Esperpento

Fuco Paz Souto.-

Así, do mesmo xeito que Valle Inclán creou un novo xénero literario, Rajoy descubriu unha sociedade na que se distorsionan personaxes e realidades. O pasado xoves, na súa comparecencia no Senado, mostrouse non como o creador senón coma o mesmo Esperpento. Foi quen de distorsionar a realidade afirmando que se presentaba perante as súas señorías por iniciativa propia. A realidade? unha anunciada moción de censura, unha sociedade esixindo explicacións e sobre todo, o que máis teme, a prensa estranxeira clamando pola súa presenza no parlamento español.

Comezou cun discurso, iso si, moi preparado. Supoño que os oitenta asesores dos que dispón, ademais de redactalo tamén o obrigaron a que llelo lera en voz alta un por un. Parábase naqueles parágrafos que lle tiñan sinalado agardando polo aplauso doado e “emocionado” dos seus aduladores. Meu Deus! Mesmo semellaba ter medrado e engordado detrás do atril de oradores? Ouh! Érache o mesmo Timarco de Atenas quen falaba. Ollaba para os seus lambecricas e case estivo a piques de tocar a froita prohibida do paraíso. Rematou e, máis oufano ca un gato que ven de xaneira, dirixiuse ao seu escano. Sentou. Deseguido se ergueu, virouse e saudou facendo unha reverencia cara aos lambecús que aplaudían fóra do guión.
Mais...a medida que Rubalcaba, Cayo Lara, Rosa Díez e demais membros da oposición esixían a súa dimisión, o seu rostro de neno feliz, satisfeito, fachendoso e vaidoso íase trocando nunha faciana de tristeza, inseguridade, pena, pesar, abatemento, incomprensión do que estaba o acontecer. Velaí... El... Rajoy, que preparara un discurso a conciencia, que tiña o creto dos seus asesores e mais a admiración dos seus lambecricas, estaba sendo vilipendiado, insultado, desprezado...

Claro que o súper presidente, esquecera atacar o caso Bárcenas e mais o financiamento ilegal do seu partido con argumentos razoados e probas contundentes. Parece mentira que unhas fotocopias, dunhas copias feitas doutras fotocopias e, aínda por riba, engurradas, puidesen máis ca palabra do súper presidente.

Seica uns escanos máis atrás, o ministro Wert bisboulle tras unha orella estas palabras:
“Mariano no te preocupes. Esta panda de borregos son unos ijjjjjjjnorantes”.
Fin de la cita.

12/08/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión