Cine-coloquio sobre "A Vía Láctea"

Redacción.- O vindeiro 31 de agosto terá lugar en Vilalba un cine-coloquio coa proxección de A Vía Láctea, película realizada por Luis Buñuel en 1969. Moderado por Ramón Chao e Moncho Paz, celebrarase ás 18:30 horas no Auditorio Municipal. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, o xornal A Voz de Vilalba e a plataforma cívica "Amigos de Prisciliano".

Como outras películas do universo Buñuel, A Vía Láctea trata de temas como o catolicismo, o comunismo e o surrealismo. O guión é do propio Buñuel e do francés Jean-Claude Carrière, que na cinta interpreta o papel de Prisciliano e que na actualidade é o presidente de honra da plataforma cívica “Amigos de Prisciliano”, fundada por Ramón Chao e Ignacio Ramonet.

A Vía Láctea é unha obra única na filmografía de Buñuel, e recolle todas as obsesións do autor. Dous peregrinos contemporáneos parten, como o fixeron desde a Idade Media, da Rue Saint-Jacques en París cara a Santiago de Compostela. O formato é o da tradicional narración picaresca na que unha parella de desposeídos sobreviven ao longo do trazado xacobeo. Asemade, é a narrativa aínda máis tradicional do cabaleiro andante e o seu escudeiro na procura busca da fe e da honra.

Como colofón deste acto, Ramón Chao interpretará ao piano "O lago de Como", que deu o título á súa primeira novela, publicada en 1983, e que foi finalista no Premio Nacional de Narrativa. 

25 de ago. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión