Convenio Deputación de Lugo-IESCHA

Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro (na fotografía), vén de reunirse con Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) de Vilalba, para asinar un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial apoia economicamente, con oito mil euros, o desenvolvemento da actividade anual desta entidade cultural.

A actividade do IESCHA contempla a celebración do Día da Cultura Chairega, que se celebra en setembro coincidindo co cabodano de Manuel María co espectáculo “Andando a terra. Uxía canta a Manuel María”, traballo musical sobre poemas do escritor chairego realizado por Uxía e Sérgio Tannus; a publicación de dous libros, obra de dous escritores contemporáneos chairegos do século XX, Cartas a Antón, de Bernardo García Cendán; e o libro de poemas ‘Fotogramas da desfeita’, de Martiño Maseda; así como dúas representación teatrais, ‘O asasino e o mordomo’, do grupo teatral a Contrabatuca, que se escenificou co gallo do Día das Letras Galegas; e ‘Historias de Branca Flor’, dirixida ao público infantil.

Ademais desta programación de actividades, o IESCHA desenvolve un importante labor de recompilación con diversas publicacións como cinco cadernos de estudos chairegos, cinco números da Revista Pena do Encanto, quince números da Biblioteca Chairega, ou catro facsímiles, entre outros.

Mario Outeiro destacou “o traballo realizado polo Instituto de Estudos Chairegos de cara a promoción da cultura da Terra Chá na comarca e na provincia. Estamos ante unha entidade que rexistra todo tipo de manifestacións culturais que deben ser obxecto de investigación e recuperación, como a arquitectura rural, composta principalmente por cruces e cruceiros; a música tradicional, a arte dos máis vellos oficios, e a literatura oral, entre outras”.

“Dende a área de Cultura da Deputación de Lugo apostamos pola investigación, o estudo, a conservación, a defensa e a difusión da Cultura Galega, especialmente no que se refire á lingua, á historia e ás tradicións da provincia de Lugo, xa que nos permite recuperar e conservar o noso patrimonio tanto material como inmaterial, algo que, na Terra Chá, cumpre á perfección o IESCHA, o que xustifica a nosa colaboración con esta entidade cultural”, concluíu o delegado.

30 de set. de 2013

A Syriza chairega

Moncho Paz.- Hai pouco máis de vinte e cinco anos nacía en Vilalba a Agrupación Nacionalista (AN). O momento decisivo para a súa formación tiña lugar co gallo das eleccións municipais de 1987; a maioría dos participantes daquela iniciativa política trataron de desenvolver unha plataforma común co obxectivo de rachar co bipartidismo existente ata entón.

Contra todo pronóstico, AN foi a gran sorpresa nos comicios daquel ano, polos apoios acadados e pola obtención dun concelleiro, quedando ás portas de conseguir o segundo por unha escasa marxe de votos.

Podemos dicir que aquel proxecto foi novedoso no seu tempo e tamén un antecedente doutros movementos que xurdiron máis tarde coa finalidade de aglutinar distintas sensibilidades da esquerda política e constituir unha oposición plural aos gobernos de corte neoliberal, como a coalición radical Syriza en Grecia e Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Galicia.

Mentres a Syriza autodeclarouse como un movemento ecosocialista, anticapitalista e altermundista, os principios fundacionais da AN reconecían aquel proxecto como unha alternativa nacionalista e de esquerdas, na que tamén tiñan cabida nacionalistas, socialistas desencantados, comunistas, ecoloxistas, trotskistas, socialdemócratas e galeguistas.

Aquela iniciativa política, inédita na historia política da Terra Cha, foi un xerme de novas ideas e mobilización social nuns anos de crise económica marcada polas reconversións industriais. A actual Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), liderada por Xosé Manuel Beiras –Anova Irmandade Nacionalista– e Yolanda Díaz –Esquerda Unida– lembra tamén a aquel proxecto de unión na esquerda, que concurriu cun programa social anticapitalista e na defensa dos intereses da vila; unha organización motivada para traballar para os cidadáns desde o Concello e frear a política antisocial da dereita; formada por un equipo novo e motivado, integraba a persoas con carisma político, persoal e profesional. E iso é precisamente o que demanda agora a sociedade.

29 de set. de 2013

Prezado amigo Palmeiro...

Manuel Fernández Rodríguez.- Había unha vez un neno que vivindo moi preto do mar, nun concello de mar como Barreiros, na costa de Lugo, nunca vira o mar. Isto pasaba antes nas aldeas. Non vos estrañedes os máis novos: eu o viaxe máis longo da miña primeira infancia fíxeno subido no carro de vacas do meu avó, enriba duns sacos de gran, para ver o muíño de Marzán. A tres kms da casa!

En fin, o neno ao que me refiro marchou tamén subido no carro de vacas do seu pai descubrir e falarlle ao mar, tan próximo e tan distante del, á praia da Area Longa. E alí contoulle o que vía por primeira vez a ese mar... Foi o mesmo día, día inesquecible, no que logo, á noitiña, tamén descubriu que había un aparello con luces no interior do que saían palabras... Era unha radio. Acababa de traela á casa un tío seu. A poucos nenos concedía daquela a providencia tanta maxia concentrada nun só día.

Por iso, ese neno quedou marcado para sempre. E decidiu que cousas así, cousas tan grandes, tiña que contalas, ou mellor aínda, que tiña que compartilas. Sería deste xeito como, xa de mozo, o destino o levou ao xornalismo para, xa sendo o Palmeiro, este Palmeiro querido de quen falo, dar co xeito de contalo. E hai corenta anos, xusto corenta anos, comezou a contalo sen parar.

Corenta anos ininterrompidos contandónolo desde os máis diversos medios galegos e españois. Desde La Voz de Galicia, da que foi delegado en Ferrol, desde a revista Teima, o primeiro semanal escrito integramente en galego, do que foi un dos animadores, desde a TVE en Galicia e, xa na democracia, desde a Televisión de Galicia, e sobre todo, desde a radio, desde Radio Galicia nunha primeira experiencia, e logo, desde 1982 a 1994, desde a mítica Radio Popular de Vigo, onde exerceu como xefe de informativos de Cope Galicia e se converteu nun dos referentes do xornalismo galego da democracia e a autonomía. Unha etapa esta que, por certo, me permitiu coñecelo ben estando eu en Cope Santiago, entre outros e outras, con Amelia González, con Celia Díaz, con Ana Balseiro, que aquí están tamén. En fin, unha etapa que me permitiu, que nos permitiu, telo como mestre e finalmente como amigo nunha radio que hoxe creo imposible por moitos motivos e onde eu, e outros, cobrabamos por aprender cada día de mestres como Palmeiro.

En fin, tamén as palabras coas Palmeiro contou chegáronnos desde os xornais El País, La Región, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, desde os libros nos que colaborou e escribiu, e desde as súas moitas charlas e conferencias.

O prestixio da súa figura foi tamén aproveitado para a xerencia, e daquela Palmeiro contou cos xestos como a mellor xestión é a do diálogo e o encontro. Fíxoo desde a dirección autonómica de Onda Cero Galicia, desde a dirección da Fundación Torrente Ballester e, por elección de nós, os seus colegas, desde o Colexio de Xornalistas de Galicia, do que foi o primeiro decano.

E tamén nolo contou desde experiencias de xornalismo dixital como o xornal Noticias del Camino, de APECSA, e desde as súas responsabilidades de comunicación no Consello da Cultura Galega e desde as asociacións e entidades do mundo da comunicación e do Camiño de Santiago ás que pertenceu e segue pertencendo. Cito, neste sentido, a Asociación de Periodistas e Estudos do Camiño, Apecsa, da que é vicepresidente.

En definitiva, hai acordo en que Palmeiro é un dos xornalistas imprescindibles da Galicia autonómica, unha das voces escoitadas naqueles tempos nos que aínda se escoitaba...

... Porque impoñía o seu bo facer, a súa profesionalidade. Era desa xente na que se percibe que hai algo máis, neste caso logo da súa voz reflexiva, cadenciosa. E eu, como outros, creo que o que había era sentimento, solidariedade, equidistancia. En definitiva,  compromiso, un compromiso sen matices co xornalismo informativo como servizo público. E, se o queredes máis concreto, como servizo a Galicia.

E quizais por todo isto, por ter a conciencia libre de cargas, nunca un enfado lle vin, como moito, como moito, unha desvaída aproximación a un cabreo unha vez ao ano, que non fai dano... Tampouco nunca unha crítica furibunda nin unha ofensa a ninguén. Nin en antena nin, o que é máis difícil e sorprendente, en privado. Como moito, como moito nestes casos, podía ter unha aproximación á fina ironía ou ao humor requintado, onde é tamén mestre inimitable, incansable, por veces, imparable. Non se pode ser malvado a carón de Palmeiro. Vístese cada mañá co traxe transparente da bonhomía.

E todo isto converteuno nun dos poucos seres de encontro e entendemento sen complexos que levo coñecido. Un valor, por certo, hoxe moi á baixa na Bolsa da Convivencia, pero que algún día, ou acabamos perdendo todos a razón ou ha volver cotizar alto nunha sociedade máis libre e xusta.

... Palmeiro, que sorte terte coñecido. E que sorte que sexas xa parte de nós.

Nós... eses que sabemos que máis que no tempo da xubilación, mereces entrar no tempo de soñar máis ca nunca, de imaxinar máis ca nunca, de escribir máis ca nunca, navegando o aínda non navegado, que tanto é! Permitídeme, neste punto, uns versos:

Quen dera ser nao senlleira
naquel mar non presentido
das xa mergulladas terras!

Quen dera ser nao senlleira!
Sen fito, estrela nin porto,
ser eu a propia ribeira!!!

Quen dera...!

Así cantou e soñou a nao senlleira, a de navegar o que vén, Fermín Bouza Brey.

Querido Palmeiro, pois iso, o mellor dos desexos: que máis ca nunca sexas NAO SENLLEIRA e a túa PROPIA RIBEIRA, desde o mar de Vigo á praia da Area Longa, esa onde lle falaches por primeira vez ao mar coa mesma palabra primixenia coa que logo nos falaches a nós e a tantos. Nao e ribeira para o que ha de vir, amigo, e nelas toda canta liberdade encontres na travesía e, permitíndome parafrasearte... e que cante o cuco.

Remato. Unha ringleira de apartas e bicos de palabras, Palmeiro, de todas e todos nós. Bicos e apertas ás que buscamos darlles a forma de todo canto nos levas contado. E, sobre todo, do que nos has contar de hoxe en diante, porque coñecéndote, o mellor está aínda por contar.

Grazas, Palmeiro. Un millón de grazas.


E, agora si, definitivamente, que cante o cuco! Que cante canto poida!

_______________
Na fotografía de Moncho Paz, o autor do artigo, á esquerda, xunto con Xosé María García Palmeiro.

Curso de ilustración de natureza

Redacción.-

O obxetivo deste curso é iniciarse no mundo da ilustración natural, que serve como ferramenta de traballo para naturalistas, estudiosos e interesados na natureza. Trataráse de aprender as principáis técnicas, os materiais máis utilizados e nocións sinxelas para poder sacarlle o maior partido as nosas saídas de campo con papel e lapis. Ademáis, sempre que nos sexa posible, os días que dure o taller remataremos a teoría con prácticas de campo ó aire libre, que é a mellor forma de aprender.

As clases serán polas mañás, dado a época do ano. Así aproveitaremos mellor a luz natural. O horario será de 10 a 14h, os sábados e domingos segundos de cada mes, a partir de outubro na Casa das Insuas. O curso durará 5 meses. O coste e de 20€/mes ou 15€/ se eres socio
Practicaremos a nosa capacidade de observación, xunto coa nosa memoria visual, volume…conceptos moi necesarios para debuxar animais. Tamén faremos un repaso ós principias materiais, técnicas… cor. Cada fin de semana trataremos un grupo de animais, así intentaremos ver o máis representativo de cada un. Pero todo o anterior iráse ampliando e aplicando con exercicios prácticos. Tamén dedicaremos un fin de semana á flora.

O obxetivo deste taller prolongado é que os propios alumnos practiquen pola súa conta durante o mes seguinte, poñendo en práctica o aprendido. Pode ser moi interesante xuntar todas as obras e comentalas no seguinte taller. Aprenderemos moito todos de todos.

PROGRAMA
1º TALLER:
Sábado 12 de outubro, de 10 a 14h

A ilustración da naturaleza ó longo da historia. A ilustración científica.
Principais materiais usados na ilustración.
O caderno de bosquexos. Practicar, experimentar, tomar apuntes.

Domingo 13 de outubro de 2013, de 10 a 14h.

O que hai que saber para debuxar seres vivos e natureza.

Conceptos no debuxo dos animais: Encuadre, estructuras en formas básicas, proporcións, volume, contraste, luz e sombras. A teoría do color.

Principáis técnicas e medios máis usados na ilustración. Acuarela, gouache, plumilla, ceras, lápices…

Exercicios prácticos no interior. Posta en común. Dúbidas e preguntas

2º TALLER:
Sábado 9 de novembro, de 10 a 14h.

O debuxo dos animais. A anatomía ósea e muscular. Anatomía comparada. A estructura básica a partir das formas básicas. Animais en movimiento.
Luz e sombras para determinar o volume. Perfil e modelado do debuxo.
Estudio do cabalo. Estructura básica. Distintas posicións.

Posta en común, preguntas e prácticas no interior/exterior. Coller fotos de animais, estudiar as súas formas, simplificar formas de mamíferos…
Claves, técnicas, consellos, trucos…

Domingo 10 de novembro, de 10 a 14h.

Os mamíferos. Estudio da súa anatomía. Anatomía comparada dos mamíferos. Anatomía comparada co home. Anatomía e movimiento.
O cráneo. Detalle da cabeza. Os ollos.
As patas. Extremidades en movemento.


Práctica de debuxo con cráneos de mamíferos. Debuxo dun mamífero real. (Ex.: un cabalo, un can, unha vaca…) Aplicación de cor e algunha técnica.

3º TALLER:
Sábado 14 de decembro, de 10 a 14h.

As aves. Estructura ósea e muscular. As plumas.
A cabeza. Picos.Ollos. Volume.
As patas e ás.
Posicións e movemento.

Debuxo de algún cráneo de ave. Toma de apuntes de aves ó natural, salvaxe ou doméstica (ex.: unha galiña)

Domingo 15 de decembro, de 10 a 14h.

Elección dun ave por parte do alumno e debuxo da mesma a partir do cráneo, documentación fotográfica e guías de campo.
Aplicación da cor usando as técnicas aprendidas anteriormente.


4º TALLER:
Sábado 11 de xaneiro, de 10 a 14h.

Os insectos. Descripción e partes dun insecto.
As bolboretas. Escarabellos. Estructura e forma.

Practicas debuxando algún exemplar de escarabello, bolboreta, libélula…
Recordaránse as técnicas anteriores. Traballaráse sobre o detalle, os brillos e a cor. Practicaráse a ilustración a tinta.

Domingo 12 de xaneiro, de 10 a 14h.

Os peixes. Anatomía dun peixe. Brillos, transparencias e cores.
Os réptiles e anfibios. Anatomía. Características para o seu debuxo.

Practicaráse algunha das técnicas do apunte, ceras ou acuarela. Deixaráse a persoa que elixa a súa técnica e vaia orientando a súa maneira de debuxar e as súas preferencias. Tamén se volverá a traballar coa tinta. Momento de experimentar.


5º TALLER:
Sábado 8 de febreiro, de 10 a 14h.

O debuxo da flora a través da historia. Importancia na botánica descriptiva.
A ilustración da flora. Apuntes, características máis frecuentes.
As flores. Simetría, encuadre. Volume.
As árbores. As coníferas, as caducas. Os brillos. As piñas, froitos…
Os fungos e os liques. As algas. Detallismo e realismo. Texturas.

Practicaráse o debuxo de algunha especie vexetal en vivo, se o tempo o permite. Senón, poderemos debuxar algunha flor cultivada ó natural ou algunha planta de interior. Interesante o debuxo das piñas, para practicar proporcións.

Domindo 9 de febreiro, de 10 a 14h.

A paisaxe como temática naturalista e documental.
Técnicas de debuxo de paisaxes
Os fondos nas ilustracións.
Paisaxes invernais, otoñais e primaverais. O xogo das cores.
Paisaxes costeiros, rochedos, acantilados e marinos.
A auga. Os brillos, as luces, os reflexos.

Practicaráse algunha técnica aprendida de acuarela e intentaráse facer una paisaxe. Pode ser inspirada, copiada ou da imaginación. O importante é soltarse e experimentar.

Algo pra seguir soñando

Agustín Fernández Paz.-

(A fotografía é de Inmaculada Reino: O Castelo de Cal da Loba, na Terra Chá; 1980)

TEMPO DE REGRESAR

Cando xa está a rematar setembro e os figos migueliños rebentan con tanta dozura como gardan, volvo a este milladoiro de lembranzas, ou de nostalxias, en que o blog se foi convertendo no transcorrer dos meses.

Abandoneino durante máis tempo do que pensaba, en parte por ese costume de facer unha parada coa chegada do verán, en parte porque andei a traballar na escrita dunha novela que me está a dar ben máis traballo do que supoñía. Lembrei ben veces un verso do poema “Os líquidos íntimos”, de Olga Novo (acostumada a tirar dun poema como por un becerro cando se lle ven as patas), porque levo, se ben con intermitencias, xa máis dun ano traballando nesta historia que transcorre ao longo dos anos sesenta. Iníciase o 12 de abril de 1961, cando Iuri Gagarin, a bordo da Vostok 1, viaxa ao espazo e efectúa unha órbita completa arredor da Terra; e remata o 20 de xullo de 1969, cando Neil Armstrong e Buzz Aldrin pisan por fin a superficie da Lúa.

Á novela aínda lle falta, mais iso non ha impedir que neste blog eu siga lembrando libros, películas, cancións ou cómics que, por unha causa ou por outra, foron importantes ao longo da miña vida. As persoas que tedes a paciencia de me ler xa sabedes de que vai; as que se acheguen de novas poden ir á primeira entrada do blog, onde escribín as intencións que me guiarían neste camiñar pola memoria.

Iso si: volvo ter o propósito de facer as entradas máis curtas; outra cousa será que o consiga.

E para iniciar esta nova xeira, non se me ocorre nada mellor que traer aquí a voz de Álvaro Cunqueiro. “Deloutro lado das montañas” é un poema extraordinario, onde Cunqueiro reflexiona sobre o oficio de escribir e a importancia da imaxinación. Velaquí:

DELOUTRO LADO DAS MONTAÑAS

Alguén dixo que non había cidades para soñar
deloutro lado das montañas.
Non dixo se estaban no áer ou asolagadas nas lagoas,
ou perdidas no corazón do bosque.
Os que foron acolá nada atoparon,
nin altas torres, nin xardíns,
nin mulleres fiando no adro,
nin un rapaz aprendendo a tocar a gaita.
Só eu trouxen algo pra seguir soñando
algo visto e non visto na néboa da mañán,
algo que era unha flor ou un melro de ouro
ou un pé descalzo de muller,
un soño de outro que se puña a adormecer en min,
deitado nos meus ollos,
pedíndome que o soñase máis acó das montañas,
onde non hai cidades pra soñar.

E agora ando soñando por oficio, e non sei
se son eu quen soño, ou é que por min soñan
campos, olladas azúes, pombas que xogan cun neno,
ou unha man pequena e fría que me aloumiña o corazón.

(Álvaro Cunqueiro: Outros poemas. Galaxia, 2011)


Lido no moi recomendable blog de Agustín Fernández Paz: http://agustinfernandezpaz.eu/blog/

27 de set. de 2013

III Xornada de Voluntariado

Redacción.-

O vindeiro domingo 29 de stembro dende a AGCT, dentro das accións do programa "Playas, voluntariado y custodia del territorio" da Fundación Biodiversidad, realizaremos a III xornada de voluntariado no entorno das Insuas do Miño en Rábade.

A xornada comenzará ás 10:00 h. e sairemos dende a Casa das Insuas.

Os interesados en participar nesta actividade deberán anotarse antes do xoves 26 de setembro chamando ao tfn. 620593892 ou ben enviando un correo ao enderezo custodiadoterritorio@gmail.com.

Máis información en custodiadoterritorio.org

26 de set. de 2013

IV Semana Cultural da Rocha

Redacción.-


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Santiago de Compostela, coa Asociación Cultural Rocha Forte e mais coa Asociación de Veciños da Rocha Vella nos actos de celebración da IX Cultural da Rocha, que acolle a mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego” dentro da súa programación de actividades.

A exposición, que prosegue a súa itinerancia polas localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, poderase visitar na sede da Asociación Cultural Rocha Forte ata o sábado 28 de setembro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurouna hoxe acompañado polo escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas. No acto de apertura da IX Semana Cultural da Rocha participaron tamén o rexedor compostelán, Ángel Currás; os concelleiros Francisco Noya e Rebeca Domínguez; o comisario da mostra “Querido Balbino”, Xosé Luís Reimóndez; os presidentes das dúas asociacións organizadoras, Carlos Delgado e Manuel Moure, respectivamente, e Xosé Ramón Fandiño, condutor do acto.

IX Semana Cultural da Rocha

A IX Semana Cultural da Rocha ofrece durante os vindeiros seis días unha ampla e completa programación cultural con actividades dirixidas a todos os públicos. Ademais da mostra “Querido Balbino”, pódese visitar na sede da asociación Rocha Forte a mostra “Luces e sombras na pedra”, integrada por unha colección de deseños de moda de Eva Bouzas.

O xoves 26 o cartel inclúe unha visita guiada de portas abertas ás ruínas do Castelo Rocha Forte, da man da arqueóloga María José Bóveda. O venres acolle unha conferencia do arquitecto Iago Seara arredor do patrimonio cultural da Rocha Vella, “O Camiño Portugués a Santiago, ao seu paso pola Rocha e o Castelo Rocha Forte”, coincidindo coa campaña arqueolóxica que se leva a cabo arestora no castelo.

O sábado 28 haberá, desde as 17:00 horas, actividades de chave, inchables e futbolín; ás 19:00 horas unha misa na honra de Santa Eufemia e a partir das 19:45 horas unha exhibición de danzas do mundo, da man da escola de danzas As Feiticeiras, e unha sardiñada popular con música en directo.
A mostra prosegue a súa xira pola RDL en Silleda, Cerceda e Carral

A exposición “Querido Balbino” leva en itinerancia por Galicia dende abril do 2011, cando fixo medio século da publicación en Bos Aires de “Memorias dun neno labrego”, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés).

Tras o seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais pola localidades de Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume, Zas, Castrelo de Miño e Santiago de Compostela, as vindeiras paradas da exposición serán os concellos de Silleda, Cerceda e Carral.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a obra que xa é un dos piares da literatura galega contemporánea.

Máis información aquí.

Axel Hütte no Kiosco Alfonso

Redacción.-

Baixo o título Axel Hütte. Paisaxe escindida, mañá xoves 26 de setembro preséntase no Kiosco Alfonso da Coruña unha exposición e un libro que inciden en como un artista como Axel Hütte (Essen, Alemaña, 1951) inaugura unha nova forma de mirar e reflexionar sobre a paisaxe como xénero.

A exposición, ademais de ser unha revisión sobre a obra de Axel Hütte, pretende ser unha reflexión sobre o seu traballo en relación coa historia da pintura, completándose cunha publicación que relaciona a súa obra con distintos momentos e artistas da historia da arte, a partir dun texto do comisario David Varro.

INAUGURACIÓN > XOVES 26.09.2013 / 20.00 H.
EXPOSICIÓN > 26.09.2013 ? 01.12.2013

*A inauguración contará coa presenza do artista.

25 de set. de 2013

O SLG en Bruxelas

Redacción.-

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, atópase esta semana en Bruxelas para participar en diversos eventos centrados na análise do sector lácteo europeo e as súas perspectivas de futuro a partir do ano 2015, cando se suprima actual sistema de cotas.

Onte, 24 de setembro, Isabel Vilalba participou na conferencia “O sector lácteo da Unión Europea: desenvolvemento despois de 2015”, organizada pola Comisión de Agricultura e Desenvolvento Rural1. Nesta conferencia estiveron o Comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, e varios expertos que analizaron de que xeito afectará a supresión dos controis na produción leiteira comunitaria a partir de 2015.

Segundo adiantou a secretaria xeral do SLG, o comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, recoñeceu na súa intervención que o final do sistema de cotas traerá canda si un incremento da produción que podería ocasionar graves desaxustes entre a oferta e a demanda, amais da volatilidade dos prezos, coa posible desaparición da produción leiteira en amplas zonas rurais de Europa onde este sector é o principal motor económico e de xeración de emprego, tal e como ten denunciado reiteradamente a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG.

Pola súa banda, Isabel Vilalba expresou a oposición do Sindicato Labrego Galego, e de todas as organizacións que forman parte da ECVC, á supresión do sistema de cotas sen articular ningún outro mecanismo de control da produción. En efecto, tal e como recoñeceu Ciolos, permitir a produción libre de leite na Unión Europea levará a que explotacións de corte industrial e sobredimensionadas asolaguen o mercado provocando a caída duns prezos que, agora mesmo, nin sequera cobren os custes de produción. Isto suporía a ruína para miles de explotacións de pequena e mediana escala, como a maioría das que existen no noso país, e mesmo de moitas de tamaño máis grande, para as que a produción leiteira deixaría de ser rendíbel nesas condicións.

Un informe da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) incide no mesmo: a supresión do sistema de cotas provocará un aumento da produción de leite na Unión Europea do 5% e unha redución dos prezos do 10%, porcentaxes que na Galiza serían superiores2. O caso de Suíza, onde tamén se abandonaron as cotas para producir libremente, é paradigmático: no país helvético aumentou a produción de leite nun 7% e os prezos en orixe sufriron caídas entre o 20% e o 30%.

É obvio que a supresión do sistema de cotas sen articular outro método de control alternativo sería catastrófica para o medio rural daquelas zonas xeográficas comunitarias nas que a produción leiteira é a principal actividade económica, como Galiza ou, a nivel estatal, a Cornixa Cantábrica; e levaría a unha concentración da produción en rexións con granxas máis industrializadas como o norte de Alemaña ou o Reino Unido. Diante destas previsións, Isabel Vilalba Seivane defendeu medidas efectivas que eviten prezos ruinosos e a desaparición de máis explotacións na Galiza e noutras zonas europeas.

A actividade da secretaria xeral do SLG en Bruxelas continua hoxe, 25 de setembro, coa celebración dunha xuntanza do Grupo de Traballo do Sector Lácteo da ECVC na que tamén participará. Neste encontro, analizaranse as conclusións da conferencia de onte, antes de deseñar e adoptar estratexias, tanto a nivel estatal como comunitario, para facer fronte aos cambios drásticos que se lle aveciñan ao sector leiteiro europeo.

Saúdos do gabinete de comunicación do Sindicato Labrego Galego

1http://ec.europa.eu/agriculture/events/dairy-conference-2013_en.htm
2http://www.coag.org/rep_ficheros_web/04a228598a0a20cfedae752bce1e941f.pdf

Recomendacions do COBG

Redacción.-

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) lembra as súas recomendacións para a xestión URXENTE dos montes incendiados
Boas prácticas de xestión recomendadas nun catálogo publicado xa en 2006 en colaboración con Amigos da Terra.

O incendio do Pindo foi controlado despois de calcinar case 2.400 hectáreas de monte que forma parte da Red Natura 2000. O resto de incendios de Galicia tamén parecen estar sendo extinguidos, o que non quere dicir que a vaga de lumes non continúe nos próximos tempos.

O máis importante agora é non acumular máis impactos sobre os ecosistemas forestais, que despois dun incendio están nunha situación moi vulnerable fronte a calquera agresión humana ou ambiental. Os factores esenciais en relación co solo son dous : a pendente do terreo, que o fai moi erosionable se é moi acusada, e a vexetación que protexe a este solo, tanto na parte aérea como na subterránea.

O que hai que facer:
Son varias as boas prácticas que podemos aplicar, pensando na conservación dos
ecosistemas tras o lume, sobre todo
- Evitar a erosión do solo, talando o máis tarde posible e o menos posible.
- Reter o solo ao máximo repartindo mulching de palla ou de virutas en zonas con forte pendente ou en zonas próximas a regatos e ríos; deixando os restos forestais ou de podas sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía; poñendo filtros vexetais como feixes preto dos cauces dos ríos, para frear os arrastres do solo e evitar a contaminación das augas.
- Favorecer a alimentación e o refuxio dos animais, especialmente das aves, que actúan como dispersantes de sementes e axudan á recuperación da vexetación.
O que non hai que facer:
- Pisotear as zonas queimadas, porque se aumentaría a erosión.
- Cortar árbores ou romper pólas, porque supoñen unha boa protección contra a erosión por chuvia.
- Realizar sacas de madeira tempranas e de xeito agresivo.
- Laborear e roturar o solo.
- Utilizar maquinaria pesada ou agresiva.
- Asustar ou danar á fauna.
- Pastorear demasiado pronto, para evitar os efectos do gando sobre o solo e a vexetación.
É absolutamente fundamental que as tarefas de restauración non se fagan con técnicas agresivas porque algunhas delas causan máis erosión que o propio incendio. Temos que impedir por todos os medios que se dilapide a fertilidade dos solos forestais de Galicia e simultaneamente que se danen os ricos ecosistemas litorais a causa dos arrastres de materiais deses solos, arrastres que chegarán coas fortes chuvias do outono.
Desde o COBGA propoñemos outra vez máis unha política que prime a prevención do lume incluíndo, entre outras medidas, a educación ambiental e o aproveitamento integral e diversificado do monte. O monte ofrece recursos educativos importantes e bens materiais e ambientais diversos e valiosos. Por exemplo, se calculamos a cantidade de biomasa queimada neste ano 2013, comprobaremos a cantidade de enerxía non aproveitada e mesmo o seu valor en millóns de euros. Pero por riba desta consideración económica tan clara aínda está o enorme valor ecolóxico e social do monte galego. A sociedade galega ten que reaccionar ante estes graves impactos ecolóxicos nos montes e nas augas. O patrimonio biolóxico en ámbolos dous tipos de ecosistemas queda fortemente empobrecido, e mesmo o seu potencial
produtivo queda reducido.
Para máis información, http://www.biologosdegalicia.org/pdf/portada/diptico_incendios.pdf
Colexio Oficial de Biólogos de Galicia
981-53 14 40 comunicacion@biologosdegalicia.org

Contra a devastación forestal

Redacción.-

A Asociación de Medios en Galego pídelle á sociedade galega que tome conciencia da importancia e riqueza forestal; e aos gobernantes que fagan unha verdadeira política forestal baseada na ordenación e na prevención dos nosos montes.

Compostela, 19 de novembro de 2012. Parecía que iamos pasar un verán bastante tranquilo. Parecía que a tétrica estampa do 2006 non se ía repetir. Pero tan só 8 anos despois, Galicia volve aparecer nas cabeceiras de todo o Estado cun negro protagonismo. Máis de 20.000 hectáreas foron pasto das lapas durante este verán, un terzo durante setembro. E non semella que sexa froito da casualidade.

A AMEGA vese na obriga moral de facer un chamamento á sociedade e aos poderes públicos para que se conciencien da necesidade de traballar conxuntamente polo futuro do país. Por iso, pon en marcha unha iniciativa colectiva na que vincula a a case 20 medios de comunicación na difusión dun comunicado conxunto e un banner publicitario que chama a concienciación na defensa dos nosos montes. É unha campaña social, sen axudas públicas, que só ten coma finalidade o ben público.

Agora é tempo de sacar conclusións, como outras tantas veces que nos atopamos cos bosques queimados. Pero unha e outra vez tropezamos ca mesma pedra. Non houbo un só goberno que prantexase un verdadeiro Plan de Ordenación Forestal nun país onde a madeira é unha das principais industrias e onde as árbores son os nosos maioritarios habitantes.

Sen política de prevención
Galicia segue sen ningunha política de prevención. As brigadas comezan a traballar cada ano máis e máis tarde, e xullo xa non é mes para traballar na limpeza e no desbroce dos montes. E se o aforro é un argumento, realmente compensa que haxa máis de 7.000 efectivos na extinción sen facer ningún esforzo na prevención? Realmente compensa economicamente despois mobilizar técnicos, axentes forestais, brigadas, motobombas, helicópteros, hidroavións e ata efectivos da UME para sofocar como aconteceu nos graves incendios do Barbanza, Cualedro, Oia-O Rosal, ou o Monte Pindo.

Pero, unha vez que xa temos a desfeita diante de nós, cómpre tomar cartas no asunto. Hai que investigar cales son as causas, quen son os culpables. E aí todos temos traballo, toda a sociedade galega; medios de comunicación, administracións e, por suposto, os veciños. Moitas son as que saen nas conversas, nos medios menos institucionais... Pero poucas as respostas.

Tamén as forzas de seguridade teñen que facer unha verdadeira investigación policial en todos os casos, dobrando esforzos en casos tan lamentables como os de Oia, Cualedro, A Fonsagrada ou Carnota. Pero a veciñanza ten que respostar vixiando, informando ao 085, e sobre todo, denunciando aqueles movementos estranos que vexa nos noso montes. Agora máis que nunca, non hai que ter medo de ir ao monte.

Non podemos esquecer que as consecuencias dos incendios en Galicia agrávanse dende mediados do século pasado pola progresiva desertización do campo e o abandono do medio rural. Nos últimos anos, e de xeito moi continuado o lume espállase polos montes e milleiros de árbores e mato vólvense cinza e miseria.

O número de incencios apenas diminuiu o que nos sinala que moitas das causas estruturais dos lumes nos montes galegos seguen existindo.

Por unha política forestal global
Máis alá das medidas a curto e medio prazo, Galicia necesita unha política forestal global, que contribúa a dar valor ao monte e que aposte pola fixación da poboación no medio rural. Todo iso na liña das conclusións das xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega no 2006.

En Galicia fai falla unha fonda reflexión. Por iso, a Asociación de Medios en Galego fai un firme chamamento a toda a sociedade galega para que tome conciencia da importancia e r iqueza dos nosos montes, e especialmente, que obrigue aos nosos gobernos, sexan da cor que sexan, a facer unha verdadeira política forestal baseada na ordenación e posta en valor dos nosos montes.

19 de set. de 2013

Mostra Fotográfica da Terra Chá


Redacción.-


No pasado mes de xuño, o Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba organizou o I CONCURSO FOTOGRÁFICO “TERRA CHÁ’2013” participando no mesmo un importante número de persoas que presentaron un total de 76 fotografías, resultando premiadas tres delas.

Pois ben, a partires do 20 de setembro e ata o 18 de outubro do presente ano, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, o IESCHA, para dar continuidade a ese concurso, organiza unha mostra na que se poderán contemplar todas as fotos presentadas ao mesmo: as 3 gañadoras e as 73 restantes. A temática escollida para esta 1ª edición fora a de “Paisaxes da Terra Chá (rural ou urbana)”.

A inauguración da exposición terá lugar o venres, día 20 de setembro, ás 20:30 horas, na referida sala do Auditorio Municipal. Así mesmo, durante a inauguración, levaremos a cabo tamén a entrega de premios aos gañadores do I Concurso e que a continuación se relacionan:

1º PREMIO
TÍTULO: RIOVERDE
AUTOR: FERNANDO ROMÁN AREÁN, DE AMES
CANTIDADE: 300 €

2º PREMIO
TÍTULO: AS DÚAS TORRES
AUTORA: ANA ANIDO TRASTOY, DE VILALBA
CANTIDADE: 200 €

3º PREMIO
TÍTULO: ALTO DE BOIZÁN (Ponte sobre a A8)
AUTOR: BRAIS GONZÁLEZ ROUCO, DE VILALBA
CANTIDADE: 100 €

Criminalización da loita contra as minas

Redacción.-

Foi o 2 de xuño de 2013, ao celebrar o Día do Medio Ambiente coa tradicional manifestación
conmemorativa. Este ano, a convocatoria xirou sobre o tema que máis preocupa neste momento
a ecoloxistas e cidadanía en xeral: a minaría a gran escala como proposta económica para Galiza.
De xeito inesperado, o pasado 9 de setembro, o colectivo Verdegaia -que forma parte da
plataforma ContraMINAcción1, organizadora das protestas- recibiu unha multa de 450 € por
supostos “destrozos coincidindo co paso do grupo polos locais afectados”. Eses danos incluirían
pintadas de temática diversa en locais comerciais e o lanzamento de dous botes de fume.
“Se os feitos detallados na denuncia se produciron diante dos axentes da policía, por que esta
non actuou nese momento? Parécenos unha neglixencia pola súa parte, dificilmente crible
tendo en conta o seu habitual exceso de celo nas manifestacións. Ou é que nos atribúen os feitos
sen teren a certeza de que se produciron ese día e como froito da manifestación?”, pregúntase
Nela Abella, da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. “Se o que pretenden é que quedemos na
casa vendo a tele en vez de mobilizarnos, que o vaian esquecendo”, engade.
Nacho Jorganes, representante do colectivo Verdegaia a nome de quen veu a multa, nega as
acusacións: “En ContraMINAcción non temos coñecemento algún destes feitos, nin moito menos
está involucrada nos mesmos”. Tampouco os múltiples medios de comunicación, reflectiron nada
diso nas moitas noticias publicadas o mesmo día e nos días seguintes2.
Para Margarida Prieto Ledo, do Sindicato Labrego Galego, “trátase dun claro intento por parte da
Xunta de criminalizar a protesta social, ademais de intimidar e coaccionar a quen se opoñen aos
seus destrutivos plans de levar a cabo proxectos mineiros a gran escala”.
Guadalupe Rodríguez, de Salva la Selva, vai máis alá ao afirmar que “os gobernantes fanse
cómplices de empresas mineiras sen escrúpulos que intentan saquear o territorio galego, marchando co pouco ouro e outros minerais que se encontran no subsolo, nun intento de
enriquecerse non tanto coa propia explotación mineira, senón máis ben co proceso especulativo
en torno á mesma, como as subvencións que obteñen dos nosos cartos públicos ou mediante o
xogo na bolsa canadense”. Ademais, ContraMINAcción oponse ás actividades mineiras a gran
escala en toda Galiza, polos perigos que implican para a saúde da poboación e para o medio
ambiente.
En todo caso, todos cos colectivos que pertencen a ContraMINAcción coinciden en considerar
que “dende logo imos recorrer os 450 € que nos reclaman por supostos danos sucedidos o día da
manifestación pacífica pero, en todo caso, quedan a conta dos millonarios danos que a Xunta
está a causar a Galiza cos seus destrutivos proxectos mineiros”.
Con esta multa, a Xunta dá continuidade a un claro proceso de criminalización da protesta social
que xa teñen sufrido outros colectivos e plataformas na Galiza. Tentan transmitir a quen non está
de acordo coas súas políticas a mensaxe de que, desde agora, protestar pode saír caro. E mostran
que a vara de medir é diferente á hora de aplicar a lei para coas empresas mineiras estranxeiras
ou para coa xente galega de a pé.

1http://www.mineriagalicia.org/colectivos-que-formamos-a-rede/
2Ver por exemplo: "Que non arrasen Galicia nin por todo o ouro do mundo, en: http://praza.com/movementos-sociais/4652/que-non-arrasengalicia-
nin-por-todo-o-ouro-do-mundo/); Manifestación nacional contra a minaría salvaxe (Video, Compostela, 2/06/13), en
http://www.youtube.com/watch?v=cevLnTDSAEc; Manifestación en Santiago de Compostela en contra de los megaproyectos mineros, en
http://www.praza.com/movementos-sociais/4652/que-non-arrasen-galicia-nin-por-todo-o-ouro-do-mundo/); Miles de personas protestan en
Santiago contra los megaproyectos mineros, en http://www.galiciahoxe.com/galicia/gh/arranca-en-santiago-la-manifestacion-contra-lamegamineria/
idEdicion-2013-06-02/idNoticia-809753/); Una multitudinaria manifestación exige la retirada de los grandes proyectos mineros de
Galicia, en http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/06/02/multitudinaria-manifestacion-exige-retirada-grandes-proyectos-minerosgalicia/
00031370175518967295496.htm



18 de set. de 2013

Reimprímete ou o valor do produto gráfico


Redacción.-


O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego (CPGLg) celebrará mañá 19 de setembro, en Santiago de Compostela, o foro "Reimprímete", co obxectivo de poñer en valor o produto gráfico e alcanzar sinerxías e oportunidades de negocio entre as empresas participantes.

A comunicación gráfica vive nun ámbito hostil, onde a modernidade parece vir da man de aparatos tecnolóxicos pero, onde tamén, a realidade indica que cando un contido interesa, acaba sendo impreso.

A cooperación empresarial e a innovación dos procesos organizativos e produtivos, son hoxe as vías para que as empresas poidan ser competitivas.

Para conseguir os obxectivos previstos en "Reimprímete", o CPGLg contará coa colaboración especial da Asociación Galega de Editores (AGE) e co apoio da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia (AEAGG), da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) e do Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia.

Posta en valor do produto gráfico e casos de éxito

"Reimprímete" terá lugar o 19 de setembro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19).

Dará comezo ás 10:00h. cunha presentación a cargo dos presidentes do CPGLg e da AGE, Jacobo Bermejo e Manuel Bragado, respectivamente.

Ás 10:30h. da mañá, o editor, escritor e xornalista, Juan Cruz, pronunciará o relatorio: "A tinta no es solo simpática".

Logo dunha pausa para o café, ás 12 comezarán as exposicións dos casos de éxito. Concretamente, participarán cunha duración de 30 minutos cada unha, representantes do Grupo Arnoia, a Feira do Libro de Madrid e Netex.

Ás 16:00h. continuarán os casos innovadores de éxito coa Editorial Kalandraka e con Tórculo Artes Gráficas.

Media hora máis tarde, ás 17h., Javier García, secretario da APG, moderará un debate sobre as conclusións do foro.

Javier Aguilera, director do Igape, clausurará Reimprímete ás 18 h.

Este evento é gratuíto e conta co financiamento do Igape, a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Por motivos de aforo, é necesaria a inscrición previa no teléfono: 881 977 102 ou no correo electrónico: comunicacion@clustergrafico.com.

III Xornadas sobre Migracións Indianas

Redacción.-

O vindeiro 22 de setembro celebraranse en Santaballa, organizadas pola Liga santaballesa, as III Xornadas sobre Migracións Indianas co seguinte programa:

13:00 horas.- presentación da mostra - exposición LUCES DE ALÉN
MAR. As escolas de americanos en Galicia, a cargo de Ramon Villares Paz, (presidente do consello da cultura galega) Vicente Peña Saavedra (comisario da mostra)
14:15 horas.- pezas do mediodia a cargo do grupo os modernos
15:00 horas.- xantar chorizos costela e liscos, postres viño e refrescos prezo de 7 euros.
16:00 horas.- actuación das CANTAREIRAS DE ANDRADE
16:30 horas.- xogos tradicionais para todas as idades
17:00 horas.- actuación de BLOQUIÑO DE XERMOLOS
17:30 horas.- habaneiras a cargo da CORAL POLIFÓNICA VILALBESA.
18:00 horas.- presentación dos traballos do liño, a cargo da
ASOCIACIÓN DE MULLERES DE SAN BARTOLOMEU DE INSUA
18:20 horas.- espectáculo-presentación do Traballo do Afiador a cargo de PEPE PENABADE
19:00 horas.- o espectáculo musical da orquestra OS MODERNOS
20.00 horas.- queimada popular teatralizada con MANOLO FERREIRO - RUBIÑOS.
20:30 horas.- foliada da noite coa orquestra SINTONIA DE SANCOVADE
Postos de venda e demostracións de traballos de artesans da época indiana durante toda a tarde Todos os que desexen participar con postos de venda ou en demostracions poden reservar stand nos nº 655786112 - 652790220
Venda de invitacións para o xantar en cooperativa de santaballa ou reservas nos teléfonos arriba anotados.

15 de set. de 2013

Preséntase en Lugo 'A fazaña da liberdade'

Redacción.- 

Mañá xoves 12 de setembro preséntase ás oito e media no Pazo da Deputación de Lugo o documentario Alexandre Bóveda: A fazaña da liberdade, do estradense Senem Outeiro.

O film rodouse co motivo da celebración do 110º aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda e a producción correu a cargo da Fundación Alexandre Bóveda e de Filmika Galaika.

"A Fazaña da Liberdade" conta coa participación de numerosos persoeiros que desenvolven coas suas testemuñas e coñecementos a historia vital do noso protagonista: Xosé Manuel Beiras, Isaac Díaz Pardo, Xavier Vence, Avelino Pousa Antelo, Xosé Lois Bóveda, Francisco Rodríguez, Amelia Bóveda, Francisco Carballo, Justo Beramendi, Fernando Quintela Novoa, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Valentín García Bóveda e Carlos Velasco.

Para mais información do proxecto: http://afazanhadaliberdade.wordpress.com/

11 de set. de 2013

Antonio Murado na Vilaseco Hauser

Redacción.-

A Galería Vilaseco Hauser de A Coruña presenta desde o 12/09/2013 até o 15/11/2013 unha mostra da obra de Antonio Murado, o pintor lucense de maior proxección internacional. A súa obra ofrece un enfoque experimental con series de tramados, superficies e vexetais. A súa pintura entra con éxito nos circuítos comerciais a través de diversas galerías de todo o mundo, e os seus cadros alcanzan unha alta cotización.

Galería Vilaseco Hauser
Calle del Padre Feijóo, 5
15004 Coruña (A), A Coruña
981 21 75 08
Luns a Venres: 11:00-14:00 h. | 17:00-21:00

10 de set. de 2013

Destrozos dos xabaríns

Redacción.-

O Sindicato Labrego Galego volve reclamar da Consellaría de Medio Rural unha resposta efectiva diante dos estragos que están a causar as laradas de xabarís nas leiras de millo forraxeiro, cultivo indispensable para a mantenza do gando e para aforrar nos custes de produción da alimentación animal nas explotacións gandeiras.

A semana pasada, a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), publicaba un estudio no que revelaba que o gasto medio en pensos aumentou un 15'8% nos últimos cinco anos, de maneira que agora o desembolso en concentrados alimenticios para o gando supón xa o 52'2% dos gastos totais dunha explotación. Esa é unha das principais razóns para que o cultivo do millo forraxeiro se estea incrementando ano tras ano, cultivándose na actualidade case 65.000 hectáreas na Galiza, segundo a superficie declarada na solicitude da PAC de 2012. Estas cifras evidencian que os cultivos de millo forraxeiro destinado a alimentación animal son vitais para a economía das explotacións, xa que producir forraxes propias para alimentar ao gando diminúe considerablemente os custes de produción.

O problema na Galiza é que, a pesares de termos un clima idóneo para producir millo forraxeiro, o seu cultivo faise case imposible por mor dos ataques do xabaril, que estraga as leiras en todas as etapas do proceso produtivo, dende o fresado da terra e a sementeira até o intre da recolección final. Segundo o coordinador dos Sectores Gandeiros no SLG, Xabier Gómez Santiso, “este ano está sendo peor que os anteriores, e os xabarís están a aniquilar a colleita de millo nas zonas onde este cultivo é importante, coa conseguinte perda de miles de euros por explotación”.

Lonxe de facer algo para paliar e compensar estes danos, a Xunta desmantelou as escasas e deficientes medidas de prevención e protección que existían no pasado. Pola súa banda, os Tecores (os “territorios cinexeticamente ordenados” que substituíron aos cotos de caza) amósanse completamente inútiles á hora de manter controlada a poboación de xabarís na Galiza, que levan anos actuando como unha auténtica e destrutiva praga.

Para o Sindicato Labrego, é inxusto que teñan que ser os labregos e labregas os que custeen a mantenza da fauna salvaxe de Galicia a costa de ver aínda máis minguadas as súas cativas rendas. Para Xabier Gómez Santiso, “é necesario que un patrimonio colectivo da sociedade como é a fauna salvaxe, sexa custeado pola propia sociedade a través do erario público e dos nosos impostos. Polo tanto, a Xunta de Galicia debe pagar estes custes ás persoas que os están financiando: fundamentalmente, as explotacións agrarias e, en xeral, toda a xente que vive no medio rural”.

Revista avozdevilalba.com de agosto 2013

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 63 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de agosto de 2013. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

Uxía canta a Manuel María

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba escolleu o espectáculo ‘Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María’ para conmemorar o Día da Cultura Chairega no IX Cabodano do Pasamento do poeta da Terra Chá. O acto está financiado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Dende aquel primeiro cabodano de Manuel María, organizado polo IESCHA en setembro de 2005, polo Día da Cultura Chairega teñen pasado grupos tan senlleiros como Milladoiro, A Quenlla, Vichelocrego, Xarín ou Buxos Verdes; téñense proxectado películas coma “18 Comidas” de Jorge Coira; realizado recitais poéticos ou dramatizacións de obras de Manuel María; conferencias, mesas redondas, presentacións de libros, etc. Este ano 2013 será a cantante Uxía a encargada de poñer voz á xornada cos temas do seu disco máis recente. Será o venres 13 de setembro, ás 20,30 no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será totalmente gratuíta.
Os versos do poeta da Terra Cha convertidos en fermosas cancións escoitaranse no epicentro da súa lembranza e no medio dun ambiente de exaltación do patrimonio material e inmaterial deste singular territorio que Manuel María viviu, cantou e amou. Uxía estará acompañada polos músicos Sergio Tannus, Paulo Silva e Santi Cribeiro. Un trío de luxo para este espectáculo que naceu trala emotiva estrea-presentación do disco no Teatro Colón da Coruña en setembro do pasado ano. Ante a excelente reacción do público, a Fundación Manuel María, autora da idea, e O CABLE INGLÉS|Cooperativa Cultural, responsable do management de Uxía, decidiron producir o espectáculo “Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María”.
En palabras da propia Uxía, o repertorio de ‘Andando a Terra’ é “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face”. Seguindo o seu exemplo, a cantante quixo arroupar a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas, para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado. Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa natal que quixo tanto, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso, tamén se inclúen neste espectáculo adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', que xa fora cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' á que xa puxera voz María Manuela.

9 de set. de 2013

Casa da Cultura para Manuel María

Redacción.- Esta mañá tivo lugar en Vilalba un acto de reivindicación cultural, organizado polo colectivo de Anova Irmandade Nacionalista na Terra Cha. Os seus representantes esixiron ao Concello a outorgación do nome do poeta Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2003), cantor da Chaira e poeta nacional de Galicia, á Casa da Cultura da vila.

O voceiro desta agrupación política no acto celebrado hoxe, o vilalbés Manolo Roca, lembrou a traxectoria vital e literaria de Manuel María, autor dunha ampla obra poética traducida a varios idiomas, e que comezou a súa vida cultural en Lugo, nas tertulias de postguerra animadas por Luis Pimentel e Ánxel Fole, entre outros. Roca reivindicou a figura de Manuel María e a necesidade de que as novas xeracións teñan oportunidade de achegarse ao universo dun dos máis importantes poetas das nosas letras contemporáneas.

8 de set. de 2013

XXXIX Premio Modesto R. Figueiredo

Redacción.-

Preséntanse as bases do XXXIX Certame Nacional Galego de narracións breves “PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO” ano 2013:

1.FINALIDADE DO PREMIO

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Maside (Ourense) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR

Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR

Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas
mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN

As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado
sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 1 de novembro de 2013 a algún destes enderezos:

FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela

CONCELLO DE MASIDE.
Praza Maior s/n 32570 Maside


Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno.No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de
publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5.PREMIOS

A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico).

(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores ou autoras.

6.XURADO E DECISIÓN

O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria
designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA )e do Concello de Maside ( Ourense).Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).

(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a
coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7.ENTREGA DE PREMIOS

Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto
organizado polo Concello de Maside ( Ourense) na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R.Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con
capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as bases deste Certame.








A navalla de Manuel a Paco Martín


A NAVALLA DE MANUEL MARÍA ESTE ANO PARA O PACO RAMÓN MARTÍN LAMOTE

David Otero.-

Non hai pegha. Cada ano desde o ano cinco deste século e xustamente o oito de setembro, logo do acto de cabodano, a afectos e lealdades, de Manuel María, coa presenza de tantas e de tantos e en especial de Saleta e outros membros da Fundación Manuel María, alí na Campa de Outeiro de Rei, con ofrenda floral e poética e despois cantando a unha voz o poema O Carro musicado por Mini e Mero ( estando tamén os cantores Tino Vaz, Miro Casabella, Quintas Canella e o gaiteiro nubeiro Raul Galego), collemos e imos á carballeira da Sta Isabel, lugar determinado a moi significado para o noso poeta nacional e de advocación por tal,ben sabida por todas e todos nós.Pois ben, alí ao andar das augas do río pai Miño ( con fillo ilustre de cerca o reghato do Cepelo), ano a ano e de man a man, a cada delas máis xenerosas e merecentes, celebramos o acto de entrega da NAVALLA DE MANUEL MARÍA, e así foron téndoa Alfonso B.Torrado, Mini e Mero, Camilo Gómez Torres, Avelino Pousa, Xulio Xiz, Darío X. Cabana, quen lles escribe, Valdi e este ano Paco Martín ( e direino tamén a chamo como no título de arriba PACO RAMÓN MARTÍN LAMOTE, decátanse o por que…?).

A idea deste agasallo foi da Irmandade Manuel María da Terra Cha e da A.C. Xermolos de Guitiriz, baseado na amizade e na firmeza crente a Manuel María. Dicir pois que de moitas e de moitos é ben sabido que Manuel, o noso poeta, fose onde fose, poderíamos dicir que sempre, á hora de meter un bocado botaba man da súa navalla para dividilo e levalo á boca.Tamén para compartilo se for o caso. A navalla para el era algo fundamental e parte de si. Usábaa con ánimo de ao facelo establecía feitos de compartir e de convivir.A navalla como símbolo de familia tribu en fraternidade e de comuñón no ser e no sentir compartido.

Desta maneira nós o día oito na Carballeira de Santa Isabel entregaremos a navalla ao lugués Paco Ramón Martín Lamote e el recibiraa do facedor de ideas soñadas, do creativo, “ O Valdi” e así unha doa máis que engadir ben contentos ao ronsel de ben desta ringleira de boa xente así recoñecida pola tamén boa que concorre cada ano ao cabodano de Manuel María. E faremos este acto na comuñón de ser, de pensar a nobreza, na identidade nosa galega, rus e cidadá. Todo así co acompaño do viño de Sober, o pan de Boimorto, o queixo de Ulloa e Tabeirós e ao mellor se os hai en sazón tamén de figos docísimos do Casal de Dozar de Sarandón de Vedra. Todo a padal de alegría e irmandade, en diversidade e equidade, confluíndo no sermos e no compartir, todo no fío común dos afectos a Manuel de Hortas el xa con casa da súa Fundación que se inaugura en Outeiro de Rei o día sete deste mes a véspera do seu cabodano.
E así nós diremos:

Ben contentos temos que estar,
quen queremos ao Manuel.
Imos ao seu memorial
con afectos xigantes por el .

A ano véspera do de Díaz Castro da Chaira

7 de set. de 2013

Día Nacional Manuel María


Redacción.-

O vindeiro domingo, 8 de setembro, celebrarase o Día Nacional Manuel María organizado pola irmandade Manuel María da Terra Cha e a A.C. Xermolos de Guitiriz co seguinte:

PROGRAMA DE ACTOS

14:00 h XANTAR DE IRMANDADE NO RESTAURANTE RIO LADRA entre Rábade e Penas de Rodas
para reservar char ao tfno 646 641 3890 ou xermolos@xermolos.org

17:30 h RECITAL POÉTICO A LECTURAS DE MANUEL MARÍA EN PENA DE RODAS

18:30 h ACTO DE AFECTOS E LEALDADE A MANUEL MARÍA, MEMORIA E BEN, no cemiterio de Outeiro de Rei.OFRENDA FLORAL ( trae unha flor).Lecturas ao Manuel.

19:30 h NA CARBALLEIRA DE STA ISABLE ( devoción máxima de Manuel María) ACTO DE ENTREGA DA NAVALLA DE MANUEL A PACO MARTÍN e así de seguido acto musical e de irmandade fraterna ao ir das voces de Mini e Mero, Miro Casabella e nos saberes compartidos de pan de Boimorto, queixo de Ulloa e Tabeirós e viño de Sober.

6 de set. de 2013

A suba das taxas discrimina ao rural

Redacción.-

A Xunta vén de incrementar nas últimas semanas o custe das escolas infantís e do servizo de comedor escolar nos centros educativos. A medida terá unha forte repercusión nas familias labregas que, por mor vivir no rural, moitas veces a grandes distancias dos centros escolares onde estudan os seus fillos e fillas, están na obriga de pagarlles o servizo de comedor por ser inviable que veñan comer a casa. Así, terán que pagar até 4,5 € por xantar, segundo a orde publicada pola Consellaría de Educación no DOG1. Dado que o curso escolar 2013-14 terá 177 días lectivos, estamos a falar dun gasto de 796,5 €. Para o Sindicato Labrego Galego, trátase dunha medida antidemocrática, xa que grava un dereito recoñecido pola Constitución que debería ser gratuíto, segundo reza o seu artigo 27.4 («O ensino básico é obrigatorio e gratuíto»).

A este gasto, habería que sumar o dispendio en libros de texto e outros relacionados coa escola que teñen que facer as familias galegas, que é o máis alto do Estado despois da Comunidade de Madrid. Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), o desembolso medio que afrontan os pais e nais na escola pública para este curso é de 1.268 € por cada neno ou nena, onde se incluirían libros, matrícula, material escolar, etc.

Tampouco se librarán as familias labregas con cativos e cativas de 0 a 3 anos aos que, por motivos laborais, deban levar a escolas infantís. A Consellaría de Traballo e Benestar volveu subir as taxas das garderías en 2013 tralo brutal incremento realizado en 2012. Así, as familias usuarias terán que facer fronte a subas de até 5 euros, un suma e segue despois de que o ano pasado as taxas das escolas infantís se incrementasen en máis dun 20%, chegándose a duplicar o prezo dalgúns servizos como o comedor. Agora mesmo, familias mileuristas (con renda superior a 1.065 € ao mes) terán que pagar 235,06 euros mensuais por praza nunha escola infantil con servizo de comedor; só este servizo subiu, neste tramo de rendas, 40 € dende 2012, custando na actualidade 71,54 euros ao mes. Neste caso, dado que os nenos e nenas de 0 a 3 anos poden asistir até 11 meses ao ano á escola infantil, estariamos a falar dun desembolso anual máximo de 2.585 euros por cativo ou cativa4.

A forte suba nos custes dun sistema educativo que debería ser gratuíto e universal volve discriminar, especialmente, aos nenos e nenas do rural. A carestía das escolas infantís, unida ás distancias para levar aos nenos e nenas do rural ao centro máis achegado, veda de facto este servizo ao meirande das familias labregas da Galiza. No caso dos comedores escolares, que son para a maioría das familias labregas unha obriga, supoñen unha erosión importante das súas rendas que debemos unir á suba continua dos custes de produción nas actividades agrogandeiras. Neste senso, a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) vén de publicar un informe5 no que demostra que os custes de produción supoñen xa o 93% da renda agraria total, con incrementos dos prezos dos pensos nun 8%, dos fertilizantes nun 9%, ou da enerxía -electricidade e gasóleo- nun 18%. E iso que non contabilizaron os gastos escolares!

Outro dato a ter en conta é que as rendas dunha explotación agraria non entran de xeito regular como os soldos dos traballadores e traballadoras asalariados/as. Deste xeito, na profesión agraria prodúcense fortes altibaixos nos ingresos e gastos mensuais, ao tempo que hai que cumprir estritamente con obrigas como o pago dos insumos ou os prazos de hipotecas e, como non, o abono das taxas por comedor escolar. A Consellaría de Educación non deixou esta cuestión ao azar, e no artigo 15.4 da orde que regulariza as taxas di que «os impagamentos dos prezos públicos e das tarifas correspondentes a cada mes impedirán a utilización nos meses seguintes do comedor escolar, mentres non se proceda á oportuna regularización dos pagamentos». Dende o SLG preguntámonos que farán as familias labregas cos seus fillos e fillas nos meses que baixe o saldo positivo nas explotacións e non dean as contas para pagar o comedor escolar, ou que farán aquelas familias do rural que, simplemente, non teñan suficientes ingresos para pagar este servizo durante todo o curso. Enviaranos coa friameira na mochila para que coman á marxe dos seus compañeiros e compañeiras? Creará a Consellaría de Educación guetos nos centros escolares para que poidan comer os nenos e nenas do rural cuxas familias non dean custeado o servizo de comedor?

Dende o Sindicato Labrego Galego, animamos á Xunta de Galicia e ás consellarías responsables a que cumpran con actos as súas constantes e baleiras promesas de apoio ao medio rural. Dificilmente podemos facer fronte ao imparable proceso de desertización e abandono do campo que levamos sufrindo nas últimas décadas se, dende a Administración, se gravan ou se fan imposibles servizos e dereitos no rural que son gratuítos e accesibles para a cidadanía dos centros urbanos. Por iso, dende o SLG queremos expresar o noso total apoio á marcha reivindicativa organizada pola Plataforma en Defensa da Montaña e do Rural, que este sábado, 7 de setembro, culminará en Fisterra o Camiño de Santiago iniciado o 13 de xullo na praza do Obradoiro en defensa, precisamente, dun ensino público e gratuíto para todos os nenos e nenas cuxas familias seguen a apostar por vivir no campo ou por ter na agricultura e na produción de alimentos o seu medio de vida.

5 de set. de 2013

Solidariedade cos despedidos por El Progreso

Redacción.- O grupo editorial El Progreso despediu a primeira hora desta tarde a dez traballadores, entre eles a tres informadores, Ángeles Maira, Pepe Álvez -na fotografía- e Alberto Teijeiro, invocando as perdas económicas deste exercicio. Os dez profesionais foron convocados sobre as 13 horas de hoxe á sede do diario, onde recibiron a carta de despedimento e a información de que xa se lles ingresara o importe da multa por non telos avisado cos 15 días de antelación obrigados. 

Ángeles Maira, redactora, levaba preto de tres décadas vencellada ao xornal; o fotógrafo Pepe Álvez tiña contrato coa empresa desde 1975 e entrou en nómina en 1980. Segundo o convenio colectivo de El Progreso, o vindeiro ano, ao cumprir 61, podería acollerse á xubilación anticipada. Alberto Teijeiro era redactor da sección de deportes.

O Consello de Redacción de A Voz de Vilalba lamenta o despedimento destes traballadores da información, tanto no fondo como na forma en que se produciu. A información non é algo que se poda producir mediante procesos industriais que nos que se poden aforrar custes de man de obra, senón que precisa bos profesionais. 

4 de set. de 2013

Presentado o Rallye San Froilán 2013

Redacción.- O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable das áreas de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, presentou hoxe, xunto co delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, o XXXV Rallye San Froilán, que se disputará os días 6 e 7 de setembro. A proba, que está organizada pola escudería Miño en colaboración co ente provincial, transcorrerá polos concellos de Vilalba, Muras, Outeiro de Rei, Pol e Lugo e será puntuable para o Campionato Galego de Rallyes 2013. Tamén participaron na presentación Carlos Íñiguez, presidente da escudería Miño; Ramón Carballo, subdelegado do Goberno en Lugo; Iván Corral Pérez, presidente da Federación Galega de Automobilismo; José Manuel Díaz Grandío, en representación do Concello de Lugo, así como os alcaldes das demais localidades polas que circulará o rallye.
A presente edición do Rallye San Froilán, que conta con 135 equipos inscritos, consta dun percorrido de máis de 430 Km, dos cales máis de 90 Km corresponden a 9 treitos cronometrados por estradas asfaltadas pechadas ó tráfico. A proba comezará o venres 6 cun tramo espectáculo no polígono das Gándaras para o que se agarda unha gran afluencia, mentres que o día 7 se desenvolverán o resto dos tramos. 
Durante a súa intervención, Antonio Veiga deu parabéns á escudería Miño-Lugo polos anos que leva traballando na promoción deste Rallye e afirmou que “este evento debe ser apoiado en todo momento polas institucións xa que o automobilismo lucense conta non só con importantes pilotos e unha alto nivel de participación senón tamén con moita afección”.
O vicepresidente da Deputación lembrou que “o Rallye San Froilán é unha proba histórica pola que teñen pasado os mellores pilotos da esfera nacional e estatal, que xa se ten consolidado como unha referencia a nivel estatal, algo que repercute de forma positiva a nivel turístico e económico xa que permite achegar a milleiros de persoas a lugares do noso rural que se saen dos circuítos turísticos habituais”.
Pola súa banda, Mario Outeiro explicou que “o Rallye San Froilán son 430 quilómetros de escaparate pola mellor paisaxe da provincia de Lugo, non só para os pilotos participantes senón tamén para os milleiros de afeccionados que cada ano se achegan a disfrutar desta proba deportiva na que se dá cabida o mellor do automobilismo galego e estatal”.
Antes da presentación, as autoridades presentes puideron observar e subirse a algúns dos vehículos que van participar nesta edición, xa que permaneceron durante un tempo na praza de San Marcos.

3 de set. de 2013

Ramón Chao, Prisciliano e Vilalba

Redacción.-

O pasado sábado, 31 de agosto, tivo lugar, no Auditorio Municipal de Vilalba ás 18:30 horas, un cine-coloquio coa proxección de A Vía Láctea, película realizada por Luis Buñuel en 1969. O acto estivo moderado polo escritor Ramón Chao e polo xornalista Moncho Paz.

O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, o xornal A Voz de Vilalba e a plataforma cívica "Amigos de Prisciliano", contou coa asistencia de numeroso público que, logo da proxección da película entablou un breve debate en torno aos temas tratados nela: a importancia do Camiño, a figura de Prisciliano ou outros moi caros ao director como o catolicismo, o comunismo e o surrealismo.

O guión do filme foi obra do propio Buñuel e do francés Jean-Claude Carrière, que na cinta interpreta o papel de Prisciliano e que na actualidade é o presidente de honra da plataforma cívica “Amigos de Prisciliano”, fundada por Ramón Chao e Ignacio Ramonet.

A Vía Láctea é unha obra única na filmografía de Buñuel, e recolle todas as obsesións do autor. Dous peregrinos contemporáneos parten, como o fixeron desde a Idade Media, da Rue Saint-Jacques en París cara a Santiago de Compostela. O formato é o da tradicional narración picaresca na que unha parella de desposeídos sobreviven ao longo do trazado xacobeo. Asemade, é a narrativa aínda máis tradicional do cabaleiro andante e o seu escudeiro na procura busca da fe e da honra.

Como colofón deste acto, Ramón Chao interpretou ao piano "O lago de Como", famosa peza musical de C. Galos que deu o título á súa primeira novela publicada hai trinta anos, en 1983, e que foi finalista no Premio Nacional de Narrativa.

Pódense ver aquí as imaxes do evento.

1 de set. de 2013