A Syriza chairega

Moncho Paz.- Hai pouco máis de vinte e cinco anos nacía en Vilalba a Agrupación Nacionalista (AN). O momento decisivo para a súa formación tiña lugar co gallo das eleccións municipais de 1987; a maioría dos participantes daquela iniciativa política trataron de desenvolver unha plataforma común co obxectivo de rachar co bipartidismo existente ata entón.

Contra todo pronóstico, AN foi a gran sorpresa nos comicios daquel ano, polos apoios acadados e pola obtención dun concelleiro, quedando ás portas de conseguir o segundo por unha escasa marxe de votos.

Podemos dicir que aquel proxecto foi novedoso no seu tempo e tamén un antecedente doutros movementos que xurdiron máis tarde coa finalidade de aglutinar distintas sensibilidades da esquerda política e constituir unha oposición plural aos gobernos de corte neoliberal, como a coalición radical Syriza en Grecia e Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Galicia.

Mentres a Syriza autodeclarouse como un movemento ecosocialista, anticapitalista e altermundista, os principios fundacionais da AN reconecían aquel proxecto como unha alternativa nacionalista e de esquerdas, na que tamén tiñan cabida nacionalistas, socialistas desencantados, comunistas, ecoloxistas, trotskistas, socialdemócratas e galeguistas.

Aquela iniciativa política, inédita na historia política da Terra Cha, foi un xerme de novas ideas e mobilización social nuns anos de crise económica marcada polas reconversións industriais. A actual Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), liderada por Xosé Manuel Beiras –Anova Irmandade Nacionalista– e Yolanda Díaz –Esquerda Unida– lembra tamén a aquel proxecto de unión na esquerda, que concurriu cun programa social anticapitalista e na defensa dos intereses da vila; unha organización motivada para traballar para os cidadáns desde o Concello e frear a política antisocial da dereita; formada por un equipo novo e motivado, integraba a persoas con carisma político, persoal e profesional. E iso é precisamente o que demanda agora a sociedade.

29 de set. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión