Tadashi Yamamoto en Burela

Redacción.- O alcalde de Burela, Xosé María González Barcia, recibiu onte no Concello ao antropólogo Tadashi Yamamoto, profesor da Universidade de Tenri, en Mara (Xapón). O acto tivo lugar ás 13 horas nas dependencias municipais. O profesor nipón estivo acompañado pola súa dona, Kazumi. Os convidados tiveron ocasión de coñecer a fondo a tradición pesqueira da vila, con visita á lonxa e tamén ao barco-museo boniteiro “Reina del Carmen”, construido en 1967 e que exerceu a súa actividade no mar ao longo de trinta anos.
Tadashi Yamamoto é un namorado da cultura galega, dende que hai cáseque dez anos fixo a súa primeira viaxe a Galicia e tivo a oportunidade de coñecer as nosas manifestacións culturais, amosando un especial interese pola música tradicional e pola lingua. De feito, dende que cursou o programa de galego para estranxeiros impartido polo Instituto da Lingua Galega (ILG), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fala fluidamente o noso idioma. Como parte da súa actividade docente en Xapón, organiza -en colaboración cos USC- estadías culturais en Galicia para os seus alumnos. Na actualidade, está a traducir ao xaponés as “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas.


Asemade, adícase aos temas antropolóxicos de México como festas calendáricas e cosmoloxía dos antigos aztecas, ritos agrícolas e sincretismo dos indíxenas contemporáneos, e movemento social e cultural dos migrantes indíxenas mexicanos nos Estados Unidos de América. Como persoal docente do Departamento de Estudos Hispánicos da referida universidade, dende o ano 2004 organiza o programa de lingua e cultura española en colaboración con Cursos Internacionais da USC.

28/08/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión