Algo pra seguir soñando

Agustín Fernández Paz.-

(A fotografía é de Inmaculada Reino: O Castelo de Cal da Loba, na Terra Chá; 1980)

TEMPO DE REGRESAR

Cando xa está a rematar setembro e os figos migueliños rebentan con tanta dozura como gardan, volvo a este milladoiro de lembranzas, ou de nostalxias, en que o blog se foi convertendo no transcorrer dos meses.

Abandoneino durante máis tempo do que pensaba, en parte por ese costume de facer unha parada coa chegada do verán, en parte porque andei a traballar na escrita dunha novela que me está a dar ben máis traballo do que supoñía. Lembrei ben veces un verso do poema “Os líquidos íntimos”, de Olga Novo (acostumada a tirar dun poema como por un becerro cando se lle ven as patas), porque levo, se ben con intermitencias, xa máis dun ano traballando nesta historia que transcorre ao longo dos anos sesenta. Iníciase o 12 de abril de 1961, cando Iuri Gagarin, a bordo da Vostok 1, viaxa ao espazo e efectúa unha órbita completa arredor da Terra; e remata o 20 de xullo de 1969, cando Neil Armstrong e Buzz Aldrin pisan por fin a superficie da Lúa.

Á novela aínda lle falta, mais iso non ha impedir que neste blog eu siga lembrando libros, películas, cancións ou cómics que, por unha causa ou por outra, foron importantes ao longo da miña vida. As persoas que tedes a paciencia de me ler xa sabedes de que vai; as que se acheguen de novas poden ir á primeira entrada do blog, onde escribín as intencións que me guiarían neste camiñar pola memoria.

Iso si: volvo ter o propósito de facer as entradas máis curtas; outra cousa será que o consiga.

E para iniciar esta nova xeira, non se me ocorre nada mellor que traer aquí a voz de Álvaro Cunqueiro. “Deloutro lado das montañas” é un poema extraordinario, onde Cunqueiro reflexiona sobre o oficio de escribir e a importancia da imaxinación. Velaquí:

DELOUTRO LADO DAS MONTAÑAS

Alguén dixo que non había cidades para soñar
deloutro lado das montañas.
Non dixo se estaban no áer ou asolagadas nas lagoas,
ou perdidas no corazón do bosque.
Os que foron acolá nada atoparon,
nin altas torres, nin xardíns,
nin mulleres fiando no adro,
nin un rapaz aprendendo a tocar a gaita.
Só eu trouxen algo pra seguir soñando
algo visto e non visto na néboa da mañán,
algo que era unha flor ou un melro de ouro
ou un pé descalzo de muller,
un soño de outro que se puña a adormecer en min,
deitado nos meus ollos,
pedíndome que o soñase máis acó das montañas,
onde non hai cidades pra soñar.

E agora ando soñando por oficio, e non sei
se son eu quen soño, ou é que por min soñan
campos, olladas azúes, pombas que xogan cun neno,
ou unha man pequena e fría que me aloumiña o corazón.

(Álvaro Cunqueiro: Outros poemas. Galaxia, 2011)


Lido no moi recomendable blog de Agustín Fernández Paz: http://agustinfernandezpaz.eu/blog/

27/09/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión