'Os anos circulares' ata o 31 de agosto


Redacción.-

A mostra «Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia, 1994-2013» permanecerá aberta n'A Coruña ata o 31 de agosto e poderá ser visitada en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 h, sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h. Esta mostra, enmarcada nun proxecto cultural que abrangue tanto o eido expositivo coma o editorial, concíbese coma un conxunto de tres exposicións que, na súa totalidade, ofrecen unha visión anovadora sobre a arte galega contemporánea nas súas distintas manifestacións.


«Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia, 1994-2013» deixa constancia de que a mediados dos anos noventa se producen en Galicia varios feitos significativos que nos levan falar dun momento de cambio no eido das artes plásticas. Son momentos de sinerxías, do xurdimento de institucións específicas coma o CGAC, en definitiva, dunha realidade de infraestruturas que posibilita a formación e formulación dunha xeración diferente que agromará, a mediados da década dos 90, con exposicións colectivas coma «30 anos no 2000», conformada por artistas saídos da primeira promoción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que se reafirmou con exposicións posteriores coma «Novos camiñantes» ou ciclos expositivos coma «Miradas virxes». Con esta nova xeración déixase atrás a lentitude institucional de tempos pasados e ábrese paso a unha realidade infraestrutural capaz de deseñar o presente e o futuro inmediato coa implicación cada vez maior de profesionais da arte.

Os artistas que xorden ao amparo deste cambio teñen xa unha incipiente formación teórica, coñecen as linguaxes e o campo creativo, feito que lle permite ensaiar propostas particulares e, sobre todo, manexar unha serie de materiais que os han distinguir claramente das xeracións anteriores. Entre eles non existirán lazos distintivos, nin podemos falar de que compartan un imaxinario común, nin unha ollada común a un contexto determinado, mais si procuran os mesmos conceptos. A facilidade que teñen para cambiar de medio ou de ferramentas, o soporte teórico dos críticos, capaces de realizar reflexións que contribúen a definir unha actitude xeracional, será o que lles permita achegarse á imaxe dun xeito diferente, o que lles posibilite traballar indistintamente os estilos dunha maneira máis híbrida ou máis contaminada. Os nomes e as iniciativas que aparecerán na primeira década do século XXI beberán dos logros dos anos noventa, con exposicións realizadas a modo de balance coma «Urbanitas» e cun paulatino descenso das ofertas e das posibilidades nestes últimos anos de incerteza, que deixarán outra vez a moitos artistas sen xeración, sen posibilidades, coma se de cada vez houbese que comezar de novo, coma se os anos foran circulares.

Na exposición hai obras de artistas coma: Mónica Alonso, Misha Bies Golas, Vicente Blanco, Mar Caldas, Rosendo Cid, Antón Cabaleiro, Salvador Cidrás, Victoria Diehl, Suso Fandiño, Tamara Feijoo, Almudena Fernández, Félix Fernández, Fran Herbello, Jesús Madriñán, Tatiana Medal, Nano 4814, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Carlos Rial, Damián Ucieda, Manuel Vázquez e Diego Vites.

OBRADOIROS DE ARTE (4 a 12 anos)

Os novos artistas convídannos coñecer as súas obras máis imaxinativas. Arte para todos.
Todos os martes, mércores e xoves de xullo e agosto

Prezos:
9 € obradoiro completo
3 € sesión

Centro: ​Centro Sociocultural Novacaixagalicia A Coruña

Tel:​981 185 060

Dirección:​Cantón Grande 21, 23, ​A Coruña, ​A Coruña

Data de comezo: 19/06/2013

Data de finalización: 31/08/2013

Horario:

De luns a venres de 17.00 a 21.00 h, sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h

OBRADOIROS DIDÁCTICOS:
Horario infantil (4 a 7 anos) 10.30 a 12.00 h
Horario intermedio (8 a 12 anos) 12.00 a 13.30 h

17/08/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión