapial e chan compactado) e cada bloque durará unha mañá ou tarde e será rotativo para cada grupo de alumnos.

Habilitarase un lugar para poder comer na Casa das Insuas para os que desexen traer o seu xantar. Nas proximidades hai un restaurante. É necesario traer roupa e calzado de traballo.

É obrigatorio reservar praza e realizar anticipado do pago do curso. Contactos en custodiadoterritorio@gmail.com e 630-94.82.93

30/08/2013

Tadashi Yamamoto en Burela

Redacción.- O alcalde de Burela, Xosé María González Barcia, recibiu onte no Concello ao antropólogo Tadashi Yamamoto, profesor da Universidade de Tenri, en Mara (Xapón). O acto tivo lugar ás 13 horas nas dependencias municipais. O profesor nipón estivo acompañado pola súa dona, Kazumi. Os convidados tiveron ocasión de coñecer a fondo a tradición pesqueira da vila, con visita á lonxa e tamén ao barco-museo boniteiro “Reina del Carmen”, construido en 1967 e que exerceu a súa actividade no mar ao longo de trinta anos.
Tadashi Yamamoto é un namorado da cultura galega, dende que hai cáseque dez anos fixo a súa primeira viaxe a Galicia e tivo a oportunidade de coñecer as nosas manifestacións culturais, amosando un especial interese pola música tradicional e pola lingua. De feito, dende que cursou o programa de galego para estranxeiros impartido polo Instituto da Lingua Galega (ILG), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fala fluidamente o noso idioma. Como parte da súa actividade docente en Xapón, organiza -en colaboración cos USC- estadías culturais en Galicia para os seus alumnos. Na actualidade, está a traducir ao xaponés as “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas.


Asemade, adícase aos temas antropolóxicos de México como festas calendáricas e cosmoloxía dos antigos aztecas, ritos agrícolas e sincretismo dos indíxenas contemporáneos, e movemento social e cultural dos migrantes indíxenas mexicanos nos Estados Unidos de América. Como persoal docente do Departamento de Estudos Hispánicos da referida universidade, dende o ano 2004 organiza o programa de lingua e cultura española en colaboración con Cursos Internacionais da USC.

28/08/2013

Cine-coloquio sobre "A Vía Láctea"

Redacción.- O vindeiro 31 de agosto terá lugar en Vilalba un cine-coloquio coa proxección de A Vía Láctea, película realizada por Luis Buñuel en 1969. Moderado por Ramón Chao e Moncho Paz, celebrarase ás 18:30 horas no Auditorio Municipal. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, o xornal A Voz de Vilalba e a plataforma cívica "Amigos de Prisciliano".

Como outras películas do universo Buñuel, A Vía Láctea trata de temas como o catolicismo, o comunismo e o surrealismo. O guión é do propio Buñuel e do francés Jean-Claude Carrière, que na cinta interpreta o papel de Prisciliano e que na actualidade é o presidente de honra da plataforma cívica “Amigos de Prisciliano”, fundada por Ramón Chao e Ignacio Ramonet.

A Vía Láctea é unha obra única na filmografía de Buñuel, e recolle todas as obsesións do autor. Dous peregrinos contemporáneos parten, como o fixeron desde a Idade Media, da Rue Saint-Jacques en París cara a Santiago de Compostela. O formato é o da tradicional narración picaresca na que unha parella de desposeídos sobreviven ao longo do trazado xacobeo. Asemade, é a narrativa aínda máis tradicional do cabaleiro andante e o seu escudeiro na procura busca da fe e da honra.

Como colofón deste acto, Ramón Chao interpretará ao piano "O lago de Como", que deu o título á súa primeira novela, publicada en 1983, e que foi finalista no Premio Nacional de Narrativa. 

25/08/2013

'Os anos circulares' ata o 31 de agosto


Redacción.-

A mostra «Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia, 1994-2013» permanecerá aberta n'A Coruña ata o 31 de agosto e poderá ser visitada en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 h, sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h. Esta mostra, enmarcada nun proxecto cultural que abrangue tanto o eido expositivo coma o editorial, concíbese coma un conxunto de tres exposicións que, na súa totalidade, ofrecen unha visión anovadora sobre a arte galega contemporánea nas súas distintas manifestacións.


«Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia, 1994-2013» deixa constancia de que a mediados dos anos noventa se producen en Galicia varios feitos significativos que nos levan falar dun momento de cambio no eido das artes plásticas. Son momentos de sinerxías, do xurdimento de institucións específicas coma o CGAC, en definitiva, dunha realidade de infraestruturas que posibilita a formación e formulación dunha xeración diferente que agromará, a mediados da década dos 90, con exposicións colectivas coma «30 anos no 2000», conformada por artistas saídos da primeira promoción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que se reafirmou con exposicións posteriores coma «Novos camiñantes» ou ciclos expositivos coma «Miradas virxes». Con esta nova xeración déixase atrás a lentitude institucional de tempos pasados e ábrese paso a unha realidade infraestrutural capaz de deseñar o presente e o futuro inmediato coa implicación cada vez maior de profesionais da arte.

Os artistas que xorden ao amparo deste cambio teñen xa unha incipiente formación teórica, coñecen as linguaxes e o campo creativo, feito que lle permite ensaiar propostas particulares e, sobre todo, manexar unha serie de materiais que os han distinguir claramente das xeracións anteriores. Entre eles non existirán lazos distintivos, nin podemos falar de que compartan un imaxinario común, nin unha ollada común a un contexto determinado, mais si procuran os mesmos conceptos. A facilidade que teñen para cambiar de medio ou de ferramentas, o soporte teórico dos críticos, capaces de realizar reflexións que contribúen a definir unha actitude xeracional, será o que lles permita achegarse á imaxe dun xeito diferente, o que lles posibilite traballar indistintamente os estilos dunha maneira máis híbrida ou máis contaminada. Os nomes e as iniciativas que aparecerán na primeira década do século XXI beberán dos logros dos anos noventa, con exposicións realizadas a modo de balance coma «Urbanitas» e cun paulatino descenso das ofertas e das posibilidades nestes últimos anos de incerteza, que deixarán outra vez a moitos artistas sen xeración, sen posibilidades, coma se de cada vez houbese que comezar de novo, coma se os anos foran circulares.

Na exposición hai obras de artistas coma: Mónica Alonso, Misha Bies Golas, Vicente Blanco, Mar Caldas, Rosendo Cid, Antón Cabaleiro, Salvador Cidrás, Victoria Diehl, Suso Fandiño, Tamara Feijoo, Almudena Fernández, Félix Fernández, Fran Herbello, Jesús Madriñán, Tatiana Medal, Nano 4814, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Carlos Rial, Damián Ucieda, Manuel Vázquez e Diego Vites.

OBRADOIROS DE ARTE (4 a 12 anos)

Os novos artistas convídannos coñecer as súas obras máis imaxinativas. Arte para todos.
Todos os martes, mércores e xoves de xullo e agosto

Prezos:
9 € obradoiro completo
3 € sesión

Centro: ​Centro Sociocultural Novacaixagalicia A Coruña

Tel:​981 185 060

Dirección:​Cantón Grande 21, 23, ​A Coruña, ​A Coruña

Data de comezo: 19/06/2013

Data de finalización: 31/08/2013

Horario:

De luns a venres de 17.00 a 21.00 h, sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h

OBRADOIROS DIDÁCTICOS:
Horario infantil (4 a 7 anos) 10.30 a 12.00 h
Horario intermedio (8 a 12 anos) 12.00 a 13.30 h

17/08/2013

Os museos na sociedade actual

Redacción.-

Ao longo da súa historia os museos sufriron un proceso de cambio para se adaptaren ás novas realidades sociais e novas formas de percibir os bens culturais e o papel destes na sociedade. Os retos dos museos hoxe non son só como definir de novo a ecuación colección-público e enfrontarse a públicos con intereses variados, senón como sobrevivir nun mundo cambiante e onde o cultural é entendido en termos economicistas. Nesta nova relación, a colección parece perder presenza ante o peso da rendibilidade económica e a importancia das cifras de visitantes. Son estes dous últimos elementos os que semellan facer rendible o museo, cando esta institución non naceu co carácter de negocio empresarial. Agora hai que engadir como elemento de medición tamén a espectacularidade da oferta cultural. A sustentabilidade dos museos está en perigo nun momento en que o poder público perde presenza ante a forza do sector privado na administración dos servizos públicos. Os museos precisan novos valedores institucionais e civís para poder seguir tendo presenza e cumprir a función social.

Os museos galegos non escapan a esta situación, mesmo diriamos que aquí se agrava polas características periféricas da nosa sociedade e pola concepción feble da institución museística. Este seminario pretende abordar a situación dos museos dende unha perspectiva crítica articulada arredor das seguintes claves: reflexións teóricas, a función e percepción social dos museos, a sustentabilidade: poderes públicos e sector privado, o marco normativo e a situación actual dos museos en Galicia. Deste xeito procurarase achegar ferramentas de reflexión útiles aos profesionais dos museos, que terán que facer autocrítica e mellorar a súa formación para poder ofrecer programacións acordes coas novas interpretacións dos bens culturais. Ademais, intentarase afondar na función social dos museos e mostrar que son institucións válidas para a Galicia do século XXI, capaces de ofrecer resposta á necesidade de coñecemento, de axudar a cohesionar a sociedade civil, de dar continuidade aos procesos culturais históricos, de vincular as novas xeracións cunha tradición; todo isto nun contexto onde os referentes da memoria colectiva son cada vez máis febles e onde cómpre potenciar a comunicación con outras culturas. Neste sentido, é necesaria unha normativa axeitada aos tempos, normativa que os entenda como centros de acción cultural e lles permita traballar con eficacia e liberdade, máis alá da consideración de simples unidades administrativas. Igualmente, a normativa debe clarificar e ordenar o disperso, e por veces caótico, mundo dos museos galegos, así como ofertar ferramentas precisas de xestión.

15/08/2013

Un canto e unha luz na noite

Redacción.-

A exposición "Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)", comisariada por Ricardo Gurriarán e que se poderá ver no Concello da Rúa do 30 de xullo ao 30 de agosto, explora o universo cultural de finais do franquismo e o papel das asociacións culturais na recuperación da lingua e cultura de Galicia na época.

13/08/2013

Esperpento

Fuco Paz Souto.-

Así, do mesmo xeito que Valle Inclán creou un novo xénero literario, Rajoy descubriu unha sociedade na que se distorsionan personaxes e realidades. O pasado xoves, na súa comparecencia no Senado, mostrouse non como o creador senón coma o mesmo Esperpento. Foi quen de distorsionar a realidade afirmando que se presentaba perante as súas señorías por iniciativa propia. A realidade? unha anunciada moción de censura, unha sociedade esixindo explicacións e sobre todo, o que máis teme, a prensa estranxeira clamando pola súa presenza no parlamento español.

Comezou cun discurso, iso si, moi preparado. Supoño que os oitenta asesores dos que dispón, ademais de redactalo tamén o obrigaron a que llelo lera en voz alta un por un. Parábase naqueles parágrafos que lle tiñan sinalado agardando polo aplauso doado e “emocionado” dos seus aduladores. Meu Deus! Mesmo semellaba ter medrado e engordado detrás do atril de oradores? Ouh! Érache o mesmo Timarco de Atenas quen falaba. Ollaba para os seus lambecricas e case estivo a piques de tocar a froita prohibida do paraíso. Rematou e, máis oufano ca un gato que ven de xaneira, dirixiuse ao seu escano. Sentou. Deseguido se ergueu, virouse e saudou facendo unha reverencia cara aos lambecús que aplaudían fóra do guión.
Mais...a medida que Rubalcaba, Cayo Lara, Rosa Díez e demais membros da oposición esixían a súa dimisión, o seu rostro de neno feliz, satisfeito, fachendoso e vaidoso íase trocando nunha faciana de tristeza, inseguridade, pena, pesar, abatemento, incomprensión do que estaba o acontecer. Velaí... El... Rajoy, que preparara un discurso a conciencia, que tiña o creto dos seus asesores e mais a admiración dos seus lambecricas, estaba sendo vilipendiado, insultado, desprezado...

Claro que o súper presidente, esquecera atacar o caso Bárcenas e mais o financiamento ilegal do seu partido con argumentos razoados e probas contundentes. Parece mentira que unhas fotocopias, dunhas copias feitas doutras fotocopias e, aínda por riba, engurradas, puidesen máis ca palabra do súper presidente.

Seica uns escanos máis atrás, o ministro Wert bisboulle tras unha orella estas palabras:
“Mariano no te preocupes. Esta panda de borregos son unos ijjjjjjjnorantes”.
Fin de la cita.

12/08/2013

A hamburguesa sintética

Xavier Gómez Santiso*.-

Acaba de sair publicada a noticia en varios medios de comunicación que tras unha ardua investigación de non se sabe canto persoal científico, e de non se sabe cantos centos de miles de euros que costóu o seu financiamento, xa existe carne de vaca a partir de “células madre” de esa especie: a hamburguesa sintética.

¿Pero quen necesita carne de vaca que non sexa de vaca?, pois, igual que acontece cos transxénicos, as grandes corporacións que queren convertir a alimentación humana no seu grande negocio, aínda que sexa a costa de que as persoas que queiran consumir, e polo tanto alimentarse con carne de vaca queden condenadas a facelo con un sucedáneo sintético; producido de unha maneira que ninguén investigóu que consecuencias vai ter para a vida nen para a saúde humana. ¿Non será que quen teña diñeiro suficiente vai seguir comendo carne de vaca de verdade, e que esta alimetación soio é para traer novas exclusións sociáis?.

Todos os productores de carne de vaca de Europa terán entón que pechar as suas explotación, e irse ás listas do paro para que a corporación alimentaria de turno que patente o invento se quede co seu mercado, e os consumidores e consumidoras de carne animal obrigados a consumir carne sintética. Ninguen quere esa carne, soio son eles, os señores da alimentación-negocio os que necesitan que a comamos para encher as suas arcas e satisfacer a sua ambición.

Claro que os argumentos serán os de sempre: a fame no mundo e o medio ambiente, tamén a mesma retaíla de manidos argumentos que usan para os transxénicos, mira ti que casualidade. Soio faltaría que quen comercialice e patente esta carne sexan os mesmos que comercializaron e patentaron os transxénicos.

Decir dende aquí que a fame no mundo é un problema de pobreza e de exclusión, pero non é nunca unha consecuencia da falta de alimentos; dito de outro xeito, a fame non é debida a un problema de productividade, senón a un problema de acceso á terra e aos recursos que se precisan para producir alimentos.

En canto ao medio ambiente o problema é de un modelo productivo intensivo e a costa de agrotóxicos, fito e zoosanitarios, etc; introducidos pola revolución verde dos anos sesenta e que representa cincuenta anos de fracaso agroalimentario.

Queremos reivindicar dende aquí outro modelo productivo respetuoso co medio, que produza partindo dos principios da agroecoloxia, e que produza o que a xente necesita para se alimentar, e que o produza donde e como a xente (os consumidores e consumidoras) o necesitan.

Queremos contrapoñer o modelo de produción que defende a soberanía alimentaria fronte á tiranía que supón o enriquecemento sen escrúpulos das corporacións alimentarias que queren que comamos o que elas queren (venden) e como elas queren.

Non todo o mundo ten que comer hamburguesas, nin siquera carne de vaca. Debemos facer o posible para que todos os pobos do mundo estean ben alimentados sen renunciar a comer o que queiran, o que a sua cultura lles aconselle, ou o que no seu contorno poidan producir. A alimetación non debe ser un negocio.

*Xavier Gómez Santiso pertence ao gabinete de comunicación 
do Sindicato Labrego Galego.

11/08/2013

Agardando a Madina

Moncho Paz.- A estrepitosa caída nas enquisas dos dous grandes partidos en España pasa por unha substitución urxente de liderado en ambas forzas políticas. No caso do Partido Popular, ao lóxico desgaste do exercicio do Goberno hai que engadir o deterioro progresivo da figura do seu líder, Mariano Rajoy, tremendamente erosionada como consecuencia do caso Bárcenas, denominado xa por moitos analistas como o caso PP.

Mentres tanto, o PSOE, principal partido da oposición, tampouco vive o seu mellor momento. Cando se supón que debería estar gañando enteiros polas medidas de recorte gobernamental e a particular travesía do deserto que sofren os populares, o certo é que o perfil de Pérez Rubalcaba non despunta.

Os principais analistas políticos deste país xa falan do fracaso do bipartidismo, tendo en conta o ascenso de dúas forzas emerxentes: IU de Cayo Lara e UPyD de Rosa Díez, que contra todo pronóstico aparece nas últimas sondaxes como a política española máis valorada; pero este dato non é máis que un reflexo do actual desencanto do electorado en España.

Tradicionalmente a ilusión e a esperanza, cuxo cumprimento parece especialmente atractivo, foron palabras-fetiche da esquerda. De feito, un breve percorrido polos distintos procesos electorais celebrados ata agora, reflicte que son valores imprescindibles na actitude pro-activa do votante comprometido. No polo oposto, o desencanto, que históricamente causou verdadeiros estropicios: cando o elector perde o seu plus de confianza prodúcese a debacle da esquerda, ao contrario do que acontece coa dereita política, aglutinadora dun voto fiel.

Chegados a este punto, e coñecedores de que o factor ilusión é absolutamente imprescindible, nos últimos tempos algunhas voces corearon o nome de Eduardo Madina, secretario do Grupo Parlamentario do PSOE, como o líder necesario para afrontar a crise política e ideolóxica que atravesa o partido fundado por Pablo Iglesias. Madina, pola súa banda, nin sabe nin contesta, pero déixase querer polos cantos de sirena. Un gran número de militantes e simpatizantes socialistas afirman con claridade que se atopan “Agardando a Madina”, parafraseando a Beckett.

Haberá que esperar, pois, á apertura do curso político en setembro. Polo de súpeto, cada vez máis persoas pensan que a recuperación da ilusión ten o seu xerme en Galicia, coa vindeira chegada de Gómez Besteiro, do mesmo xeito que sucedeu no seu día no caso do Partido Popular, coa chegada de Feijoo9. Veremos que pasa.

09/08/2013

NOWHERE - propostas fóra de lugar

Redacción.-

Hoxe venres día 9 ás 19.30h inaugúrase NOWHERE - propostas fóra de lugarcun concerto de Fluzo, unha mostra organizada polo Concello de Vigo. NOWHERE - propostas fóra de lugar é unha exposición que xira en torno á vida contemporánea. O título da mostra e o uso da "w" sitúanos nunha situación ambigua. Poderiamos entendelo como negación -Aquí non (Non Here)-, tamén como afirmación -Agora aquí (Now Here)-, aínda que en realidade nos sitúa nun terreo de ninguén, nun non lugar (Nowhere). Os seus protagonistas son creadores que procuraron o seu propio lugar, algúns deles permanecendo alleos ao ámbito institucional e outros introducíndose nel para cuestionalo, para abrilo á rúa.

Jesús Madriñán, Fluzo, Suso Fandiño, Pelucas, Beatriz Lobo, Armando G. e Nacho Alonso son creadores que reúnen información para destilala e transformala, transgredíndoa e devolvéndoa cargadas de novos significados, pero sobre todo capaces de cuestionar o ritmo institucional para calibrar o pulso da vida. As súas obras, lugares híbridos, puntos de encontro entre distintas xeografías, entre diferentes marxes.

19.30h. Concerto gratuíto de Fluzo.

Relacionados co hip hop e o rap nacional, a súa música nace para deixarse levar polo instinto sen recorrer a tópicos, con letras que parecen confesar un monólogo interior disparatado e paradoxal onde o amor e o sexo, a soidade e a morriña, teñen cabida dentro dun léxico retranqueiro que nega a censura e reproba o cinismo.

*O día da inauguración, tras o concerto de Fluzo, a sala permanecerá aberta ata as 02.00h da noite, finalizando cunha sesión Dj -entre as 12.00h e as 02.00h- por Dj da morte.

A situación dos medios en galego

Redacción.-

A Asociación de Medios en Galego abordou a situación do sector en sendas xuntanzas coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Medios.

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) comeza a dar pasos en firme para mellorar e regularizar a situación daqueles xornais, radios, televisións ou webs que apostan polo galego como vía de comunicación. Con este obxectivo varios membros deste colectivo entrevistaronse coa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ambos os dous comprometeronse a traballar conxuntamente coa AMEGA para potenciar a situación dos medios en galego.

Tal e como xa fixo hai unhas semanas cos catro grupos parlamentarios e co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a AMEGA expúxolles a ambos os dous cargos públicos as dificultades polas que atravesan os medios en galego. Por iso, esta organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga 3 lexislaturas.Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rixe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente.

"En min tendes un aliado", destacou Valentín García. "Estou interesado en saber de vós dende que souben da vosa formación", suliñou ao tempo que mostrou toda a súa vontade por colaborar coa nova entidade.

A importancia do galego na rede

O secretario xeral de Política Lingüística destacou a importancia que o galego ten en Internet, onde xa está no posto 20 en uso, e comprometeuso a impulsar eidos de colaboración coa AMEGa en temas de relevancia do noso idioma.

Por outra banda, destacou a necesidade de ter claro o que son medios dixitais e blogs, é dicir, criterios de definición de medios de comunicación á hora de poñer en marcha distintas campaña. Unha cuestión que tamén suscitou a Secretaría Xeral de Medios, Mar Sánchez. Neste sentido, a AMEGA compartiu estes temores pero suliñou que esta cuestión xa se ten debatido no seo da asociación e que xa o ten claro nos seus estatutos.

Lei de Publicidade Institucional

Tanto con García como con Sánchez, a AMEGA destacou a necesidade de poñer en marcha unha Lei de Publicidade Institucional. "Estamos traballando xa niso", sinalou varias veces a secretaria xeral de Medios. De feito, instou a esta asociación a que envíe as súas propostas e que inclúa so seus novos criterios de axudas.

A xuntanza entre a AMEGA e a Secretaría Xeral de Medios e de Política Lingüística foi moi cordial e as distintas entidades acordaron marcos de colaboración conxuntos.

Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (Galicia Confidencial, Tempos Novos, Novas da Galicia, Radiofusión, rede de emisoras municipais galegas, Praza Pública, Valmiñor.info, Quepasanacosta.com, xornal dixital da Costa da Morte, Certo, Xornal da Barbanza, Compas da Costa, revista dixital da Costa da Morte, Sermos Galiza, Cadernos de Comunicación e Análise, Terra Chá Xa, A Voz de Vilalba, Cronicas 3, xornal dixital da Mariña Lucense e A Nova Peneira. Todos estes medios chegan a un público cercano ás 150.000 persoas, aínda que en momentos puntuais poden duplicar esas cifras.

Revista avozdevilalba.com de xullo 2013


Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 62 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de xullo de 2013. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

07/08/2013

O barro da Historia

Modesto Renda Santiso.- 

Dicía Maquiavelo que para que se produza un cambio social son precisos tres condicionantes; fortuna, virtude e necesidade. O ser humano non é quen de evitar que o río desborde e a iso chámao fortuna. No noso tempo a fortuna sería estrutura, isto é, as cousas que para nós son estruturais.


O segundo elemento que formula é a virtude. Para el, o príncipe virtuoso é aquel capaz de previr que o río pode desbordar e ordena a construción dun dique, de xeito que ante a imposibilidade de evitar que o río creza; pode impedir as funestas consecuencias que este feito provocaría na cidade. Nunha lectura actual, a virtude corresponderíase co actor político. 


Por último apunta á necesidade. Maquiavelo explica que Ciro nunca podería rescatar ós persas se estes non sentiran a necesidade de ser rescatados, do mesmo xeito que Moisés non tería liberado aos israelitas de Exipto se a estes non os guiara a necesidade de liberación. Necesidade como consiciencia de que necesitamos algo. Polo tanto, precisamos de condicións obxectivas, actores políticos e conciencia.

As condicións obxectivas son produto do devir histórico concreto dunha sociedade e desenvólvense independentemente da vontade dos homes. Teñen que ver coas penosas condicións de vida dos pobos, coa explotación que soportan as clases traballadoras e coa opresión política que sofren as masas. Son, polo tanto, circunstancias tanxibles, que poden ser cuantificadas e o único dos tres condicionantes que se cumpre actualmente no noso país. 



Podemos definir a crise do Estado Español como a incompatibilidade do actual modelo económico coa posibilidade de calquera atisbo democratizador, entendendo os programas de axuste como o mecanismo utilizado pola oligarquía para retornar ao anterior ciclo acumulativo e dar saída á crise do capital privado en España. Para levar a cabo esta empresa o bloque de poder precisa dun novo escenario xurídico-político, o que aceleraría o ritmo de descomposición da superestrutura institucional heredada do post-franquismo e sobre a que se edificou o réxime político deseñado na Transición. Se a isto engadimos os aspectos puramente ligados a sobredimensión do sector inmobiliario, así como a tradicional debilidade histórica do capitalismo español derivada da súa dependencia da financiación exterior como motor de crecemento económico, atopámonos nunha situación que supón na práctica a imposición dunha autentica ditadura do capital financieiro e a perda total da soberanía no deseño dun marco propio.  


A profundización das políticas de recortes, o continuo retroceso nos dereitos máis fundamentais así como a profunda regresión ideolóxica das élites gobernantes, provocan irremediablemente un recrudecemento do conflicto social, expresado nun aumento da movilización e da contestación popular, nas que  se vai xestando un bloque social alternativo entendido como o único actor político capaz de dar forma a unha gran alianza antineoliberal vertebrada polo movemento obreiro e sindical, os movementos sociais e a esquerda transformadora como referente político da cidadanía crítica e dos sectores populares tanto no frente institucional coma na organización da resistencia nas rúas. Falamos pois de liderazgos en plural que resitúen a contradicción capital-traballo como elemento central do debate político, nun momento no que se evidencia máis que nunca o maridaxe entre as forzas políticas maioritarias así como súa posición común na defensa dos intereses do capital privado. 


Pero de nada serven as condicións obxectivas e os actores políticos sen conciencia, sen que se produza un proceso de convencemento imperioso que impulse aos pobos e á xente a actuar. A devandita condición de subxectividade, a diferencia da material, non pode ser casual porque é sempre condicionada, preparada de antemán e pensada mesmo en momentos nos cales tan só opera na nosa imaxinación. Estas condicións subxectivas ou conciencia sempre están á espera de ser unha realidade, no que Jean-Paul Sartre denominaba o barro da historia. 


A resignación ante a realidade é maioritaria ao tempo que medra a indigación fronte a un réxime que podrece. O pobo aumenta día a día a súa experiencia enfrontado á realidade dun sistema que fai recaer a crise sobre as súas costas. Experiencia que xunto coas loitas que dela se deriven constituirá a base da concienciación social no noso país, o xerme da rebeldía como causa motriz dun cambio na correlación de forzas nun sentido emancipador, de clase e guiado por concepcións revolucionarias.

06/08/2013

Mostra de instrumentos tradicionais

Redacción.- A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) encárgase de organizar a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que este ano acada o seu XX aniversario e que constitúe unha das manifestacións artísticas de luthería máis antigas da península. 

Terá lugar os días 3 e 4 de agosto no marco incomparable do Festival de Pardiñas, en Guitiriz, e nesta edición congrega a trinta artesáns, que amosarán ao público a sin par riqueza da producción artesanal dos instrumentos que saen dos seus talleres; esta edición especial estará cargada de novidades e sorpresas.

Durante as xornadas do 3 e 4 de Agosto, no marco incomparable do Festival de Pardiñas, os trinta artesáns de instrumentos musicais cos que contará a mostra, abrirannos unha fiestra aos seus obradoiros amosando o seu bo facer.

02/08/2013

Concurso de cartelismo publicitario

Redacción.-

Bodegas Terras Gauda marida arte e viño no XI Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón, para o que conta co apoio de prestixiosas asociacións e universidade de deseño e outras disciplinas artísticas de todo o mundo, así como da Xunta de Galicia, entre outras entidades.

O Concurso Francisco Mantecón reparte 16.000 euros en metálico en premios (10.000 euros para o 1º premio, que será utilizado como imaxe da bodega o próximo ano); e 2.000 € para o 1º accésit, 2º accésit e a Mención Especial, respectivamente).

O prazo para presentar as obras finaliza o 30 de setembro.

01/08/2013